Artistas en cuarentena
A n t ó n P r i e t o
Agora que asistimos a regresións como convertir as cidades en corralas, en patios de veciños nos que temos que soportar o reguetón de enfrente a tope de decibelios ou as festas post-aplauso das 20h… agora que nos descubrimos parte dunha arquitectura con múltiples aristas, é o momento de botar unha ollada á situación de quen vive da produción cultural, dese almibre social que nos mantén unidos e nos identifica como parte dunha colectividade.
Baixo as novelas, os cómics, as artes plásticas, o teatro, o espectáculo, a música, a danza, a creatividade publicitaria, a festa, o deseño, os medios de comunicación, a ilustración, o folclore, as orquestras, as librerías ou o espectáculo hai un mundo moi semellante ao dunha gandería de vacún ou un restaurante fast-food: declaracións de IVE, cotas de autónomos, pago de nóminas, planificación mensual, obxectivos anuais, costes de produción, amortizacións, imposto de sociedades, financiación bancaria, reinvestimento, formación, alugueres, limpeza, promoción… en definitiva, intelixencia empresarial pura e dura para navegar entre os incertos mares da competencia, o posicionamento, a visibilidade, o márketing, a productividade ou o valor das cousas.
Hai unha pequena porción destas persoas que viven directamente da estrutura pública: programadores, algún persoal administrativo ou auxiliar de salas e infraestruturas como centros culturais, teatros, bibliotecas ou museos públicos… pouco máis. Do resto, os protagonistas da cultura móvense entre a dedicación exclusiva e a parcial compatibilizada con outros empregos.
Ademáis, calquera aproximación á industria cultural é obrigado facela diferenciando ben duas cousas: a creación, por unha parte, e o consumo pola outra. O acceso ao consumo de produtos culturais é unha das dimensións que mellor definen a globalización: canles televisivos, grandes museos, best sellers, viaxes, concertos, cinema. Todo a golpe de click ou a prezo de obreiro, navegando sobre o inmenso océano da industria do ocio. As chamadas sociedades desenvolvidas abandonaron as manufacturas para tirar por esa especie de comercio global da cultura, centralizado e uniformizador que amenaza ás culturas periféricas.
E despois está a cultura de proximidade, á que dedican os seus esforzos centos de persoas cada día. Neste sector é no que os poderes públicos teñen que lucirse tras a pandemia. Non pode ser que tras o colapso centremos só os esforzos nas grandes magnitudes. Axudar a autónomos, asalariados e empresarios a recuperar pulo, tomarnos en serio iso de que “temos o mellor sistema sanitario do mundo”… todo é importante, claro que si. Pero tamén o é pensar nas dificultades dun sector económicamente tan feble coma este.
Debémosllo aos nosos artistas, aos creadores das nosas formas, a quen mellor expresa a nosa forma de ver o mundo. Pero non llelo debemos como unha dádiva caritativa, senón creando unha auténtica economía pública que sexa quen de manter estruturas teatrais, musicais, literarias ou artísticas merecentes de ter un papel vertebral na nosa economía. Por exemplo, contratando espectáculos producidos aquí, vendo como aproveitar os espazos culturais das antigas caixas ou impulsando desde a economía pública estruturas de produción (teatro, danza, música, plástica, cinema, espectáculos…) que simplemente non existen.
Ven ao Salón
Vencellado con isto, valoremos a cultura que se fai aquí. Unha suxestión, se teñen criaturas na casa: O Salón Virtual, na súa magnífica web salondolibro.gal. O Corona-conto, o misterio do papel hixiénico, cociñando con humor, Orbil bailador, voces divertidas, ximnasia na casa, a orquestra pantasma… e moitas propostas máis da próspera, lúcida e creativa xente da cultura que vive entre nós.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 25 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO PRIMEIRO DÍA DE CONFINAMENTO