Antídotos anti crueldade

A N T Ó N   P R I E T O

Tíralle da corda a esta época doméstica. Teño tempo para todo. Iso é o que se di sen pensar demasiado. Quen máis quen menos, seguimos as rutinas diarias, non porque nolo recomenden os psicólogos, senón porque é o que nos pide o corpo para viaxar mellor entre a sombriza realidade. Despois de todo isto seguiremos mercando tonterías que non precisamos, buscando a última moda en iogures ou desprezando aos pobres de pedir, cousas para as que fomos educados. 

As rutinas son as escaleiras que nos conectan co que somos, polo que a axenda do confinamento está tan chea ou valeira coma nós mesmos. A motivación para facer, para encher os minutos de sofocos non reside no lugar no que teñas que estar, senón en todo o que precises para sobrevivir.

Por exemplo, os labores domésticos. A moitas persoas nos relaxan e nos axudan a continuar activas nestes días de presidio. A plancha é o meu Parnaso, o lugar que resume as miñas aspiracións máis sublimes. Onde me agocho da hiperactividade, do mundo hiperconectado, hiperinformado, hipermercado, hipercultural, hiperglobal.

Tras os reglamentarios bos días á túa parella se a tes e na casa, e a aquel ramalliño de imprescindibles virtuais, podemos comezar intervindo brevemente nunha polémica italiana entre un líder ultracatólico e nada menos que Madonna, á que calificou de “abuelona” alporizando aos seus seguidores locais. De seguido, alguén te informa que non hai moitos anos Abascal acodía a un coñecido cruissing de Vitoria na procura de pracer. Ole por el. Un vello amigo de Madrid infórmame sobre a orixe de “Resistiré”, letra que Carlos Toro compuxo pensando no seu pai, un preso comunista nos cárceres de Franco, o que aumenta a súa tensión épica neste momento en que volven co rollo das duas Españas, en vez de mirar por unha mellorada terceira versión.

Almorzos, xantares, confección de doces se pillas fariña no súper, o coidado máis repousado das prantas, algún libro que ler —estou con Homo Deus, de Harari, e non dou avanzado. Algunha masturbación tranquila. Repasar Diario de Pontevedra para saber qué acontece aquí mesmo, coa info local que non dan as teles. Falar coa mami tres ou catro veces ao día, coa irmá da alma, videoconferencias con grupos como a miña querida Triple A, un comando segredo para repasar os devaneos de Tinder, Grindr ou amantes antigos, en curso ou ad futurum, mesturado con series, literatura ou eses artigos de Jabois cos que derretemos o corazón. Aseo diario, a cola do súper… o monísimas que imos estar todas co antifaz.

Máis teléfono, vellos colegas. O meu record: Consu, 26 anos sen falarmos. E coa mesma voz. Qué ledicia. E Rosa, a miña compostelana recluida de casualidade no seu piso de Las Palmas. Pedro, o enorme Pedro que aos 77 está soíño porque o seu home que estaba de paso na Coru decidiu quedar para non incrementar aínda máis o seu risco vital en Madrid. O queridísimo Jordi, de Reus, co seu lanzamento nas redes como adestrador presencial e virtual: logo, estratexia visual, videos… sorte quen poida ter un guía tan perfecto. Pregunto ao amigo Andy se segue en NYC e como vai por aló, e recalo en Cádiz para saudar a vellas e novas amizades. O querido Chema de Bruxelas envíame fotos planchando, a raiz dunha que eu publico nas redes como reivindicación erótico festiva da cotidianidade doméstica. Escribo durante o día a amigos en Paris, Beirut, Stuttgar, Monte Porreiro, Marbella, Ferrol, Dubai, México. Comparto algún artigo e tamén o de Fortes ante o acoso dos nibelungos.

Máis tarde leo un interesante artigo sobre a orixe decimonónica da beirarrúa que me envía a imprescindible Ana, de Granada. Un simparar de sensacións e aromas procedentes de todo o mundo enchen de ledicia estes días de encerro. Necesitamos mitigar a carraxe pola morte de tantas persoas e a raiba viva que nos producen esas mensaxes terribles de que con máis de 70 xa non vas para a UCI porque o teu é morrer. Sacade de ahí, mamalóns, que os avós aínda teñen moita leña que cortar.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 10 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO QUINTO DÍA DE CONFINAMENTO