¿Nrouhrgñaodfsnvaiov?

ANTÓN PRIETO

Un lindo debate barroco desprégase ante nós a raiz dunha pregunta do Centro de Investigacións Sociolóxicas. Atentas: “Cre vostede que neste momento habería que proibir a difusión de bulos e informacións engañosas e pouco fundamentadas polas redes e os medios de comunicación social, remitindo toda a información sobre a pandemia a fontes oficiais, ou cre que hai que manter a liberdade total para a difusión de noticias e informacións?”. Que? Como lle queda o corpo?.

Vaia por diante algo importante: reverencia absoluta a técnicos, dirección e empregados do CIS, protagonistas dunha actividade demoscópica sobre a que moitos pontifican con demasiada alegría. Non serei eu quen se sume a ese abano de engenieros que se alporizan cada vez que o Instituto publica o resultado dun sondeo.

Pero vostede imaxine que de repente colle o teléfono dun número descoñecido. Conta con que quererán venderlle un paquete de series televisivas ou un crédito de cofidís. Pero vai e escoita todo aquilo. De súpeto comeza a sudar frío e, como é para o CIS, estudia en primeiro lugar se alinearse co bipartito, coa opodereitona ou coa banda máis alternativa do hemiciclo, composta pola esquerda bonita e a periferia espabilada.

Pídelle o corpo dicir que sí, pois boa sería pasar todo isto baixo un goberno capaz de condecorar á virxe do Carme. Vostede quere dicir que si, que habería que prohibir os bulos e as informacións engañosas, pois que é iso de mentir descaradamente ou sementar as redes de babosadas varias con finalidades perversas.

Pero despois de pedir ao amable interlocutor oficial que che repita a pregunta unha ou duas veces máis, chegas a iso de remitirnos ás fontes oficiais. É como preguntar se prefires mudar de planeta. Quere vostede vivir en Urano sen auga nen ceo protector?. De repente, un estado que nunca se preocupou de ter un corpo de xornalistas acreditados, rexistrados, responsabilizados socialmente ante a cidadanía, cunha formación máis ou menos sólida, cun nivel salarial digno, cunha independencia real de empresas, corporacións, chiringuitos ou lobbies, capaces de responder do seu traballo ante colexios ou tribunais profesionais… de repente ese país abandona por un momento a pandereta e pregunta á súa cidadanía se prefire bulos ou informacións oficiais.

E xa descendendo un pouco máis no nivelazo semántico da cousa, “manter a liberdade total para difundir noticias e informacións”. Liberdade total. Non me diga que non se puxo poético o entrevistador… nun ecosistema no que tantos medios son propiedade de bancos, construtoras, corporacións ou lobbies. Ou dependen de enormes anunciantes ou da publicidade institucional para sobrevivir. Catro ou catrocentos millóns de chíos estúpidos circulando pola rede non son nada en comparación coa pregunta necesaria: Prefire que lle conte as cousas un ou unha xornalista profesional libre de cargas e hipotecas, ou o abellón zumbón con aspecto de broker que cada día lle empaña cerebro con verdades selectivas? E por suposto, tamén respondería: “si, claro”.

Todo es mentira…

…En este mundo / todo es mentira la verdad. Un verso de Manu Chao moi propio para abordar a profunda pregunta do CIS. Clandestino, un álbum de 1998 considerado como un dos mellores mil álbumes de música que calquera persoa debe escoitar antes de morrer. Se lle mola esa especie de reagge excéntrico, polilingüe, feliz, amargo e cun punto de verdade, busquen este álbum e fáganse compaña durante o encerro.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA BAIXO O TÍTULO “A ENQUISA DO CIS” O 17 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO NOVENO D͍A DE CONFINAMENTO