Beneficio máximo persoal
A N T Ó N P R I E T O
Pan para todos. Iso é o que pretende dicir o goberno redistribuidor. Pero moito apelar á Europa do maná e pouco relato do reequilibrio. En dúas palabras: se necesitamos máis diñeiro, este ha de vir do exterior ou do interior. Con Europa ensinando os seus dentes de piraña (o adn é o que é), teremos que usar a fiscalidade interna como fórmula para equilibrar o benestar material. Por non falar dos impostos que serían posibles nunha Galiza un pouco máis dona de si mesma.
Sabido é que os informativos e as teles renunciaron hai tempo a chamar as cousas polo seu nome, levando a información económica cara a unhas linguaxes imposibles de seguir polo gran público. Información bolsista que non interesa máis que a unha pequena parte da poboación, conceptos burocráticos que ninguén se molesta en traducir á linguaxe da rúa, verdades selectivas que non relacionan unhas informacións con outras e quedan en mera propaganda, información nesgada de corporacións que nos bombardean coas súas bondades para gañar enteiros cara aos seus accionistas… e todo para elevar o capital á categoría de deidade e ao capitalismo á relixión do noso tempo. E facéndonos crer que a política está por enriba do diñeiro, cando en realidade son os mercados os que dominan o mundo.
Agora que se lles parou o carrusel consumista global, agora que ven como os respiradores que antes custaban 20.000 en plena crise custan 200.000 —algo totalmente normal, Adansmith—. Agora que ao parecer temos un goberno social-comunista, hai poucas referencias a quen debe pagar os efectos da crise. O pan ten que chegar a todos e, en palabras do presidente, “ninguén quedará polo camiño”.
Mentres as grandes corporacións póñense docemente tráxicas en vomitivas campañas televisivas que anuncian as súas marcas entre informativos de cadaleitos. Mentres, afánanse por publicitar as súas doazóns sanitarias con argumentos de dubidosa verificabilidade, expresando a tradicional lóxica do hipócrita relato publicitario, ninguén se dá por enterado: Amigos, amigas, teredes que pagar máis ao fisco.
Se queredes seguir vendéndonos teléfonos, viaxes, megas, enerxía eléctrica, créditos de consumo, coches, chalés, roupiña, iogures de mil sabores, xantares procesados, estadías de hotel, apps ou seguros médicos, teredes que contribuír máis. O noso gran valor colectivo é a nosa capacidade de consumo, e o noso gran valor institucional é o estado, o poder público, a quen lle tedes que pagar.
Por tanto, teremos que conseguir desde o estado que os grandes beneficiarios da nosa capacidade de compra, apoquinen parte das súas ganancias. E xa que falamos dunha renda mínima universal, podemos empezar a sondar o concepto dun “beneficio máximo persoal” por cada unidade de individuos que formen parte dun consello de administración. Utopía? seguro. Pero máis utópico era este reino de morte e represión vital que hoxe padecemos, e aquí está.
Colors Magazine
Para deixar un pouco tranquila a Inditex, imos recorrer a un trinomio: comerciante italiano – man de obra asiática – cultura USA e inventarmos unha ensalada con estes ingredientes. O primeiro, Luciano Benetton que nos 90 confiou ao fotógrafo Oliverio Toscani a comunicación da compañía, logrando clamorosos éxitos con transfondo de denuncia social. Ao tempo, un laboratorio de comunicación, denominado Fábrica, púxose coa edición dunha senlleira revista que repasaba o mundo con pequenos textos informativos bilingües. Un riquísimo caledoscopio universal á marxe dos tópicos do cinema, a música, as viaxes turísticas ou as modas. Coñecer o mundo a través os 90 números de Colors editados entre 1991 e 2014 foi revelador, enciclopédico e realmente cosmopolita. Como cosmopolita é a elegante ironía que Carosone expresou na archifamosa Americano, de 1956, con centos de versións actuais. Gozádeas.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 2 DE ABRIL DE 2020, DÉCIMO NOVENO DÍA DE CONFINAMENTO