ANTÓN PRIETO

Acobardados polas insistentes e machaconas medidas para nos reinserir na nova normalidade, observamos como imos afrouxar os rigores da nosa inmobilidade. Dous metros, beirarrúas anchas, xel hidroalcohólico, luvas e máscaras, mamparas, rotulacións provisorias, turnos inauditos … unha desagradable liturxia de quirófanos apodérase das nosas vidas ante a que ademáis debemos poñer cara de risa. Entreguémonos con agarimo ás estreiteces da distancia controlada, claro que sí, aceptemos con deportividade esas normas rotundas contra nós mesmos e tomemos en serio o que Simón e compañía nos recomendan para vivir.

Se existe un itinerario cruel nestes días será o da aperta. Ese espazo de tempo no que remata a viaxe desexada, o encontro casual, o protocolo asumido de tantas situacións que nos resultan imprescindibles. Unha aperta é chegar ao cumio de momentos que sempre desexaremos vivir, por enriba de todos os desacougos, de todas as miserias que compartimos, de todas as experiencias derrubadoras, de todas as treboadas. A aperta política de Genovés nese cadro que din que representa a transición e que os madrileños chantaron ante o despacho laboralista de Atocha. A aperta de “matáronlle un fillo”, de Castelao, esa alegoría antifascista. Ou o da paternidade de Ramón conde ao pé da Torre de Hércules. Ou tantas e tantas que enchen as artes plásticas de significados sublimes.

Desacougo, ánimo, proteción, plenitude, erotismo, amizade, pranto, ceremonial, bondade, caridade, compaixón, seguridade, xenerosidade, compromiso, amor. É tan grande o universo de sensacións que pode xerar unha simple aperta, que prescindir tanto tempo do seu uso social vai ser realmente duro.

Temos o recurso ás apertas íntimas e cotiáns, que por seguras e omnipresentes semellan ter menor importancia no carrusel das sensacións necesarias. Devecemos polas apertas dos familiares que máis lonxe viven, dos regresos intermitentes, das chegadas a eses lugares que frecuentamos só unha vez ao ano, polas apertas húmidas dos amantes, polas máis medidas e defensivas do sexo efémero, do que o meu querido Alf chama sexo industrial.

Para el, “a aperta supera ao beixo, ao acariño, á penetración ou á felación como fronteira invisible que separa os afectos, polo que se convirte nun anatema entre descoñecidos”. E ten razón, os descoñecidos poden sudarse, sobarse, devorarse enteiros, manter todo o sexo que lles proscriba o desexo, pero rara vez se funden nunha aperta da alma, desmecanizada, sen as grúas da loxística erótica. Se iso che ocorre no primeiro polvo, seguro que has enganchar ou alomenos elevalo ao teu altar das nostalxias, na viaxe de Hiperión aos Paraísos Perdidos que Charo López traducía desde Hölderlin nesa potente peli de Martín Patino.

Queremos esas apertas íntimas, soñadas, esas apertas que o teu amor te describe calquera mañá cando che di que precisa o teu corpo para o sexo, pero sobre todo para a aperta. Esas apertas que tan ben ulen, que tanto prestan, que, volvendo a Alf, “nos retrotraen á sensación de proteción absoluta que é o útero materno, unha necesidade vital mentres esteamos no planeta, un xesto necesario que nos convirte en vulnerables” en marabillosamente vulnerables ante todo iso ante o que nos apetece pechar os ollos para seguir vivindo. “Abrázame, anda”. Cantos amantes usarán o whatsapp cada noite con esta frase aínda por algunhas semanas máis?

Almodóvar

“Los abrazos rotos” é un deses filmes que quizaves algúns fans de Almodóvar sitúen nun lugar intermedio da súa filmografía. Desas ás que a industria española do cinema aldraxou nos Goya premiando só a música de Alberto Iglesias. Eu recoméndollela encarecidamente, porque é unha peli redonda sobre a intimidade do desexo que acariña todos os paus do universo dese xenial director que tanto nos marcou a mirada.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 11 DE MAIO DE 2020, DURANTE O CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Morrer coas botas postas é unha expresión que queda moi grande ao personaxe que hoxe nos ocupa. Ninguén, nin o máis cruel humano, merece morrer. E vaia por diante un sentido respecto cara á familia, os amigos, cara ao círculo íntimo de alguén que para quen non formamos parte dese círculo, a maioría da poboación, non era unha persoa, senon un símbolo, un tipo capaz de representar algunhas cousas importantes. É o malo de ser famoso. Tes un espazo reservado para a túa vida, pero outro que resulta unha versión extensa de ti mesmo que che xulga e trátache como a un logotipo.

Billy o Neno, nado Juan Antonio González Pacheco, foi un personaxe clave na transición. Por baixo do frus-frus do juancarlismo, durante os anos 60 e 70 este home destacouse como o terror de Madrid. A xente que se movía en torno ao partido comunista á fundación do sindicato Comisións Obreiras, aos movementos alternativos á recolocación do vello franquismo nos postos claves da nova democracia que fraguou na Constitución do 78… toda esa xente digna do Madrid resistente, unida aos novos movementos obreiros e esudiantís que emerxían no ocaso da ditadura, teñen neste policía torturador e cruel un sinónimo do oprobio, o abuso e a prepotencia violenta da ditadura e a transición contra todo aquel que quixese desmarcarse das pautas establecidas polo réxime.

Recordo ao meu vello Pedro Lorenzo, un dos heróis da miña vida. Hoxe case 80 anos de mirada digna e acuosa, despedido da Perkins, dos que viviu de perto o famoso xuízo 1.001. Toda a súa mocidade loitadora pasouna enganchado á psicanálise e á incerteza de se axentes enviados por este inspector cabrón chamaban á súa porta ou a tiraban dunha patada. Viu caer moitos dos seus compañeiros amordazados pola ameaza deste tipo que baixo o reloxo das badaladas de fin de ano infrinxía danos atroces ás súas vítimas para que falasen, para que delatasen, nunha loita desigual dominada polo sadismo dun personaxe abominable.

Este violento capador de soños, este torturador que aínda onte morreu nunha cama de hospital tras cobrar as pensións que lle reportaban os seus “méritos” policiais é un deses policías que manchan a memoria de tantos outros axentes e mandos decentes que fan o seu traballo sen tes que acudir á miseria dos seus costumes displicentes e indignos, exercidos desde o alto dun trono covarde.

Así deu a noticia Diario de Pontevedra

Así deu a noticia Diario de Pontevedra

O pasado 25 de abril alguén lembrou que Portugal saíra da ditadura polos seus propios medios, algo que España non conseguiu a pesar de telo intentado. Pero o máis grave é que, 45 anos despois da morte do ditador entre brancas sabas de algodón, tampouco conseguiu defender a dignidade de tantos agredidos por este matón que esnaquizou as vidas de tantas persoas. Vergoña colectiva dun país que enterra ao pior da súa xente sen darlle a oportunidade de escoitar oficialmente os reproches das súas vítimas, cheas de nobreza e razón.

Cancións da República

Aprendín algúns acordes da Internacional da man da miña avoa nos anos 60, unha peculiar versión que dicía “agrupé agrupémonos todos, na vito, na vitoria finaaaal…” Busquen cancións desa época e encheranse de himnos vigorosos, pezas de guerra e de amor, mesturadas con poemas de Lorca e por suposto co enorme cantar Os Pinos, de Pondal, que, pouco despois de recuperada a autonomía converteríase no noso himno nacional. Tamén mo cantaba a miña querida avoa, que debía ser moi vermella e valente para manter na súa memoria durante todo o franquismo a flor e a dignidade que nunca quixo perder. Youtube pónvolo fácil, en recordo de todas esas alimañas que nos amargaron a vida.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 8 DE MAIO DE 2020, DURANTE O CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Competición de altura. Debate de espadas no máis alto da pandemia. A inaudita prepotencia de Pablo Motos opinando sobre o aspecto físico de Fernando Simón: “Parece que chega de dormir nunha furgo”, dixo sobre o desaliño do voceiro do comité técnico gubernamental ante a crise. Unha diatriba que vai moito máis aló do chabacano comentario dun aspirante a tronista MHYV. Ese tipo composto de carne de gym á desesperada puxo en valor o sex-apeal —uff, que palabra máis antiga, o morbo, a follabilidade, o engado seductor— do líder espiritual da loita contra o corona.

Lembrando unha canción de Javier Krahe da que vos falarei máis abaixo, onte fixen unha enquisa urxente entre as miñas 80 mellores amigas, cun notable éxito nas redes. A pregunta non era branca, que para iso xa está o CIS. Era unha pregunta militante, celebrante e candorosa: “Por qué é máis sexy Simón que Motos?”. En duas horas, ducias de respostas.

“En Simón hai pouso… nótanse as tardes de libros e menceres conscientes, e Motos reflicte as caídas de San Pablo do rapaz vulgar e común, de noites inconscientes, de ocios fútiles, tan dos 80 e 90; sei que a miña opinión pode sonar clasista, pero culturalmente o son e non me avergoño”, dí o gran Alf.

“Motos parece o sobrevivinte dunha desas miserias da xenética, esa posguerra tan dura, e Simón é persuasivo, agradable, rigoroso, e ten un natural seductor, mesmo a unhas idades nas que se vai perdendo; ademáis a muller é de Bergondo e pasa os veráns aló, fala marabillas de Galicia”, dime HA. AC cóntame: “nen a pel, nen a cor do pelo, nen que se impoña ao entrevistado. Simón explica e ofrece sinceridade”. AR di que é unha cuestión enerxética: “Pablo ten mala vibra”.

MF dí que lle mola o desaliñado que vai, en contraste con outros. YB cóntame que Pablo é o antivicio e Fernando achuchable. A LC parécelle que ten o cerebro moi atractivo. IP di que Simón asume que non é agraciado físicamente con seguridade, fronte aos complexos de Motos. E DA “Para motos sexy, as Harley, e Simón é unha illa preciosa”. Ole! “Non sabería diferenciar a Motos dunha lamprea… bueno a lamprea debe comer mellor o rabo”, di RS.

Lamentablemente non podo recoller todas as respostas. Pero aquí van algunhas: Sexy Simón polo que cala. Todos necesitamos un mínimo de intelixencia. É e non presume. Parece normal. Motos vai jripao. Moita grima os vigoréxicos”. Pola voz afónica. Motos da asco. Por currículo. Porque ten poder. Son fan de Simón, téñoo de amigo. Os rizos desgarbados axudan. Tenro e descoidado. Calquera humano supera a Motos. Sabe do que fala. Carreira demostrable. A intelixencia é das cousas máis sexys dun home. Humilde, descoidado. Motos semella de Látex. Simón parécese a Antoine Griezmann. Intelixente e humán. Sensible. As cenouras, para os coellos. Fernando axuda a países aos que Motos non iría nen de vacacións. Acaríñate ao mirarte. Simón pode recetarche algo, que xa teño unha idade”. Fernando é un bohemio: “Se hai que ir, vaise; pablo só para festa, e se é preciso, préstache a chaqueta, pero pouco máis… eu nen para festa”, replícanlle. Motos, pois é Pablo Motos… Por todo, pero a intelixencia suma moito.

Só algunha indiferencia ou contra o noso ídolo: “Simón, ese adefesio?” (lóxico, rojigualda no perfil).. “Sexy nengún, Pablo é máis agraciado, pero sexy só o meu JB”, dí SU. SB vai directo: “se os atopo a ambos de cruising nun bosque, enróllome cunha árbore”. E MC, que coincide no do peinado: “Parece que meteu o dedo nun enchufe”, pero rescata algo: “Se pechas os ollos e marmúrache con esa voz rasgada… mmm”.

As banalidades forman parte de nós. De todo o que nos transmiten as persoas coas que nos cruzamos, sexan catódicas, virtuais ou reais. De cómo un comentario estúpido da lugar a un mundo de opinións que nos axudan a retratar a realidade.

Como fixo Krahe cando detectou “Un burdo rumor”, título do temazo no que describe unha enquisa para coñecer se o tamaño do seu órgano sexual era adecuado, ou tiñan razón os que marmuraban “que la tengo muy pequeña”. Pois o mesmo… Simón gana por goleada ata en follabilidade en relación á cenoura catódica. Supoño que en vista do éxito, o doutor será entrevistado no Formigueiro en calquera momento, porque como díe JS, “Nunca simpaticei con Pablo Motos”.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 4 DE MAIO DE 2020, DURANTE O CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Unha foto do mestre Cervera, publicada onte nas primeiras páxinas interiores do Diario, diagnostica fielmente a situación. Mami con criatura pola Ferraría. Rider con algo ás costas e en bici. Carteleira coa sobreimpresión “Suspendidos”. Cola no Acuña para proveerse de pan fresco, doces ou empanadas. Pero hai dous detalles que elevan a foto ás alturas: a programación de Cultura encabezada pola palabra “Inverno” e a fantástica conspiración da natureza entre as pedras do chan. Herbas que, liberadas de calquera presión, bulen por entregarse á claridade dunha cidade entreistecida pero esperanzada.

De entre todas as estacións, o inverno é quen máis pode definir esta brutal primavera. Se o tempo fose unha línea única e non só un ritual de recaídas e renacementos, o inverno sería a última fase do percorrido. O ocaso de todo. Sería a estación da recollida, da intimidade, da conexión con nós mesmos, dos balances sobre o que foi o camiño, da morte. Non debemos caer no derrotismo, pero por moito que nos opoñamos, ahí están os caídos.

Ahí están as vítimas, cos seus pulmóns invadidos, cos seus respiradores artificiais, coas súas Ucis, coas agarimosas mans e a enorme sabedoría de quen intentou dalo todo por sacalos adiante. Ahí están eses pensamentos do que pode chegar a ser o último treito, o derradeiro, tirando do alento, confuso, entre a febre que anuncia o pior día da túa vida e a raiba por seres un dos elixidos, imaxinando a felicidade de quen aínda pode soñar con pasear pola beira do Lérez, co que a ti che gusta esa senda que circula polo estómago dos carballos.

Pero non. Estás aí, perto do día que ha quedar grabado no mármore da túa tumba ou na memoria da túa xente. Nun momento do mundo no que ademáis sabes que nen sequera os teus achegados poderán irche ao enterro, só o teu fillo e a túa neta, se acaso. Pensas en cómo sería capaz ese bicho invisible de invadir as sábanas brancas que con tanto agarimo bordaches hai anos. Compartiches contigo mesmo eses días dun inverno de abril esa tensión sobre se hei chegar ou non a sair deste hospital a pé, se volverei a abrazar aos meus amores.

Isto é inverno, os días nos que se libran as batallas contra a cruel amenaza deste bicho cabrón. Se non tes a sorte de superalo, participaremos en todas as homenaxes que vos fagamos, lembrarémosvos sempre coma esa parte riquiña do país que deu sentido a un inverno prolongado. Ogallá a palabra “suspendido” sobreimpresa no cartel dos espectáculos cobrase o mesmo sentido metafórico, e fose quen de acabar con este frío sanguinario.

Pero ahí están as ervas do chan. Ahí está a primavera. Será triste polos que xa non están, claro que si. Todos imos non estar algún día. Pero todos imos ter alguén que nos suceda, como nós sucedemos aos nosos país, aos nosos mestres, aos nosos amores maiores, aos nosos ídolos. Alguén que, como esas follas de erva que xorden liberadas das pisadas dos paseantes, siga vivindo dentro dos corazóns que quixemos, eses lugares nos que continúa o arrecendo do noso aroma. Esa forza capaz de impulsar a nosa alegría apoiada na herdanza de quen amamos.

Son a primavera, o reinicio de todas as cousas, a certeza de que a vida nunca para, a soberbia lección que a natureza nos enseña. Coidádeme. Vivide conforme á miña sabedoría infinda. Non me pisedes. Son o único que pode axudarvos a continuar o camiño.

After life

Ubicados nesta trascendencia grazas á fotografía de Javi CM, temos que recomendar unha serie brutal. Curta, duas tempadas, con breves capítulos minimalistas de pura emoción. Son felices. Viven a vida tranquila nunha provincia británica. Ela morre e el queda só. Sen fillos. De mil formas se contou o amor. Esta é unha delas, chea de matices, de humor, de silencios, de esperanza. Ricky Gervais, un enfant terrible de Holywood, un tipo con sona de burlarse dos famosos, é o creador, director e actor principal dunha serie coa que quere falar dun tema tabú: a morte antes de tempo. Se teñen ocasión, non a perdan.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 1 DE MAIO DE 2020, DURANTE O CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Resulta que por fin camiñamos cara a unha nova normalidade. Ben. Mola o reto. Sondeemos. O de saudarse co cóbado parece algo banal. Afarémonos coa mellor dos nosos sorrisos, co máis puro dos nosos sarcasmos, con máis gloria que pena, como nos afixemos a ler no móbil, a non facer a cama ou a lavarnos o cuíño tras cada deposición, hábito quizá non moi estendido, xa que o máis cool foi prescindir do bidé durante estes últimos anos de interiorismo… pois síntese. 

Ah que a vostede non lle importa iso de lavarse o cu, ou lávao coa ducha facendo malabares. Paso atrás na hixiene anal, de xigante… ¿Quen é quen de ir aínda pola rúa coa testemuña do seu  residuo unicamente superado por un pouco de tisú? Dáse o caso que convivimos con xente que baixa ao mercado co seu  consolador alá adentro, que xa os fabrican especificamente para iso, o cal facilita a súa compra dunha forma substancial. 

Superando ese sublime costume de pracer mañanceiro, sigamos viaxando polo paraíso da normalidade. A súa alegría, por exemplo. Esa que manifesta cando vostede fai dano a alguén. Exercendo a vinganza, facendo circular todas as mentiras que agocha tras o seu rostro delicado e doce. Ou compartindo un deses vídeos nos que se ve á súa veciña ligando co xardineiro, ou ao cura saíndo do prostíbulo. 

A normalidade de escoitar o berro dun orgasmo estratosférico. E que dicir desa normalidade da gargallada fácil ante xente desgraciada que cae, ou dos gatiños que non acadan aquel moble. Risas cacofónicas, estériles, que abandonaremos nos confíns da vella normalidade. Ou o Mediterráneo, esa normalidade que separa dous mundos con tantos miles de cadáveres de xente nova e pobre baixo as doces fotos das súas ondas. Ou Ikea, a normalidade  impronunciable dos mobles a anaquiños, manexables, trampeiros, construídos para nós en calquera lugar do mundo mentres pechamos as fábricas de por aquí. 

Ou as fronteiras. O normal. As fronteiras normais, as españolas. Os teimudos, aldeáns, burros e estreitos nacionalistas sodes vós, non nós, que somos viaxados, cosmopolitas e amamos o mundo, pero só o que vai entre Xibraltar e Pireneos, entre a Serra de Gata e o Cabo da Nao. Ou iso tan normal de mirar con ese aquel a negros, abortistas, xitanos, maricóns, chineses, drogatas ou mouros para relacionármonos de ti a ti coas lendas máis escuras da nosa intrahistoria. Ou o normal que nos resulta que Assange estea preso ou Saviano confinado.

A normalidade de mercar estupideces polos aniversarios, de celebrar o amor con osiños de peluche ou camisetas enxeñosas e asiáticas. A de vixiar aos nosos fillos coma se fósemos policías, controlando a súa expresión e o seu bulir, impedíndolles o seu desenvolvemento, alonxándoos dos seus riscos, converténdoos en vulgares marionetas. O normal. A cara que se lle queda ao ver ao seu veciño travestido, ou a outro tragándose un bo rabo apoiado nunha árbore ao pé do Lérez. Á merda coa súa antiga normalidade. 

Apúntome, Presidente. Axúdenos a resistir ao bicho inventando unha nova maneira, que nos sirva para convivir, que nos axude a crecer como seres libres vendo aos demais como seres libres, amables e comprendendo que raras somos todas, como di unha admirada lesbiana da Illa. E non se me cinga ao metro e medio, que precisamos máis mundo, máis amor e menos telarañas para ser absolutamente normais.

A Arte da Guerra

Se existe algún importante libro militar no mundo, é este. Escrito no século V adC por Sun Zi, recolle tácticas e estratexias militares ben antigas. Segundo dixo o seu compatriota Mao Yuanyi no século XVII “Quen antecedeu a Sun Zi non pode compararse con el, e quen sucedeu a Sun Zi tampouco pode compararse con el”. Hai unha preciosa edición de Teófilo Edicións en galego deste pequeno libro que moitos consideran “o núcleo da sabedoría da guerra”. Ogallá estea perto o momento de consideralo un libro de arqueoloxía.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 30 DE ABRIL DE 2020, DÍA DE CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Un tempo no que xurden regueifas por sorpresa, de súpeto, en cando abres calquera porta da casa, batallas inauditas, das que nunca se agardarían, coma eses sustos que che dan no cumpreanos ante os que temos que poñer cariña de ovella. Claro. Se é o meu cumpreano. Vós sodes seres marabillosos. Estamos xuntos. Contamos connosco. Como festa, estupenda. Como sorpresa, do carallo.

A guerra de hoxe non é dos xenerais que flanquean ao doutor Simón, ese anxo desaliñado que tanto amamos, nen das que se monta a Brilat contra o bicho, estea onde queira que estea o virus cabrón. Nin a guerra crucial que se libra nas Ucis con médicos e enfermeiros perseguindo a vida con toda a súa forza e capacidade. Nen a guerra semántica sempre na boca do Presidente, magnificando o seu posto de mando. Nen sequera esa guerra de cifras case en código aberto que de momento nos abochorna ante o mundo. Nen a guerra política na que saltou polos aires o concepto descentralizado do reino.

E tampouco é a guerra de Cannon contra Nikon, os dous xigantes, as duas filosofías da fotografía popular de hoxe. É unha guerra de teleobxectivos. A que estes enormes lentes establecen co concepto de honestidade, de verdade, de harmonía entre a realidade e a súa representación mediática. Antes do confinamento, vostede ve a Michelena ás 8 da tarde chea de xente. Vostede está mirando sen intermediación nengunha. Só cos seus ollos.

Se fai unha foto cun obxectivo sen máis, dos ordinarios, dos que case non distorsionan, verá case a mesma xente, ou incluso algo menos, porque a lente vai acotarlle o espazo e ao conxelar a imaxe verá mellor o que ten máis perto. Se en cambio a fai cun obxectivo dos chamados “gran angular” a foto aparecerá con pouca xente, xa que o espazo que vostede ten diante agrándase creando unha sensación de amplitude que minimiza, neste caso, aos peóns. Se en cambio utiliza un teleobxectivo, conseguirá unha imaxe na que desde o Concello case pode tocar coa man a Peregrina, con toda a xente da rúa apelotonada na súa retina, transmitindo unha sensación de abarrote.

Iso foi o que pasou coa saída das criaturas o domingo. Se vemos desde arriba todas esas fotos de multitudes infantís xogando nos parques, as distancias seguro que eran acaídas e responsables. Se eu saio do meu portal para a dereita, teño unha cola da farmacia e outra do Froiz. Con frecuencia hai 5 ou 6 persoas na farmacia e 10 ou 12 no Froiz. Se os miro sen moverme do portal, vexo abundancia. Se camiño, vexo a esas mesmas persoas, unha por unha, gardando fielmente a distancia sanitaria. Tristes, pero hixiénicas.

En 1994 La Fura estreaba en Lisboa o seu espectáculo MTM. Non había escenario. Só cámaras de video, enormes pantallas e paredes móbiles. O espectador corría entre os actores, entre a peculiar violencia provocadora da compañía. Dous espazos pechados. Desde o lugar que che tocaba estar, só vías do outro espazo as imaxes que che mostraban. Lograban unha enorme eficacia na transmisión do terrible que era a outra parte do mundo, a que ti non eras quen de ver. Iso é a manipulación informativa, campo no que a imaxe é sumamente eficaz. A guerra dos teleobxectivos, coa que o ABC entrou en liza desde a súa portada cunha imaxe na que suxería que os vascos de Donostia, unha das cidades máis cultas e cívicas, se tomaban de coña a distancia social. Todo para alimentar esa caterva de cans famentos de casquería para pelexar no twitter.

Shakespeare

E xa que falamos da Fura, onte mesmo transmitía en directo unha performance sobre “A maldición da Coroa”, baseada no Macbeth de WSh. Se lles gusta o teatro, poden ver esta representación tan senlleira, desde a casa, pero co selo dunha das apostas creativas máis intensas do noso tempo. Unha sesión que teñen na canle da Fundación Épica de La Fura dels Baus e que poden gozar desde as pantallas do seu computador.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 29 DE ABRIL DE 2020, DÍA DE CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

“Ola! Son Susana Distancia. Teño un Súper Poder que me axuda a frenar o Covid19. Cando estendo os meus brazos podo crear un espazo de metro e medio que me mantén lonxe do malvado coronavirus. Esa é a sana distancia. Sabes, tí tamén o tes. Pero ollo, aínda que temos que estar separados, unidos e solidarios sairemos adiante” É un dos guións da campaña publicitaria do Goberno de México, que en tempo récord creou unha superheroína que lles está axudando a difundir a mensaxe sanitaria.

Mentres as teles españolas están cheas de melifluos anuncios motivacionistas cheos de intimismo barato, son moitos os que lembran a resposta publicitaria española a outra epidemia, a da VIH, que ao principio chamábase simplemente Sida. O famoso anuncio “Si-da Non-da” foi no seu momento moi impactante, un achádego da creatividade publicitaria que deu unha dimensión importante a unha campaña estratéxicamente abocada ao fracaso, pois ao poñer o foco só en dous grupos de persoas —gais e consumidores de drogas—, relaxou ao conxunto da sociedade e contribuiu a estigmatizar a estes segmentos da poboación, con resultados pouco apetecibles. Tras 40 anos de loita contábanse 76,1 millóns de persoas afectadas por VIH en todo o mundo e 35 millóns mortas.

A produción cultural española en xeral é modesta. A cultura non da ascendido á primeira división do relato público, como tampouco a ciencia, a universidade ou a industria. Ogallá algún día se puidese facer un barrido obxectivo de porqués, cando superemos este pavoroso momento de cifras necrolóxicas. Porqués básicos e sen acritudes, sobre a solvencia científico-técnica, a obsesión centralizadora, a desconfianza política, o sistema sanitario, a desertización industrial, a influencia real da globalización nas nosas vidas. Porqués sobre o consumismo, a conversión en lucrativos negocios de servizos públicos básicos, a utilidade das políticas rutinarias que non cuestionan a avaricia e os beneficios empresariais como fundamento da economía.

Pero disgresións a parte, un goberno tan xeneroso en transparencia informativa, limitouse a un inexplicable chisco publicitario desde o primeiro instante. Xenerou unha frase superconmovedora, ata romántica e épica: “Este virus parámolo unidos”. Un achádego arrebatador con fillas dignas dos Óscars da publicidade: “Parámolo se non te confías”; “Parámolo se te mentalizas de que isto non vai a ser doado”; “Parámolo cada vez que lavas as mans” etc. A parte de defectos como utilizar o amarelo corporativo sobre branco, a notoriedade da campaña resulta escasísima, pois as súas mensaxes transmíteas moito mellor o doutor Simón que os mecanismos publictarios que puxeron en marcha.

E aínda que López Obrador tivo de inicio unha controvertida relación coa pandemia, o seu departamento de saúde soubo dar a dimensión mediática precisa e correcta coa personaxe de Susana Distancia, recentemente adoptado por Disney para non sei qué producións. Un dato que tamén podemos relacionar co iluminado que nalgún momento da historia recente decidiu que Xabarín non era un bo instrumento para axudar a consolidar a lingua galega, prescindindo dun dos grandes aliados da nosa escasísima esperanza de vida lingüística. Aprendan, soberbios. Viva México, cabrones!

Paquita, la del Barrio

E falando de méxico, déixenme recomendarlles unha das miñas divas de cabeceira. Ela, a única, a arrebatadora, o simpar azoute da cultura machista mexicana. Un simple paseo polos títulos dalgúns discos: “As mulleres mandan”, “Non me amenaces”, “Estasme a escoitar, inútil?”, “Duro e contra eles”, “Bórrate”. Unha voz baril, unha desenfadada soberbia, unha conmovedora relación co sofrimento, unha linguaxe sen medias tintas: Rata inmunda, animal rastreiro, escoria da vida, adefesio mal feito, infrahumano, espectro do inferno, maldina sabanduxa, cando dano me fixeches. Uns párrafos de exemplo da súa mítica “Rata de duas patas”. Non a perdan. Escóitena moito, boa falta nos fai.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 27 DE ABRIL DE 2020, DÍA DE CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Hai partes substanciais da vida das persoas das que non fala case ninguén. O confinamento chega a todas as partes do corpo e a case todas as do mundo, e os nosos relatos, o esquema de razoamento da nosa relación co virus e esta estraña situación paralizante, nunca inclúen unha dimensión latente en moitos corpos, en moitos corazóns, en moitos aparellos xenitais. Os amores afastados.

Sei de alguén que se arrisca cada noite que libra do seu traballo esencial e achégase á calor do seu amado, que reside a poucos quilómetros da súa casa. É un amor case adolescente, dos vinte anos e por tanto fastuoso, como todos a esa idade. Explicáronme como fan. Quedan en Carrefour e circulan por non sei que camiños burlando a presenza policial. Non se senten delincuentes, non se senten irresponsables, son xente de ben, cos seus traballos e as súas cabezas ben amobladas. É o desexo o que lles move a aventurarse polos camiños de Salcedo en busca da calor e a paixón irrefreable.

A corentena é dobremente cruel co desexo dos distantes. As distintas revolucións/evolucións/conexións das últimas décadas crearon novas dimensións para a felicidade das persoas. A familia convencional sen licenzas sexuais dos seus membros está en franco retroceso. Moitas parellas desfanse ao entender que deben explorar novos horizontes. Outras mantéñense cos seus compoñentes cruzando certas fronteiras que consideran perigosas, pero ao que se arriscan tras razoar que os bicos que non dás hoxe, nunca se recuperan, e a vida é curta e toda esa andrómena existencial. Moitas persoas viven orgullosamente soas, adoptando unha existencia plena e apetecida. Outras mesmo manteñen relacións familiares complexas, a varias bandas, o que por moi minoritario que resulte, tamén existe e ademais é admirable, porque conleva unha dose de valentía que as converte en especiais.

Todos sabemos que hai amores que en distintas relacións —secretas, explícitas, frecuentes, esporádicas, combinadas, complexas ou simplemente proxectadas— a dúas ou tres cadras da túa casa, na túa propia cidade ou na de á beira, pero tamén a 20, 80 ou centos de quilómetros de distancia. Amores que enchían moteis ou remotos espazos naturais onde explotaban de felicidade. Amores que aproveitaban calquera escusa para descubrir cidades ou foder en lugares insólitos, construíndo inesquecibles aventuras, para regresar despois á máis ou menos gris realidade das súas vidas.

Amores con cadencia semanal, mensual, bimestral, anual. Amores que cando se xuntaban consumían todo o tempo que tiñan en mascar insistentes o sexo ata a extenuación, porque cada minuto mide moito menos de sesenta segundos cando o cerebro rexistra sensacións tan excitantes, tan absolutas, tan desexables. Amores que non saltan ás roldas de prensa de Moncloa porque a esa xente só lles preocupan as curvas necrolóxicas, a saturación das UCIs, a calidade das mascariñas. E satisfacer aos lobbys da infancia, aos das residencias de anciáns, aos que venden automóbiles ou aos carrilbicistas, todos moi afastados das secretas paixóns da xente de ben.

Solidaricémonos coa depresión dos amantes, coa frustración dos desexados, con quen reza por un posto de privilexio na desescalada asimétrica das viaxes, por quen estarían dispostos, como di a lenda, a camiñar sobre as augas do mar de Galilea, pero só para achegarse a eses beizos húmidos cos que soña cada instante.

Bovary

Un bo momento para ler ou reler esta magnífica novela de Flauvert, que ademais de conter un retrato estupendo da Francia decimonónica, agocha a intimidade dunha muller que desafiando as escalas do seu tempo, decide alimentar o seu corpo con estimulantes vitaminas desenvolvidas a partir dunhas cantas miradas furtivas. Sen dúbida, a literatura estará infestada de exemplos, pero Madame Bobary é unha precursora marabillosa de como aproveitar con alegría a hipocrisía do seu tempo. Aínda que algo avanzamos. O dela acaba en traxedia. O noso continuará despois da pandemia.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 26 DE ABRIL DE 2020, DURANTE O CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Estamos xa preparados para ver ao chamado “estamento militar” como parte da nosa sociedade? Está ese “estamento” facendo todo o que pode para sentirse plenamente integrado como parte activa e útil da nosa vida pública? En plena pandemia, cos militares desinfectando as esquinas dun país que aínda os mira con recelo, é bo momento para preguntarse estas cousas de xeito amable e amigable.

Medir a empatía mutua entre a sociedade e a milicia é un reto imposible, sobre todo porque o Exército aínda en boa medida semella unha institución opaca, pouco acostumada divulgar aspectos cotiáns da súa vida interna. Os contactos entre as persoas comúns e a actividade militar non é moi habitual, ao contrario do que acontece coa educación, a sanidade, a administración xeral ou incluso a Policía ou os Bombeiros —as áreas de seguridade inmediata—, territorios da cousa pública coas que todas e todos mantemos relacións frecuentes.

A iso hai que engadir aspectos da historia recente, na que o Exército estaba tan vencellado á dictadura, detalle que non axuda precisamente a tender pontes de harmonía. Ademáis, a iconografía, o protocolo e as liturxias militares son profundamente tradicionalistas, algo os aparta das nosas vidas e que os mantén estancados nos cánones de vellas estéticas pouco favorecedoras. E por se fose pouco, sorprende ver o pouco interés militar en adecuar os seus comportamentos simbólicos a unha realidade cultural diversa como a que subxace baixo as urdimes do estado do que forman parte.

Se hai un departamento da Administración Pública que necesita resituarse na sociedade actual, este é o militar. As guerras, como estamos vendo, xa son doutro xeito. E quen máis quen menos aspira a que os nosos militares non sexan utilizados para defender procesos de aniquilamento de noutros lugares do mundo donde os envían a defender empresas petroleiras ou situacións de difícil explicación, pero diso non hai que pedir explicación aos militares, senón aos Gobernos que os dirixen.

Parece chegado o momento de darlle unha volta aos famosos cañóns ou manteiga, tras preguntarnos que compre hoxendía para conseguir unha vida mellor para todas e todos. Necesitamos realmente un exército hiperdotado de armamento e recursos? Ou sería mellor reinvertir parte deses esforzos materiais e humanos noutro tipo de bens máis relacionados coa felicidade das persoas? Estamos supoñendo, por suposto, que a maioría de nós non nos sentimos ameazados por nengún enemigo externo. En termos de enemizades os actores mudaron bastante coa globalización e a evolución económica, e os enemigos da maioría das persoas pode que non sexan nen árabes revanchistas nen chinos comunistas, senón listos especuladores, mercaderes piratas, lobbys e brokers desalmados, todos coa colaboración de políticos liberais que deixan ir o mundo como vai, sen corrixir os seus desequilibrios e confiando todo ao libre mercado.

Veremos algunha vez un exército con formas contemporáneas, preocupado realmente pola felicidade da xente e alonxado de tantos ecos do pasado? Parece que algo diso quere dicir o Goberno cando ascende aos militares á sala de prensa da Moncloa: resitualos, darlles un novo enfoque, como o esforzo da UME por colaborar en situacións delicadas. Bo intento, pero, como era iso das follas e o nabo? Necesitamos un exército distinto, ou un simple acomodo táctico, como foi o do Senado, hoxe convertido en camposanto de elefantes?

Arte de todo o mundo

Pero a globalización tamén ten cousas boas. Se non a teñen, báixenseme sen pensalo demasiado a ferramenta de Google Arts&Culture, onde poden pasearse por centos de museos do mundo a través do seu móbil ou computador. Ampliarán a súa cutlura plástica, e aprenderán a valorar máis e mellor as riquezas que nos arrodean, xa que nesta cidade contamos cun marabilloso museo cheo de datos sobre nós mesmos, de creacións pasadas, de tesouros que nos fóron legados e nos fan moi felices. Agardemos que algún día ese mostrador estupendo de Google incorpore tamén algunhas pezas do noso gran museo.

ANTÓN PRIETO

Sara recibe os seus apuntes en papel na casa, porque non está conectada a internet. O señor Andrés ten problemas de mobilidade, vive só desde que finou a súa dona, hai xa 10 anos; Arturo faille as compras cando o precisa, incluso as da farmacia. Amanda vai cada dous días a recoller froita á de Moncho, no Vao, para entregala no Comedor de San Francisco, algo que tamén fan no obradoiro da Devesa, no Campiño.

En todos estes microporcesos xeradores de subsistencia, de vida, teñen algo que ver algunha das persoas voluntarias vencelladas á agrupación pontevedresa de Protección Civil, quizaves as persoas máis sinlenciosas, quizaves o labor máis descoñecido, quizaves a vontade máis desprendida e entregada de todas cantas se encargan estes días de que a nosa vida en común sexa máis levadeira.

Hurra polas sanitarias porque están en primeira liña. Hurra polas camioneiras, polas polis, polas bombeiras, por quen limpa as rúas, prazas, parques e xardíns, polas que recollen o lixo, polas panadeiras, polas taxistas, polas limpadoras, polas persoas que contribúen a alimentarnos desde supermercados e tendas, polas que atenden gasoliñeiras, as xestoras e asesoras económicas e xurídicas, menudo cristo están atravesando con esta situación incerta. Hurra e tres Rianxeiras na súa honra por todas estas xentes e outras moitas que de seguro quedaron fóra da lista.

Pero todas elas reciben unha nómina polo seu traballo. E tamén hurra claro está por quen non ten traballo e está comesta pola incerteza e a ansiedade de poder conseguilo. Pero é de xustiza parármonos nas persoas que lle botan horas e esforzo en Prote, en Protección Civil. Desde a súa sede operativa de Pasarón cubren as goteiras da cidade cun silencio sepulcral, e moitas veces sen o agradecemento que merecen. Pero elas felices igual, porque non agardan nada. Levántanse cada día para dar, non para recibir.

Substituíron ás persoas máis maiores que cociñan e organizan o día no Comedor de San Francisco, auténtico foco da igrexa activa e xenerosa da cidade. Fan o reparto entre esta cociña e os albergues das sen teito en Raíña da Paz e o Multiúsos da Xunqueira. Os domingos, fan o mesmo en Cáritas. Distribúen os xantares que o Concello contrata para nenas e nenos en situacións delicadas, que xantaban nos comedores escolares —alimentos de calidade que preparan en Estrivela, non pizzas como en Madrid. Distribúen apuntes impresos de cando en vez para nenas e nenos ciganos por encargo do Secretariado Xitano. Axudan nos repartos de lotes de alimento que organizan en San Bartolomé. E atenden todas as demandas que lles derivaron dos servizos de Benestar Social do Concello para facerlles a compra a persoas que o necesitan, ben porque non poden moverse, ben porque son grupos de risco elevado.

Esta é a situación, amigas e amigos. Protección Civil é unha agrupación pública, oficial, creada polo Estado e vencellada aos municipios, que a fornecen de material e estrutura de traballo. Eles non fan caridade, non queren gañar nengún ceo. Fan xustiza, axudan. Cubren ese papel que hoxe a sociedade abandonou porque é difícil de traducir en diñeiro, en rendibilidade, en ambición. Ese cemento social que nas sociedades rurais cubrían as veciñanzas e que hoxe desapareceu. Por iso, contar con Prote é contar con seres humanos que merecen mais que ninguén que lles chamen persoas.

Persecución

E xa que falamos desa senlleira patria errante dos ciganos, propóñolles un percorrido musical pola desgraciada marxinación que sofriron na España moderna, desde os Reis Católicos. Busquen “Persecución”, de Lebrijano, unha épica viaxe polo martirio dese pobo que hoxe vive entre nós. Un disco de 1976 creado para sacudir conciencias, adiantado ao seu tempo, testemuña dunha epopeia grandiosa de sacrificios e incomprensión. Rotundo e brutal. Disfrúteno.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 24 DE ABRIL DE 2020, TRIXÉSIMO CUARTO DÍA DE CONFINAMENTO