A N T Ó N P R I E T O
Animados como estamos pola xolda montada pola ministra de Traballo na súa rolda de prensa, e lembrando levemente o que era un sábado antes do peche, centrémonos nun asunto relaxado e divertido, especialmente para quen o vive en primeira persoa. Un dos meus mellores amigos loce un interesante alcume: metrofucker. Antes de ser unha parella estable, coa súa actual compañeira adoitaban utilizar o seu espectacular BMW para ter sexo en lugares estupendos. Nacía así o seu googlesex, un prezado mapa. Ao chegar a Pontevedra e ver Metrominuto, o meu querido e admirado fucker quedou con ese sambenito que nos proporciona risas e brincadelas xeográficas.
Quen máis, quen menos, durante o peche estraña o sexo outdoor, polo menos en dúas direccións: o que se practica fóra de casa —nun motel, hotel ou domicilio do ou dos colegas de cama—, e o que se practica no espazo público, xa saben, sen molestar a ninguén ben pola hora que é, ben porque a paraxe permita alegrías íntimas e memorables, momentos deses que ao pé da tumba lembrarannos que todo isto valeu a pena.
Preguntei estes días nunha rede social por lugares onde os amigos adoitan perderse para darse unha alegría ao corpo en metade da paisaxe. Algúns fixeron confesións públicas, pero a maioría recorreu á mensaxe privada. Deixemos á marxe os clásicos lugares de cruising gai das contornas urbanas e as praias de ambiente, onde non ten misterio algún foder á luz do sol ou da lúa.
A natureza regalounos un territorio cheo de posibilidades para este saudable costume vital. Alguén me comentaba que un dos seus escenarios máis apetecidos era citarse con algún amante de Ourense ou Carballiño na 541. A cousa consiste en saír ambolosdous das súas respectivas casas e parar onde se crucen. Unha estrada chea de posibilidades especialmente subindo e baixando O Paraño, entre Soutelo e Boborás, evitando loxicamente eses catálogos de arquitectura galego-mexica do itinerario. Paisaxe solemne e solitaria para o sexo asollado, con pouco eucalipto e espléndidas corredoiras desertas que encenden a fame do desexo.
O complexo natural da Barosa, a zona de Castiñeiras e Cotorredondo, as preciosas praias de Marín en tempada baixa, o miradoiro de San Brais, un clásico. Alguén mesmo xa inaugurou o treito de autoestrada de Tomeza cun bo encontro entre escavadoras, o monte de Campañó con magníficas vistas de Pontevedra, as subidas á Escusa desde varios lugares, incluído o bosque de sequoias ou algunha das múltiples devasas que permiten gozar ao sol con magníficas vistas sobre Tambo. Ou a enorme carballeira de Xesta, na Lama ou o parque eólico do Candán, indo a Lalín, precioso para gozar coa primeira luz do abrente. Outro clásico é Domaio ou calquera dos recunchos aos que podemos acceder desde a PO313, que une Marín con Moaña, tamén moi útil para as citas a medio camiño.
E os clásicos miradoiros de Cabo Home e Cabo Udra, aos que se engade o de Ermelo, en Bueu, e as frondosas vías que unen ese lugar con Castiñeira, un espléndido roteiro arqueolóxico. Acudan aos montes de Noalla e aos que se atopan entre Sanxenxo e Meaño, as praias de San Vicente e o fantástico Siradela, ideais para apoiar o sexo en enormes rocas de granito milenario. Pontevedra ofrece fascinantes escenarios para desbordar o noso amor a tiro de pedra. Loubados por esa sorte, seguiremos inventando metrominutos, digo metrofuckers, cando acabe este estúpido retiro.
Querelle
Sigamos con este saudable ton morboso. Poida que ningunha peli alcanzase maior unanimidade que esta obra mestra de Fasbinder de 1982 baseada na novela Querrelle de Brest, de Jean Genet (1947), un filme de atmosfera teatral e miradas cheas de desexo. Non serán seres deste mundo se non viron esta exquisitez.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 4 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO PRIMEIRO DÍA DE CONFINAMENTO