AMO O MEU CARRO RICO

A N T Ó N   P R I E T O

Facer o amor nun simca mil. Un himno da transición. Moi acaído para homenaxear algo que hoxe botamos en falta. Un obxecto que as persoas máis eco-céntricas non terán en moita estima, pero que poucos coma el marcan a nosa época. Sei que atravesa momentos de baixón. Aquí en Vigo hai unha fábrica que se non é polo diñeiro público xa estaría en Nixeria ou Sudáfrica. As cidades, en certa medida abandeiradas por Pontevedra, están en pleno proceso de reubicalo, de dominalo, de aproveitar os seus valores e desbotar as súas disfuncións nas rúas e prazas. As urbes están desorientadas entre a contaminación, os engarrafamentos, o ruído, a violencia viaria, e non dan adoitado maneiras de levarse ben con él. A cultura do asento da atrás ou a hiperprotección incide nos debates educativos de todo o mundo e os estados xa non saben que facer para evitar accidentes de tráfico. O xeito de alimentalos, que se GLP, diesel, gasolinas, gas, auga, hidróxeno ou enerxía eléctrica, invade debates e plans de marketing a esgalla.

Pero por enriba de todo, adoramos o noso coche. E non falo das presuntas disfuncións mentais dos que conscientemente o utilizan para fardar ou ironizar cun estátus social desexable, véxase o anuncio de sixt: alugue un carrazo para que o tomen en serio. Non. Tampouco falo do coche como medio de transporte, sobre o que aquí, en Galiza, teríamos moito que dicir por mor do noso modo de vida tradicional, esparexido polo territorio. Nen falarei de infraestruturas, de mercado automobilístico, de carnets de conducir, de desolocalización industrial, de obsolescencia programada, de car sharing, de blablacar ou chuminadas polo estilo. Todas esas dinámicas estruturais que pasaron de súpeto a ser arqueoloxía coronavírica.

É hora de reivindicar con orgullo o noso coche como espazo íntimo, case poético, no que acontecen moitas das mellores cousas das nosas vidas. Seguimos relacionando o coche coa madureza, coa independencia, con ese obxecto de devezo que nos vai permitir encher de Ledicia tantos momentos agradables, e quizaves, tamén algún desgraciado, pois a vida, incluso dentro do coche, sempre é un dilema.

Pregúntame a miña querida Alba se hai algo máis sexy que un tipo ao voltante. É difícil de imaxinar, pois ese tipo parará en calquera momento a gozar dun fumegante café ou recollerá a un ou unha amante desenvolvendo así esa estética do aloumiño no xoenllo, de mans entrelazadas, de cariños furtivos, de… en fin, imos deixalo así porque trascender o código da circulación pode ter consecuencias explosivas en múltiples direccións. Tamén o motor e a estética femenina do empoderamento. Non falo da patética escena dos almanaques de taller. Falo desa muller poderosa e segura do que fai, sola no seu cochazo, quizaves un 4×4, con tantas aventuras que contar a bordo dese corcel de gasofa que tanto engancha aos seus amantes.

Ese coche que nos leva, sós ou en parella, a gusto con nós mesmos, con esa sensación de benestar que roza a felicidade, a bordo do que abandonamos o mundo para nos trasladar non tanto a un espazo, senón mellor a un momento que identificamos como do mellor que vivimos nunca. Momentos que identificamos como únicos abstraídos no automatismo da condución, ou que aproveitamos para ter conversas profundas co teu xefe, co teu amigo, co teu amante ou con algún descoñecido con quen por algunha razón compartes a túa intimidade. O mesmo con nós propios, para cantar coma loucos en metade da noite ou pedirlle que nos axude a conter a ansiedade de chegar para tocar o amor dese instante.

Los inhumanos

O desvergonzado grupo da movida que chegou de Valencia en 1988 para aventar un pouco a caspa do panorama social. A valentía da felicidade, do exemplo e da chulería. Xa que non somos quen de mudar moito máis, centrémonos nas pequenas cousas da vida. No simca mil. Qué marabillosos polvos os de aqueles anos de estreitura.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 13 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO SEXTO DÍA DE CONFINAMENTO