Un exército contemporáneo?

ANTÓN PRIETO

Estamos xa preparados para ver ao chamado “estamento militar” como parte da nosa sociedade? Está ese “estamento” facendo todo o que pode para sentirse plenamente integrado como parte activa e útil da nosa vida pública? En plena pandemia, cos militares desinfectando as esquinas dun país que aínda os mira con recelo, é bo momento para preguntarse estas cousas de xeito amable e amigable.

Medir a empatía mutua entre a sociedade e a milicia é un reto imposible, sobre todo porque o Exército aínda en boa medida semella unha institución opaca, pouco acostumada divulgar aspectos cotiáns da súa vida interna. Os contactos entre as persoas comúns e a actividade militar non é moi habitual, ao contrario do que acontece coa educación, a sanidade, a administración xeral ou incluso a Policía ou os Bombeiros —as áreas de seguridade inmediata—, territorios da cousa pública coas que todas e todos mantemos relacións frecuentes.

A iso hai que engadir aspectos da historia recente, na que o Exército estaba tan vencellado á dictadura, detalle que non axuda precisamente a tender pontes de harmonía. Ademáis, a iconografía, o protocolo e as liturxias militares son profundamente tradicionalistas, algo os aparta das nosas vidas e que os mantén estancados nos cánones de vellas estéticas pouco favorecedoras. E por se fose pouco, sorprende ver o pouco interés militar en adecuar os seus comportamentos simbólicos a unha realidade cultural diversa como a que subxace baixo as urdimes do estado do que forman parte.

Se hai un departamento da Administración Pública que necesita resituarse na sociedade actual, este é o militar. As guerras, como estamos vendo, xa son doutro xeito. E quen máis quen menos aspira a que os nosos militares non sexan utilizados para defender procesos de aniquilamento de noutros lugares do mundo donde os envían a defender empresas petroleiras ou situacións de difícil explicación, pero diso non hai que pedir explicación aos militares, senón aos Gobernos que os dirixen.

Parece chegado o momento de darlle unha volta aos famosos cañóns ou manteiga, tras preguntarnos que compre hoxendía para conseguir unha vida mellor para todas e todos. Necesitamos realmente un exército hiperdotado de armamento e recursos? Ou sería mellor reinvertir parte deses esforzos materiais e humanos noutro tipo de bens máis relacionados coa felicidade das persoas? Estamos supoñendo, por suposto, que a maioría de nós non nos sentimos ameazados por nengún enemigo externo. En termos de enemizades os actores mudaron bastante coa globalización e a evolución económica, e os enemigos da maioría das persoas pode que non sexan nen árabes revanchistas nen chinos comunistas, senón listos especuladores, mercaderes piratas, lobbys e brokers desalmados, todos coa colaboración de políticos liberais que deixan ir o mundo como vai, sen corrixir os seus desequilibrios e confiando todo ao libre mercado.

Veremos algunha vez un exército con formas contemporáneas, preocupado realmente pola felicidade da xente e alonxado de tantos ecos do pasado? Parece que algo diso quere dicir o Goberno cando ascende aos militares á sala de prensa da Moncloa: resitualos, darlles un novo enfoque, como o esforzo da UME por colaborar en situacións delicadas. Bo intento, pero, como era iso das follas e o nabo? Necesitamos un exército distinto, ou un simple acomodo táctico, como foi o do Senado, hoxe convertido en camposanto de elefantes?

Arte de todo o mundo

Pero a globalización tamén ten cousas boas. Se non a teñen, báixenseme sen pensalo demasiado a ferramenta de Google Arts&Culture, onde poden pasearse por centos de museos do mundo a través do seu móbil ou computador. Ampliarán a súa cutlura plástica, e aprenderán a valorar máis e mellor as riquezas que nos arrodean, xa que nesta cidade contamos cun marabilloso museo cheo de datos sobre nós mesmos, de creacións pasadas, de tesouros que nos fóron legados e nos fan moi felices. Agardemos que algún día ese mostrador estupendo de Google incorpore tamén algunhas pezas do noso gran museo.