Nace o Metrominuto rururbano

Metrominuto foi unha produción feliz de 2012, case hai xa unha década. Desde o primeiro día, a idea foi adaptada a numerosas cidades. Lembro que as primeiras noticias chegaron de Florencia e Jerez de la Frontera. Despois soubemos dos de Toulouse, unhas cidades polacas, os parques de Londres, Milán, Módena, Pavía… Aquí tes máis info sobre o mapiña, na miña galería de traballos.

Máis tarde, a Rede de Cidades que Camiñan, que preside o alcalde Lores, adoptou o plano como recurso ao que todas as súas cidades asociadas tiñan dereito. Naceron así os de Córdoba, Sevilla, Vitoria-Gasteiz, Maó, Torres Vedras… unha morea de cidades que podes consultar no web da entidade.

Tamén hai algúns meses realizouse a instancias da concelleira de promoción económica, Yoya Blanco, o de Monte Porreiro, unha urbanización pontevedresa dos anos 80, moi perto das sendas do Lérez, na parroquia de Mourente. Foi un Metrominuto pequeno pero moi senlleiro, pois era unha especie de extensión do primeiro que se fixo, o da cidade de Pontevedra.

Unha das últimas andainas do Metrominuto ten que ver cos municipios integrados na Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, comandada polo deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, que se plantexa nada menos que medir a cantidade de espazo público de calidade que fóron quen de conseguir en toda a provincia ao longo deste mandato. Sen dúbida, un labor inxente e prometedor. 

Os Mm dos concellos Ágora son algo distintos dos habituais, pois realízanse sobre o territorio disperso. Son Mm rururbanos, segundo o concepto que marca tendencia na xeografía de hábitats esparexidos que caracterizan o noso país e en particular as Rías Baixas.

Foi así como naceu o primeiro concebido con esta mestura de escalas: a municipal e a dos distintos núcleos que compoñen o concello. É o de Nigrán. Componse dunha trama xeral na que figuran 15 puntos principais, e 4 tramas específicas: a de Panxón (13 puntos), Nigrán (outros 13), A Ramallosa (9) e O Ceán (5 puntos). En total un completo plano municipal de 55 lugares referenciados entre os que se ofrecen distancias e tempos camiñando.

Estes planos, como todos os de Cidades que Camiñan, realízanse en colaboración co deseñador gráfico da Rede, o andaluz Francisco Raja, que aportou o seu propio estilo e códigos cromáticos nos planos que realiza esta entidade, evoluindo o resultado estético e funcional do plano orixinal da cidade de Pontevedra.