Orgullo de Prote

ANTÓN PRIETO

Sara recibe os seus apuntes en papel na casa, porque non está conectada a internet. O señor Andrés ten problemas de mobilidade, vive só desde que finou a súa dona, hai xa 10 anos; Arturo faille as compras cando o precisa, incluso as da farmacia. Amanda vai cada dous días a recoller froita á de Moncho, no Vao, para entregala no Comedor de San Francisco, algo que tamén fan no obradoiro da Devesa, no Campiño.

En todos estes microporcesos xeradores de subsistencia, de vida, teñen algo que ver algunha das persoas voluntarias vencelladas á agrupación pontevedresa de Protección Civil, quizaves as persoas máis sinlenciosas, quizaves o labor máis descoñecido, quizaves a vontade máis desprendida e entregada de todas cantas se encargan estes días de que a nosa vida en común sexa máis levadeira.

Hurra polas sanitarias porque están en primeira liña. Hurra polas camioneiras, polas polis, polas bombeiras, por quen limpa as rúas, prazas, parques e xardíns, polas que recollen o lixo, polas panadeiras, polas taxistas, polas limpadoras, polas persoas que contribúen a alimentarnos desde supermercados e tendas, polas que atenden gasoliñeiras, as xestoras e asesoras económicas e xurídicas, menudo cristo están atravesando con esta situación incerta. Hurra e tres Rianxeiras na súa honra por todas estas xentes e outras moitas que de seguro quedaron fóra da lista.

Pero todas elas reciben unha nómina polo seu traballo. E tamén hurra claro está por quen non ten traballo e está comesta pola incerteza e a ansiedade de poder conseguilo. Pero é de xustiza parármonos nas persoas que lle botan horas e esforzo en Prote, en Protección Civil. Desde a súa sede operativa de Pasarón cubren as goteiras da cidade cun silencio sepulcral, e moitas veces sen o agradecemento que merecen. Pero elas felices igual, porque non agardan nada. Levántanse cada día para dar, non para recibir.

Substituíron ás persoas máis maiores que cociñan e organizan o día no Comedor de San Francisco, auténtico foco da igrexa activa e xenerosa da cidade. Fan o reparto entre esta cociña e os albergues das sen teito en Raíña da Paz e o Multiúsos da Xunqueira. Os domingos, fan o mesmo en Cáritas. Distribúen os xantares que o Concello contrata para nenas e nenos en situacións delicadas, que xantaban nos comedores escolares —alimentos de calidade que preparan en Estrivela, non pizzas como en Madrid. Distribúen apuntes impresos de cando en vez para nenas e nenos ciganos por encargo do Secretariado Xitano. Axudan nos repartos de lotes de alimento que organizan en San Bartolomé. E atenden todas as demandas que lles derivaron dos servizos de Benestar Social do Concello para facerlles a compra a persoas que o necesitan, ben porque non poden moverse, ben porque son grupos de risco elevado.

Esta é a situación, amigas e amigos. Protección Civil é unha agrupación pública, oficial, creada polo Estado e vencellada aos municipios, que a fornecen de material e estrutura de traballo. Eles non fan caridade, non queren gañar nengún ceo. Fan xustiza, axudan. Cubren ese papel que hoxe a sociedade abandonou porque é difícil de traducir en diñeiro, en rendibilidade, en ambición. Ese cemento social que nas sociedades rurais cubrían as veciñanzas e que hoxe desapareceu. Por iso, contar con Prote é contar con seres humanos que merecen mais que ninguén que lles chamen persoas.

Persecución

E xa que falamos desa senlleira patria errante dos ciganos, propóñolles un percorrido musical pola desgraciada marxinación que sofriron na España moderna, desde os Reis Católicos. Busquen “Persecución”, de Lebrijano, unha épica viaxe polo martirio dese pobo que hoxe vive entre nós. Un disco de 1976 creado para sacudir conciencias, adiantado ao seu tempo, testemuña dunha epopeia grandiosa de sacrificios e incomprensión. Rotundo e brutal. Disfrúteno.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 24 DE ABRIL DE 2020, TRIXÉSIMO CUARTO DÍA DE CONFINAMENTO