Saúde, diñeiro, amor
A N T Ó N P R I E T O
Apoiándonos nesta canción de finais dos 60, e aínda que creo que o rollo bondadoso xa vai cotizando á baixa, imos imaxinar que o confinamento nos está servindo para algo realmente interesante. Abro tres grupos de preguntas sen respostas.
A saúde, fonte de grandes satisfaccións, preocupacións, benestar e inquedanza. Seguirémonos lembrando dela só cando nos falta, en calquera dimensión? Continuaremos a fumar, beber ou xantar en exceso, a alterar a nosa fisonomía con suplementos, a apoiar con alucinóxenos ou estimulantes algúns momentos das nosas vidas? Conseguirémonos desvencellar do trinomio alcol-festa-felicidade? Camiñaremos tranquilos para resolver problemas sen entregarnos a solucións incertas? Seguiremos rateando investimentos para a sanidade pública? Acabaremos coa mercantilización da saúde, rescatándoa do consumismo farmacéutico, da privatización dos servizos sanitarios que se converten en negocios? Seguiremos marxinando a atención primaria pública para entregarnos aos seguros privados que che atenden sen cita previa e por riba obteñen beneficios? Seguiremos a pensar máis e nós que nos outros, vivan na parte do planeta que vivan?
O diñeiro, fonte de grandes euforias, envexas, felicidade e miseria. Como o perseguiremos? Poñeremos un límite á súa acumulación? Poñerémolo todos, incluso quen máis teñen ou gañan? Tenderemos a igualarnos no carrusel da abundancia? Como nolo montaremos para conseguir vinculalo ao esforzo de cada un, pero sen que esa vinculación produza monstruosas diferenzas? Conseguiremos unha fiscalidade na que quen máis gañan acheguen máis, sen que iso chegue a desvialos de seguir creando valor? Converteremos aos máis ricos nos máis orgullosos, non por ter máis, gozar mellor ou legar aos seus desecendentes, senón por ceder máis e máis recursos á facenda pública? Veremos ao grande, ao enorme, ao inmenso e ao global empresariado renunciar á enxeñería financeira legal e contribuir coa mesma porcentaxe que contribúe o pequeno, mediano e micro empresario, ou mesmo como o empregado medio, que co seu traballo e a súa capacidade de consumo fan que as empresas funcionen?
O amor, fonte de grandes momentos, fracasos, alegrías e decepcións. Recolocaremos o concepto “parella” como nucleo fundamental do amor, ou atreverémonos a desbancalo como única fonte da felicidade amorosa, que sen dúbida o é, pero non a única? Continuarémonos vinculando de dous en dous ata que a morte nos separe, imaxinando que a vida vai ser sempre igual? Seguirémonos entreggando ao sentimentalismo banal do amor romántico, da media laranxa, da confluencia absoluta de ambos os membros da parella? Continuarémonos anulando mutuamente —normalmente máis á muller no caso de parellas heteros—, afastándonos da nosa vida persoal para integrarnos nun sistema pechado de lecer e relacións? Prescindiremos dos ciumes, da vixilancia enfermiza, da suspicacia, das faltas de respecto ao outro ou outra, a indiferenza, o non-diálogo, o mobbing, a violencia contra as mulleres, a chantaxe emocional, o control, a dependencia económica? Seguiremos teimudos en que só debemos ter sexo dentro da parella, en que ter amantes é un vicio, en que o sexo é reprodución? Seguiremos negando a existencia do poliamor ou a capacidade de amar a máis dunha persoa? Poñeremos por fin en valor o amor fraternal, desinteresado, alén da comenencia egocéntrica, económica ou profesional?
Cristina y Los Stop
Moi pouco coñecido este grupo de finais dos 60. Tres Cosas é a súa canción máis famosa, a superventas “Saúde, diñeiro e amor”. Aproveitándoa, podemos viaxar por ese itinerario de guateques do pop setenteiro máis desenfadado e prescindible, pero ao que miramos co corazón na lapela, supoñendo que as súas baladas e os seus rockeríos trouxéronnos até aquí con máis tenrura que ira.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 12 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO SEXTO DÍA DE CONFINAMENTO