Orgullo de Orgullo

Ademais da tradicional customización do balcón municipal realizada este ano pola empresa Capicúa 360, entrou en danza a iniciativa da Concellería de Desenvolvemento Sostible “Xardíns que falan”, unhas instalacións efémeras que se desenvolven na Ferrería e a Praza de España.

Nesta última localización existe unha estrutura de madeira de gran formato que vai recollendo mensaxes ou argumentos de actualidade durante todo o ano na súa pastilla central, que este ano dedicou ao Orgullo un refrán moi apropiado para o lugar e o momento: “Para gustos, cores. Para xardíns, flores”.

As persoas do departamento municipal de Verde Urbano completaron a instalación cun bodegón de flores coloristas e unha bici, para contextualizar a mensaxe vitalista e liberadora do mural. Ademais, na Ferrería, instalaron unha bandeira LGTB composta con flores.

Desde 2005 vimos celebrando en Pontevedra o Orgullo. Para moitos e moitas de nós, Orgullo LGTB. Para outras persoas simplemente Orgullo, porque o importante é o empoderamento de quen circula por territorios non identificados cos esquemas dominantes nos ámbitos afectivos, sexuais e personais. Durante este tempo foron sucedéndose distintos formatos, desde festas ata espectáculos, sesións de reflexión e conferencias, testemuñas, cinema…

De 2015 a 2019, as celebracións viñan englobándose baixo a marca FLOP (Free Life Orgullo Pontevedra), que nacera no seo do colectivo, con actividades autoorganizadas apoiadas desde o Concello. Hai xa algúns anos, o municipio decidiu utilizar a denominación do programa “Pinto e maragota” como paraugas de comunicación para a programación organizada directamente polo Concello, deixando FLOP á marxe. Se acaso reducida ao magnífico festival de música electrónica que durante 12 horas celebrábase nas beiras do río dos Gafos e que agardamos ver renacer logo do desgraciado tempo de pandemia que estamos a vivir.

Enlaces interesantes:

Xardíns que falan, na web municipal

A pancarta do balcón do Concello