ANTÓN PRIETO
Este ano, a dimensión festiva da nosa estirpe vai quedar tocada. Festa e contacto físico parecen dimensións indisociables, e non podemos concebir acontecemento que se precie sen ese roce que nos transmite sentimento, amor e ledicia. Abrazar, bicar, acariñar, simplemente tocarnos, está na base da nosa cultura cinética, somos imáns camiñando pola vida, gozamos co rozamento, co corpo a corpo, coas nosas mans unidas en xoldras e reivindicacións, e xa non falemos de sexo, que é a máxima expresión da festa, aínda que hoxe falaremos das dimensións máis mundanas. Sempre que a emoción nos embarga, derrubámosnos uns contra outros coa máxima querencia, na procura un acubillo amable e xeneroso.
Tanto é así que non son poucas as teorías que estes días apuntan ao maior contacto físico do sur de Europa coma un dos factores determinantes da expansión deste virus cabrón. Que llo digan a Pablo Méndez, unha das maiores empresas culturais da cidade, que veu como á caída do sol un día de marzo se lle viñan abaixo todos os seus contratos do ano. Ibiza, Madrid, Canarias, Valencia, Andalucía, algúns lugares de Europa e toda Galiza ían apagando os focos que alumearían aos seus artistas durante toda a primavera ou o verán, épocas fortes da arte na rúa. Os espellos en movemento, os doces balancíns xigantes, as enigmáticas sereas, as criaturas chegadas dos submundos e os supramundos, moldeados aquí para estimular a Imaxinación e a fantasía de tanta xente. Quedarán anclados no baúl dun tempo de tristura obrigada, a que nos mantén con esta cara de pasmóns.
Agardamos que, cando o pracer de nos rozar volva a situarnos no que realmente queremos ser, cheguen con el as cabriolas fantásticas e as músicas potentes para acompañar os solpores do verán e as madrugadas con sabor a viño vello. Ogallá que quen decide que a festa continúe, quen lle dea ao botón do reinicio da nosa dignidade colectiva, se lembren de Pablo, e de tantos outros Pablos que hai na música, no teatro, e en xeral en toda a creatividade que arrodea a festa. Será como lembrarnos de quen somos, do que somos capaces de facer coa cultura e as expresións colectivas da ledicia.
Polo momento, gocemos coas festas de pantalla, con esa incesante e inmensa chea de motivos que circulan polas redes para manternos activos e contentos, sempre que a gadaña da sorte non se fixase aínda en nós ou nos nosos seres queridos. É o momento de manter o optimismo e fornecernos de vida a través de memes, de conversas estupendas, de programas de televisión, de grupos de facebook, dos videos que che dedican os amigos, de vermús virtuais, de concertos ou mesmo de conferencias como as que fixo circular onte a Aula Castelao —que o coñecemento e a análise do mundo tamén é entretido—. E non esquezan defenderse da miseria, do veleño, que tamén é moita e chega por todas partes. Incluso é momento de volver a ese pracer estupendo que é ler en papel o Diario ou calquera que fose o seu xornal favorito.
Praceres que non substitúen a nos tocar, a nos celebrar, a nos bicar, a nos rozar sen reservas nun concerto ou un evento, pero que temos que dar por boas neste impás que nos impuxo a vida. Debémosllo a tanta xente que se está —nos estamos— salvando de morrer grazas a este enclaustramento.
Máximas Capitales
A festa é sobre todo pracer, felicidade. Conectémonos ás Máximas Capitales de Epicuro. A quinta: “Non é completa unha vida sen pracer. Non existe unha vida placenteira sen que sexa sensata, recta e xustamente vivida, nen se pode vivir sensata, recta e xustamente sen o pracer. Quen non comparte tal criterio, non pode vivir gozosamente”. A vixésimo séptima: “A amizade é a máxima bondade da vida. De entre as bondades que a sabiduría procura para a felicidade da vida enteira, a maior, con diferencia, é a riqueza da amizade”. Non me digan que non paga a pena botarlles un vistazo e pensar mentres aí fóra explota a tormenta primaveral.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 15 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO OITAVO DÍA DE CONFINAMENTO