Metrominuto foi unha produción feliz de 2012, case hai xa unha década. Desde o primeiro día, a idea foi adaptada a numerosas cidades. Lembro que as primeiras noticias chegaron de Florencia e Jerez de la Frontera. Despois soubemos dos de Toulouse, unhas cidades polacas, os parques de Londres, Milán, Módena, Pavía… Aquí tes máis info sobre o mapiña, na miña galería de traballos.

Máis tarde, a Rede de Cidades que Camiñan, que preside o alcalde Lores, adoptou o plano como recurso ao que todas as súas cidades asociadas tiñan dereito. Naceron así os de Córdoba, Sevilla, Vitoria-Gasteiz, Maó, Torres Vedras… unha morea de cidades que podes consultar no web da entidade.

Tamén hai algúns meses realizouse a instancias da concelleira de promoción económica, Yoya Blanco, o de Monte Porreiro, unha urbanización pontevedresa dos anos 80, moi perto das sendas do Lérez, na parroquia de Mourente. Foi un Metrominuto pequeno pero moi senlleiro, pois era unha especie de extensión do primeiro que se fixo, o da cidade de Pontevedra.

Unha das últimas andainas do Metrominuto ten que ver cos municipios integrados na Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, comandada polo deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, que se plantexa nada menos que medir a cantidade de espazo público de calidade que fóron quen de conseguir en toda a provincia ao longo deste mandato. Sen dúbida, un labor inxente e prometedor. 

Os Mm dos concellos Ágora son algo distintos dos habituais, pois realízanse sobre o territorio disperso. Son Mm rururbanos, segundo o concepto que marca tendencia na xeografía de hábitats esparexidos que caracterizan o noso país e en particular as Rías Baixas.

Foi así como naceu o primeiro concebido con esta mestura de escalas: a municipal e a dos distintos núcleos que compoñen o concello. É o de Nigrán. Componse dunha trama xeral na que figuran 15 puntos principais, e 4 tramas específicas: a de Panxón (13 puntos), Nigrán (outros 13), A Ramallosa (9) e O Ceán (5 puntos). En total un completo plano municipal de 55 lugares referenciados entre os que se ofrecen distancias e tempos camiñando.

Estes planos, como todos os de Cidades que Camiñan, realízanse en colaboración co deseñador gráfico da Rede, o andaluz Francisco Raja, que aportou o seu propio estilo e códigos cromáticos nos planos que realiza esta entidade, evoluindo o resultado estético e funcional do plano orixinal da cidade de Pontevedra.

Ademais da tradicional customización do balcón municipal realizada este ano pola empresa Capicúa 360, entrou en danza a iniciativa da Concellería de Desenvolvemento Sostible “Xardíns que falan”, unhas instalacións efémeras que se desenvolven na Ferrería e a Praza de España.

Nesta última localización existe unha estrutura de madeira de gran formato que vai recollendo mensaxes ou argumentos de actualidade durante todo o ano na súa pastilla central, que este ano dedicou ao Orgullo un refrán moi apropiado para o lugar e o momento: “Para gustos, cores. Para xardíns, flores”.

As persoas do departamento municipal de Verde Urbano completaron a instalación cun bodegón de flores coloristas e unha bici, para contextualizar a mensaxe vitalista e liberadora do mural. Ademais, na Ferrería, instalaron unha bandeira LGTB composta con flores.

Desde 2005 vimos celebrando en Pontevedra o Orgullo. Para moitos e moitas de nós, Orgullo LGTB. Para outras persoas simplemente Orgullo, porque o importante é o empoderamento de quen circula por territorios non identificados cos esquemas dominantes nos ámbitos afectivos, sexuais e personais. Durante este tempo foron sucedéndose distintos formatos, desde festas ata espectáculos, sesións de reflexión e conferencias, testemuñas, cinema…

De 2015 a 2019, as celebracións viñan englobándose baixo a marca FLOP (Free Life Orgullo Pontevedra), que nacera no seo do colectivo, con actividades autoorganizadas apoiadas desde o Concello. Hai xa algúns anos, o municipio decidiu utilizar a denominación do programa “Pinto e maragota” como paraugas de comunicación para a programación organizada directamente polo Concello, deixando FLOP á marxe. Se acaso reducida ao magnífico festival de música electrónica que durante 12 horas celebrábase nas beiras do río dos Gafos e que agardamos ver renacer logo do desgraciado tempo de pandemia que estamos a vivir.

Enlaces interesantes:

Xardíns que falan, na web municipal

A pancarta do balcón do Concello

 

O que gozamos deseñando e elaborando estes soportes urbanos para consulta de turistas. Un traballo de hai uns 5 anos, pero que soporta ben o paso do tempo demostrando a súa operatividade, discreción e xeitiño.

Fixémolo co noso habitual colaborador Colotec e a ferrería local Tobío. Un punto informativo no que se ofrecen desde un mapa de Galicia e da provincia de Pontevedra ata a distancia desde capital ás praias da ría, pasando polo Metrominuto, o plano da cidade e os datos de transporte, así como un pequeno esquema do servizo de proximidade en autobús.

Ao da praza de España, no quilómetro cero das visitas á cidade, quixemos facerlle herdeiro dos espellos que cubrían un cubo informativo que estivo instalado nese lugar anos atrás e que permitiu moito xogo fotográfico grazas á súa estratéxica localización. Despois dalgún tempo engadíuselle a elegante “bágoa” que describe os itinerarios turísticos máis apetecibles.

O outro preto do aparcadoiro de caravanas e centro do turismo deportivo que chega a Pontevedra. Está situado no mesmo céspede pisable da zona da ponte e a nova urbanización de Tafisa, lugar idóneo para caravanistas e para as persoas que usan o lugar para facer deporte.

O conxunto componse de catro monólitos de 2×1 metros, case paralelos, cunha base común que os alza levemente do chan e contén o contrapeso que lles dá estabilidade, xa que tiñan que resultar trasladables en caso de necesidade.

Meses atrás deseñaramos os soportes de información cultural, uns monólitos de 2 caras que substituían aos anteriores cubos de 4. O obxectivo era mellorar o aspecto da información, á vez que se aforraban custos de vinilo ao renovar a cartelería. Un mobiliario urbano que aproveita o enorme fluxo peonil daas rúas para dar a coñecer as abundantes propostas culturais do municipio. Intervir no espazo público para mellorar a vida da xente.

Este tipo de soportes, ademais, respondían a unha estratexia informativa para divulgar masivamente a gran cantidade de eventos teatrais, artísticos, musicais e doutro tipo que pasaban desapercibidos ao gran público. Optouse por un cartelón non publicitario, senón máis ben informativo no que se publican cada mes ou período, segundo a tempada, a relación de actividades que se organizan para manter a vitalidade cultural.

Un pequeno traballo hai que tomalo co mesmo agarimo que cando o obxectivo e os medios son máis potentes. Así acontece co cartel dunha proba ciclista que esta fin de semana terá lugar en Pontevedra.

A cartelería en papel, lonxe de ter os días contados, como outros elementos nese soporte, ten un rol de prestixio nunha competición deportiva. Ademáis, é onde tradicionalmente se dispoñen os logos de organización, patrocinadores e apoios da convocatoria, tanto os propiamente deportivos como os que proveñen da implicación de empresas privadas ou institucións.

O cartel serve ademáis de referencia para outro tipo de elementos electrónicos, que estes sí son máis comúns nas campañas actuais. Neste caso, o encargo foi de Sera Martínez, da empresa NOKO. Necesitaban únicamente un cartel. Para montalo, propúxoselles este xogo efectista de tipografías e iconas, con cores cálidas e potentes, e unha fisonomía dinámica. Mola abordar proxectos que se xestionan coa ilusión que lle poñen estes impulsores do deporte.

Aquí tendes máis información sobre a proba.

Chovía o día que presentamos, coa comunidade canina, a campaña “Bo cidadán canino, boa cidadá canina”. Recoller as cacas dos amigos que levamos da correa, algo que non sempre ocorre. Realmente a publicidade pouco pode facer, xa que hai pouca xente incívica, pero as consecuencias sofrímolas o resto.

Que llo digan a quen cuida os xardíns. Se unha desbrozadora pilla unha caca, aquelo distribúese en pequenas partículas por todo o corpo do operario ou operaria, creándolle unha situación, cando menos, moi desagradable. Outra cousa é pisalas, algo tamén deleznable, por culpa da xentiña que ten can e non recolle os escrementos.

Para chamar a atención da concorrencia, puxémonos algo dramáticas. Tomamos prestado un certo sabor aos cemiterios de posguerra, con cruces chantadas no césped dos xardíns. A cor maxenta dos fustes, elixida para destacar entre o verdor, remata nun aspa marrón cunha icona ben representativa do que se quere contar. Esta posta en escena combínase con algúns carteis nos que se poden ler argumentos da mensaxe cívica que se transmite.

Tamén se editaron flyers, cartelería de farolas e chapas, todo cun deseño monocromático no que destaca un enorme ASÍ SI perto dun pictograma que relata gráficamente o motivo da iniciativa.

AQUÍ TES MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A CAMPAÑA

Esta semana díronnos unha nova importante. O espazo “Verne”, de El País, fixouse no Metrominuto como elemento de deseño que trascendeu a súa inicial dimensión local en Pontevedra e foi adoitado por numerosas cidades. Vaia por diante unha certa excusa por dedicar tanta atención a este planiño. Aconteceu estes días, a rebumbio da Semana Europea da Mobilidade, que como cada ano trae á axenda de moitos concellos este tipo de temas promocionais.

Segundo nos contaba o redactor, Pablo Cantó, chamoulles a atención non só polo deseño de “metro” que explota o mapa, senón tamén pola relevancia que últimamente ten nas redes todo o relacionado coa mobilidade. Temos que lembrar que “Verne” é unha publicación especializada en contidos que circulan por Internet, aos que prestan unha atención especial.

A verdade que fai un interesante repaso por algunhas iniciativas que xurdiron a partires da nosa publicación. Ana Montalbán, da Rede de Cidades que Camiñan, falou do Metromunuto con moito tino: Por moito mapa que teñamos, “sen políticas que comenten o camiñar pola cidade e sen infraestruturas para facelo, é só un folleto publicitario”. Sempre que vexo a Ana falamos diso e penso que ahí está a cuestión: o mapa non é o territorio. A realidade debe soportar ben o relato que dela fagamos Neste sentido, compre citad o modelo de cidade, recollido na web pontevedra.ok.

Durante todos estes anos foron moitas as referencias que cultivamos sobre Metrominuto, case sempre relacionadas coa mobilidade nas cidades, en case todas as ocasións motivadas polas iniciativas da Rede CqC. Aquí nesta mesma web podedes informarvos sobre a iniciativa e sobre máis accións de comunicación de Trix.

Verne recolle no seu artigo ademáis unha gran cantidade de versións do Mm. Ata 44, entre os que destacan as cidades de Sevilla, Córdoba, Vitoria, Granada, Cuenca, Ciudad Real, e unha versión moi curiosa que fixeron en Barcelona, onde plasmaron a rede real de metro, pero expresando as distancias e tempos camiñando entre as distintas estacións da rede. Tamén fai referencia a unhas iniciativas escolares que xurdiron en Málaga, onde o alumnado fabricou os Mm dos seus propios centros educativos.

Máis adiante falareivos dunha especie de fillo que tivo Mm: o Pasominuto, dedicado ao ocio activo, non tanto á mobilidade urbana.

Mil grazas a Verne e a Cantó pola súa publicación e a Ana Montalbán polas súas palabras!

Iso é Metrominuto. Un arma que moitas cidades utilizan para fomentar o costume de camiñar. Estes días, co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade, a cidade de Granada presentou o seu mapa de distancias e tempos a pé. Únese así a Sevilla, Pamplona, Palma, Irún, Florencia, Toulouse, Carballo, Maó… e así ata un cento de cidades que asumiron como propio, ben directamente, ben a través da Rede de Cidades que Camiñan este obxecto publicitario que creamos en Pontevedra.

Realmente, Mm é só unha campaña publicitaria, un mapa cheo de suxestións. E xa se sabe que o mapa non é o territorio, polo que unha cousa é animar a que a cidadanía camiñe, e outra ben distinta é que os municipios se transformen para que camiñar sexa unha acción tan natural como agradable e satisfactoria no universo da mobilidade urbana. Queremos supoñer que todos os municipios que o adoitan, realmente están sensibilizados co feito de que camiñar é unha das grandes solucións aos problemas de saturación de tráfico motorizado que presentan case todas as cidades.

Intermodalidade

Existe unha palabra, intermodalidade, que define os xeitos de nos mover cando nos desprazamos. Ata hai pouco tempo, a intermodalidade referíase só aos medios motorizados (bus, tren, avión, coche, barco…). Duns anos a esta parte, tamén se inclúe o camiñar e outros medios como as bicis, patíns, etc, teñan estes ou non apoio eléctrico.

Inventamos Metrominuto precisamente para fomentar os desprazamentos máis naturais, os que se fan a pé, no contexto dunha cidade que ía mudando pouco a pouco a súa cultura da mobilidade, cambiando o hábito motorizado polo natural grazas ás limitacións ao automóbil que impuña a reforma do espacio público, que se convertía maioritariamente nun espazo compartido con prioridade peonil. Queríamos acompañar á xente a abandonara o costume de coller o coche para calquera cousa, e que o fixese dun xeito amable e positivo.

Un obxecto divertido

Creamos —xunto coa área de mobilidade da Policía Local— un obxecto informativo divertido, cun chisco aos mapas de metro que usan nas grandes cidades a partir da xenial creación do británico Harry Beck para o Metro de Londres en 1933. Tiñamos que lembrarlle ás persoas que para desprazarse 10 ou 15 minutos non é preciso usar o coche, convertindo a misión do camiñante en algo cool, e o uso abusivo do coche nunha decisión absurda.

Ademáis do mapa en sí mesmo, Metrominuto contén dous eslógans cos que se reforza a mensaxe: Móvete coa túa propia enerxía, e A pé vives máis, que simbolizan a vontade das persoas por adoitar o costume de camiñar como algo natural e positivo. Despois do éxito de Metrominuto, naceu un descendente interesante: o Pasominuto, pero del falaremos noutra ocasión.

A promoción exterior

Metrominuto, máis aló da campaña publicitaria en sí mesma desenvolvida en Pontevedra, deu á cidade unha trascendencia e visibilidade inmensa. En 2013 a entidade Intermodes concedía a este obxecto minúsculo e intanxible o seu premio anual, textualmente “por considerar que a mobilidade peonil tamén forma parte da intermodalidade do transporte, que sempre esqueceu a forma natural de movernos”. A partires dese descubrimento do Metrominuto e tras recoller o premio en Bruxelas, a entidade descubriu a realidade dunha cidade que se fora transformando para poñer ao peón no centro da súa mobilidade.

O municipio convidou a Intermodes e a un grupo de xornalistas a pasar uns días na cidade para ver o modelo. Iso deu lugar a que a revista francesa de tendencias, We Demand, dedicase unha ampla reportaxe á cidade encabezado polo seu mapa de distancias e tempos. Aí comezou un percorrido internacional que aínda hoxe non se detivo, con ducias de delegacións que visitan a cidade, e centos de referencias en xornais e televisións de todo o mundo. Obviamente, o mérito é do territorio e non do mapa, pero o mapa axudou todo o que puido.

Qué relación ten todo isto con TRIX?

Trix é a marca profesional de Antón Prieto, que foi durante 15 anos director de comunicación do Concello de Pontevedra. E foi o autor do Metrominuto, en colaboración co axente do Cetra (Policía Local) Emilio Suárez. Ámbos fóron configurando este obxecto creativo e irónico, deseñado, concebido e explotado para axudar a encher as rúas de camiñantes. Podes ver máis sobre Metrominuto na Galería Trix: https://trix.gal/web2019/portfolio-item/o-metrominuto/

 

Panel marquesinas

 

Trix non é unha empresa. É unha marca que engloba o traballo de Antón Prieto, un senior da comunicación con máis de 30 anos de experiencia, maiormente no eido institucional.

 

Pódense contratar os seus servizos?

Claro que si. Nas condicións que acordemos, tanto directamente como a través doutras empresas colaboradoras, en función do servizo que se trate.

Aquí tes descricións dalgúns servizos de comunicación estables.

Aquí, outro tipo de servizos, máis puntuais.

 

Por que pode interesarche Trix?

Porque o xeito máis intelixente de xestionar a túa empresa, institución, etc. é contar cun dircom, un director de comunicación, un profesional completo e experimentado que sexa quen de aconsellarte nas túas decisións. Lembra: todo comunica.

 

Que é un Dircom?

Aquel profesional quen de visibilizar o futuro da túa empresa no ámbito da comunicación cunha óptica global en canto a mensaxes, recursos, medios e estratexias. Un Director de Comunicación é un conselleiro resolutivo para calquera necesidade estrutural ou puntual neste ámbito da xestión pública ou empresarial.

 

Que ten de interesante esta web?

Sobre todo as Galerías, reflexo do traballo concebido, creado, planificado, producido, dirixido, executado por min ao longo da miña vida profesional. As Galerías conteñen sobre todo traballos relacionados coa cidade de Pontevedra, debido a que son os máis actuais, pero tamén hai outros.

 

Cal son os seus puntos fortes?

  • Planificar a comunicación institucional a medio e longo prazo, con creatividade, ben priorizada e con dimensión contemporánea
  • Os ámbitos relacionados coa mobilidade e a sustentabilidade
  • A comunicación e posicionamento de territorio
  • O manexo e planificación dos recursos necesarios para mellorar o rendemento da inversión en comunicación

 

Cal é a visión de Trix?

A comunicación é todo: o concepto, o relato, o discurso, o logo, a voz, o video, o xesto, o protocolo, a imaxe, a fotografía… tamén o silencio, a lentitude, a torpeza… milleiros de elementos que deberían conquistar determinados públicos, aínda que ás veces non o fagan. É preciso coñecelos ben, priorizalos, explotalos para que dean o resultado perseguido.

 

Cal é a aposta de Trix?

O deseño non é arte. A comunicación é un conxunto de técnicas que deben ser eficientes. Non importa o “gústame”. Importa o “funciona”. Por iso aquí non veredes obras de arte, veredes creatividade aplicada á comunicación. Desde o nome (o DNI das ideas, os proxectos, as cousas) ata as cores, as tipografías, as fotografías, as palabras, as frases, os fondos, as sensacións, os espazos cheos, os espazos brancos, os silencios, a música… as liñas de comunicación creadas para que cada peza traballe por si mesma coa eficacia necesaria.

 

Quen é Antón Prieto?

Un resume: Licenciado en Ciencias da Información pola Complutense. Emprendedor e consultor autónomo durante 15 anos, con empresa propia de servizos globais. Ampla experiencia na comunicación de proximidade, política, institucional e local. Os últimos 15 anos, director de comunicación no Concello de Pontevedra. Podes consultar aquí a miña biografía profesional: Bío.

 

Se queres, dime algo: Contacto

 05

Dirixir a comunicación dun evento importante é un luxo que se presenta poucas veces na vida dun profesional. Na miña ocorreu en 2018 coa dirección de comunicación do Mundial de tríatlon denominado “Multisport”, unha marca con tres anos de antiguidade que agrupa 5 campionatos do mundo nun só evento, que se celebrou en maio de 2019 en Pontevedra.

Ravachol, a mascota

A incorporación á equipa deportiva e loxística conformada polas institucións locais (maiormente o Concello, pero tamén a Deputación e a Xunta) e a Federación Española de Trítalon, todos baixo a supervisión da International Triathlon Union, supuxo un reto global para coordenar varios eventos de presentación, mini campañas noutras competicións, realizar o deseño de centos de pezas baixo unha óptica coherente, crear mensaxes publicitarias acaídas, colaborar nas implementacións de branding de patrocinios, nas realizacións audiovisuais e transmisións en directo, realizar as cerimonias protocolares de inauguración e peche, o programa de concertos paralelos (TriFest), a información urbana, o despregue electrónico, a relación promocional cos medios, a atención a xornalistas, o protocolo deportivo, a decoración dos espazos de importancia mediática… todo canto extremo resultou necesario para que o evento estivese á altura do esperado.

Escenarios deportivos

Lóxicamente, contei para isto cunha formidable equipa de colaboradorxs (podes ver a relación nos links da parte inferior) que se encargaron de distintos cometidos, e coa sólida inserción nun grupo de traballo habitual moi sólido, no que contabamos con froitíferas experiencias previas e un apoio sen fisuras das máximas autoridades institucionais e federativas. Nada podía fallar. E non fallou.

O obxectivo era captar deportistas e posicionar o evento o máis alto posible como cidade organizadora, xa que detrás desta celebración a cidade podía optar á celebración doutras interesantes probas, pois a celebración de eventos deportivos é considerada unha liña estratéxica da política urbana.

O balance quedou resumido polo máximo responsable da ITU, Thanos Nikopoulos: “Aquí, o límite é o ceo”. Esas fóron as palabras que compensaron todo o esforzo dunha equipa profesionalizada e resolutiva.

Aquí podes ver parte do resultado desta gran campaña de comunicación, que conta cunha gran galería nesta web,

Mundial de triatlón

E xa sabes, se precisas unha óptica experimentada para abordar a comunicación dun evento, non dubides. Dime algo,

Contacto

Do mesmo xeito que un arquitecto dirixe o proxecto dun edificio, a figura do director ou directora de comunicación resolve con eficiencia os retos que a xerencia de calquera organización pública ou privada se prantexa cara aos seus públicos, sexan estes consumidores ou toda ou parte da cidadanía.

Utilizar as linguaxes axeitadas, os medios necesarios, os soportes máis rendibles, as fórmulas idóneas para conseguir os resultados que perseguimos. É o traballo do que se deu en chamar “dircom”, alguén que ten unha visión global da comunicación para exercela desde o rigor e a obxectividade.

Poñer un ou unha dircom no teu organigrama é unha garantía de eficacia no teu proceso de conexión cos teus públicos.

Por certo, unha última observación. Disculpa pola foto deste post. Non son nada partidario da titulitis. Pero a quen non somos moi brillantes, algo nos ten que respaldar.