PonteLovers

ANTÓN PRIETO Que Pontevedra ten amores, ninguén o dubida. Que boa parte desas persoas xa antes da epidemia se pasaran á compra on-line, relativiza ese amor furibundo que nos invade cando nos poñemos ñoños e localísimos. Máis ou menos desa idea parte a campaña do concello que en pleno confinamento pon nas redes sociais. Falan os PonteLovers, os estimuladores, os satisfayer dunha cidade á que lle gusta ser como é, coas súas cousas boas e as súas menos boas, coas súas horribles medianeiras e as súas marabillosas farolas, cos seus agradables espazos peonís e a súa fábrica nauseabunda. Bueno, esto último non gusta moito, a verdade. Pero algún día conseguiremos vencela.

PonteLovers que nos convidan desde a rede a ir recuperando, cando se poida, o ritmo que mantiñamos. Persoas que son as que viven dos gintonics, dos bolsos de marca ou dos cafés con madalena que tanto molan ás gaivotas. Terrazas, peluquerías, tascas, despachos, cafés de inverno, restaurantes de mesa e mantel, de bocatas, xoiarías, taperías ou viñotecas, zapatarías ou concesionarias de móbiles, arranxadores de roupa, drogarías, grabadurías de tatoos, bisuterías, curtidoiras, librarías, reparadores varios, papelerías, reprografías, reloxarías, mercerías, moblerías decorativas, xabronarías, chiculaterías, lencerías, esteciciéns, ferreterías, xamonerías, perfumerías, bazares chinos, sanatorios de zapatos, mercadorías de agasallos, e tendas de todo o imaxinable, tradicionais e modernas, vintage ou descoidadas, nutridas ou selectas, de moda ou de batalla, especializadas ou xenéricas, fixas ou efémeras…

As trastendas de todos estes lugares son agora os motores de arranque e avance desta cidade paralizada polo medo, nostálxica das súas praias e de tantos quilómetros de sendas que cada día camiñabamos antes da cuarentena. Eses PonteLovers aos que Yoya Blanco pediu un pequeno video de ánimo para encher as redes de enerxía positiva son os que traballan decote para que a cidade siga dando cada día de beber a quen pasa.

Grazas aos seus contributos á facenda pública —e aos de outros moitos que tamén aportan, como corresponde— podemos vivir nunha cidade capaz de ofrecer uns altos niveis de comodidade, estabilidade e fartura. Eles, os nosos comerciantes e hosteleiros, aportan moitísimo máis que Amazon ou Aliexprés, máis que Carrefour, unha empresa francesa que tamén vende bastante aquí, como Supercor, Eroski ou algunhas máis co seu CIF en Madrid ou noutros lugares, o que os aparta do tópic de “proximidade”.

É certo que as pequenas empresas comerciais deben actualizarse, adaptarse ao noso ritmo de vida, mellorar o tratamento ao cliente, profesionalizar a atención ao público, adaptarse á venda a domicilio, medir ben os gustos do seu público, en definitiva ir desperezándose desa lenda negra do clasismo, a arrogancia, os costumes acomodaticios ou o estancamento decadente. Hai quen pensa que este terremoto económico vai servir para que o comercio dea o salto definitivo á actualización que seica persiguen desde hai anos, pero hai tamén moito escéptico sobre que a masa empresarial local dispoña realmente desa capacidade de adaptación. Ogallá. De momento, sumémonos ao PonteLovers, convirtámonos todos en amantes incondicionais da nosa cidade e confabulémonos, desde o primeiro ao último, para que Pontevedra siga a ser ese lugar marabilloso que non cambiaríamos por ningún outro do planeta.

Museo de Pontevedra

E xa que nos puxemos tan localistas, imos dar un paseo polo Museo. Ogallá entre a renovación que anuncian, dean cambiado a web para facela máis operativa, máis contemporánea e útil para a difusión da súa impresionante obra. Pero alomenos poden ir ao apartado “Colección” e flipar coa cantidade de cousas que están perdendo se non dedican algún momento do seu ocio a visitar esta xoia local, sen dúbida o máis completo de Galicia. Naveguen polas súas coleccións e síntanse, se cabe, aínda un pouco máis orgullosos da súa cidade. Agradeceránllo a vostedes mesmos.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 19 DE ABRIL DE 2020, TRIXÉSIMO DÍA DE CONFINAMENTO