Máis de 30 anos de intenso traballo

Hoxe

Trix é o espazo de traballo de Antón Prieto, un profesional independente embarcado en diversos ámbitos de traballo. Fago parte de equipos de confianza en entidades e empresas sumando forzas para acadar novas metas ou normalizar o seu rol social con impulsos acaídos.

Tras máis de 30 anos de traballo como asesor, produtor e autor de procesos de comunicación verbal e visual, inicio unha andaina autónoma, pero en magnífica compañía.

Unha marca propia

Chegou o momento de afrontar o traballo diario cunha marca propia capaz de resumir os xeitos de facer e construir elementos de comunicación verbal e visual, ben sexa embarcados en proxectos estratéxicos existentes ou impulsando outros, con empresas ou institucións colaboradoras.

Estes apontamentos biográficos recollen unha viaxe por longos anos de experiencia, desde a última ocupación como empregado do Concello de Pontevedra ata a primeira, aló por 1983 cando iniciei a vida profesional nunha redacción mentres cursaba segundo curso da licenciatura de Ciencias da Información na Complutense de Madrid.

  • 2004-2019

    Concello de Pontevedra

    Director de Comunicación e Protocolo da institución municipal, dependente da alcaldía. 15 anos de desenvolvemento profesional en múltiples áreas da comunicación institucional e política, con dedicación especial ás temáticas relacionadas coa transformación da cidade, a mobilidade e a proxección exterior da marca cidade.

  • 1993-2003

    Escola Superior Marcelo Macías

    Profesor de comunicación na Escola Superior Marcelo Macías da Coruña, un centro privado que forma persoas en duas disciplinas: marketing e publicidade e deseño gráfico. Unha ensinanza práctica na que a maioría do profesorado procedía do mundo da comunicación en activo. Fóron 10 anos de intensas experiencias docentes que supuxeron unha estupenda aprendizaxe en ámbitos como a xestión de grupos, a capacidade de liderado e a formación de profesionais. Moitos deles ocupan hoxe importantes postos de responsabilidade en empresas de toda Galiza.

    1993-2003

  • 1991-2004

    Concello de Oleiros

    Asesor de Comunicación no Concello de Oleiros. A Coruña. En principio como profesional externo e máis tarde como parte da súa plantilla de persoal eventual. Oleiros foi unha enorme experiencia vital e profesional, debido á singulariedade do proxecto político —un municipio gobernado polas súas propias asociacións veciñais— e da brillante xestión dunha equipa de goberno que leva gobernando desde o inicio da democracia capitaneado por Ángel García Seoane. Publicacións de calidade, medios informativos, eventos, imaxe corporativa, relacións coa prensa… un completo de comunicación en apoio da alta calidade de vida do municipio.

  • 1992-1998

    Confederación de Empresarios da Coruña

    Responsable de Comunicación da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) como profesional externo, encargado das relacións coa prensa, da planificación de accións de comunicación cara ao exterior, eventos, comunicación interna, etc, ademáis da realización de clippings e dossieres informativos para os distintos departamentos da entidade. Un traballo que se realizaba tanto para a Confederación como para algunhas das organizacións empresariais que formaban parte dela. En torno ao ano 1996 realizouse unha readaptación da imaxe corporativa da Confederación, unha aposta gráfica que aínda é utilizada hoxe sen modificación algunha.

    1992-1998

  • 1989-1991

    Deputación da Coruña

    Asesor de Comunicación da vicepresidencia da Deputación da Coruña. Despois de múltiples gobernos do centro dereita, a Deputación da Coruña é gobernada por primeira vez por un bipartito composto polo Partido Socialista e o partido de centro galeguista Coalición Popular Galega, liderado polo alcalde de Santa Comba, José Manuel Arufe. Durante dous anos traballamos nos distintos proxectos que se impulsaban e en posicionar a Deputación como entidade colaborativa cos concellos. Foi baixo a presidencia de Salvador Fernández Moreda.

  • 1989-2002

    Emprendedor autónomo

    Director de Hiz Comunicación e Occidental Comunicación. A Coruña. Duas empresas que se foron sucedendo en función das sociedades que as respaldaban. Eran épocas nas que as pequenas axencias de comunicación comezaban a facerse un oco no mercado, para realizar traballos de asesoramento e tamén incursións en áreas como a publicidade, a imaxe corporativa ou a implicación en eventos. Traballos significativos desta época fóron para os Concellos de Oleiros, Carballo, Culleredo, Dumbría ou Vimianzo, a Xunta de Galicia, as empresas Ferroatlántica, Albada (planta de residuos da Coruña), o Consorcio As Mariñas, as asociacións que forman parte da CEC e a propia Confederación, ademáis de outros clientes públicos e privados.

    1989-2002

  • 1989

    Radio Oleiros

    Redactor en Radio Oleiros, como parte da prestación social substitutoria do servizo militar. Un ano de entrega aos ouvintes da primeira emisora municipal de Galiza, participando en programas de todo tipo, especialmente informativos e tertulias como a “Asamblea de majharas”, un programa no que se comentaba a actualidade de xeito lixeiro, desenfadado e irónico.

  • 1988-1989

    Diario de Galicia

    Redactor en Diario de Galicia. Vigo. Primeiro traballo profesional, no que formaba parte da sección de Galiza deste proxecto que pretendía realizar un xornalismo crítico e independente, encabezado por Segundo Mariño, José Antonio Gaciño e Manuel Rivas. Lamentablemente durou só uns poucos anos, ate converterse en Diario 16 de Galicia.

    1988-1989

  • 1987

    Televisión de Galicia

    Redactor en prácticas Televisión de Galicia. A terceira experiencia mediática en prácticas, realizada entre os cursos 4º e 5º da licenciatura. Integrado na redacción central de fins de semana foi unha gran oportunidade de coñecer de primeira man un gran medio audiovisual, experimentar os seus métodos de traballo e tomar contacto coa súa importante componente tecnolóxica. Unha experiencia intensa e moi froitífera.

  • 1986

    El Ideal Gallego

    Redactor en prácticas El Ideal Gallego. A Coruña. O entón segundo xornal da capital serviu para tomar contacto máis íntimamente coa actualidade municipal e estudiar o tipo de factores que nela conflúen: economía, influencias, construción do relato informativo e en especial as dificultades que ten a prensa local para realizar un xornalismo crítico. Unha etapa na que o xornal estaba dirixido por Ángel Padín e a sección local por Olga Cristina Viaño, dous míticos xornalistas de amplísima experiencia na Coruña.

    1986

  • Desde 1984

    Aetinape (Asociación náutico pesqueira)

    Asesor de comunicación da Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueira, unha entidade referente no mundo pesqueiro que agrupa aos técnicos de pesca e navegación que mandan a flota española, unha das máis importantes da Unión. Desde hai máis de 30 anos realizo este labor de asesoramento, redacción e imaxe, que continúo na actualidade, baixo o timón do seu presidente, Xosé Manuel Muñiz. Sen dúbida, o traballo máis prolongado no tempo que veño realizando, moi a gusto, coa familia náutico pesqueira. Unha enorme fonte de aprendizaxe profesional e humano ao longo de toda unha vida.

  • 1984-1985

    La Voz de Galicia

    Redactor en prácticas da Redacción Local da Coruña. Case dous anos nesta etapa na que só ía estar os tres meses de verán, entre segundo e terceiro ano de carreira. Unha primeira experiencia inmersiva nunha redacción nun tempo en que aínda se escribía a máquina e existían nos xornais grandes departamentos de composición e corrección de orixinais. Un tempo no que tiña a cargo a información marítima e de sucesos, duas áreas nas que se aprende moi intensamente a realizar informacións, reportaxes e entrevistas, así como a tratar temas de certa dificultade como os que protagonizan as crónicas de sucesos, espazos delicados nos que había que afinar especialmente para realizar informacións ecuánimes e respectuosas cos e as protagonistas.

    1984-1985

  • 1982-1988

    Formación académica

    Licenciatura en Ciencias da Información, Universidad Complutense de Madrid. Unha etapa de estudo e inmersión profunda no sentido da información e a comunicación nas súas máis variadas formas: orais, verbais, gráficas, videográficas, informativas, persuasivas, oficiais… unha grande oportunidade de poder asistir a clases de profesores experimentados na profesión ou en disciplinas paralelas como a literatura, a historia ou a arte. Un tempo de descobremento e autoconvicción: ir polo camiño correcto e empezar a pisar seguro.

  • 1963

    Nace na Coruña

    1963

Premio Pérez Lugín, 1981

Un dos factores que determinaron a miña dedicación ao xornalismo foi a concesión deste premio da Asociación da Prensa da Coruña aos 18 anos, xusto cando remataba os estudos de bacharalato. Foi por un artigo sobre a necesidade de utilizar a lingua galega na vida cotián, escrito coa cabeza e o corazón dun mozo que vía como o entorno urbano no que vivía ía abandonando o hábito de usar a lingua dos nosos pais e os nosos avós. Lamentablemente, case 40 anos despois segue a ocorrer o mesmo, agravado polo tempo.

Charlas, tertulias

Participar en actos públicos como axente activo é un dos traballos habituais dun xornalista, tanto en espazos informativos ou divulgativos, como noutros de opinión ou contraste de pareceres. Entre estes últimos, cabe mentar a participación últimamente nalgunhas das animadas tertulias políticas de Radio Pontevedra ou o Canal Rías Baixas. En canto ao labor divulgativo, cabe citar algunhas intervencións relacionadas co plano de distancias e tempos “Metrominuto” e outras sobre o modelo de cidade de Pontevedra.