Simón forever

A N T Ó N   P R I E T O

A gripe do doutor Simón debe ser a febre máis sentida por millóns de persoas. De entrada quen máis debe sentila é o goberno, que trata de manter firme a nao en medio da máis dura das treboadas, da tormenta perfecta.

Simón encarnou desde o inicio a voz dos datos relativos á pandemia. Estivo ao frente da terceira liña de ataque informativo de Moncloa, por detrás do presidente e os ministros, que ocuparon as duas primeiras. Pero ao contrario dos discursos emocionais do Presidente e os de corte máis racional de algúns ministros, o médico exerceu desde o primeiro día o papel da obxectividade, da ciencia e do rigor, unha pata fundamental no ecosistema hispano de cohesión e defensa común ante o andacio.

Pode que nalgún momento o vísemos superado polos acontecementos, pero aínda nos máis críticos comprobamos como a paciencia, a mesura e o manexo das situacións aportaban toneladas de confianza catódica a unha cidadanía que ve diariamente como medra a cifra da infección e a morte.

Un voceiro que cumpría con boísima nota a difícil misión de ir contrapesando os centos de contidos informativos que falaban de caos nos hospitais, de denuncias sobre a escaseza de material, de ataques políticos de algúns líderes da dereita cavernícola, das futuras cifras que moldean cada día a famosa curva á que non se lle atopa fin.

Simón acompaña a súa mirada limpa e curtida en mil batallas cunha estética que o diferencia claramente do aspecto uniformado, plástico e impersonal dos representantes políticos e sobre todo dos militares que comparecen cada día para realizar as súas ás veces anecdóticas achegas. El deixouse caer no plató gubernamental coa súa fisonomía cotián e doméstica de quen está máis perto de Einstein que dun burócrata occidental. Botarémolo de menos e agardamos que apareza de contado, como ese personaxe imprescindible dunha peli que nos engancha ao principio e non volve a aparecer ata case o final.

Tanto el como a súa substituta, María José Sierra, son a voz do grupo de científicos que asesora a Moncloa. Convén lembrar, porén, que quen gobernan son os ministros, ministras e sobre todo o presidente. Estes, por moito que se apoien no comité científico, deciden sobre o ritmo do confinamento e as cuestións territoriais. Sexa como fose, cada un pode sentirse como queira. Cada enfermeira, cada médico que o desexe, pode denunciar cousas ante as cámaras creando inquedanza entre a xente. Como cada hooligan pode vomitar no twitter toda a súa bilis de veleño. Ou cada partido da dereita pode encher as redes de mensaxes inflados polos seus sistemas de expandir a merda.

Pero moitos outros seguiremos vendo na mirada persuasiva de Simón —tamén nos datos de Sierra, e nas emotivas confesións de Sánchez— a seguridade de que se nos equivocamos estamos errando todos, porque con eles compartimos medos e incertezas. E de que cando saiamos desta imos saber moitas máis cousas sobre como encarar a seguinte.

Chariño

Dediquemos para a pronta recuperación do doutor Simón uns versos de Paio Gómez Chariño, nado na Pontevedra de 1225. “As frores do meu amigo / briosas van no navío / E vanse as frores / daquí ben con meus amores / Idas son as frores / daquí ben con meus amores”. Unha oportunidade de ler algo antigo e estupendo. E se non queren, conéctense á obra de Amancio Prada, pero non ao disco de Rosalía ou ao Cántico Espiritual, tamén sublimes. Non. Escollan Leliadoura, un marabilloso xeito de gozar da poesía medieval.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 31 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO SÉPTIMO DÍA DE CONFINAMENTO