Que pague Amazon

A N T Ó N   P R I E T O

O e-comercio avanza o que non está escrito. Estas plataformas e resto dos grandes distribuidores medran en vendas a distancia mentres o microcomercio ve como se lle escapa boa parte da súa cota de mercado. Parece lóxico que unha das medidas fiscais que se apliquen en breve fose redistribuir os beneficios das empresas online entre o resto dos comerciantes que cada día estaban ahí, ao pé de cada rúa, en cada praza, en cada cidade, en cada esquina. A intelixencia fiscal e a capacidade reequilibradora do estado debería notarse tamén aquí. 

Varios interrogantes sobre isto: Terá o estado —Galiza seguro que non— mecanismos para lograr un incremento das cargas impositivas ao comercio electrónico en detrimento da presión fiscal aos pequenos comercios? Haberá posibilidades legais, vellas ou novas, estándares ou efémeras, para incidir nese proceso de aniquilamento da estrutura comercial? Supoño que non, porque viña sendo difícil meter man ás tecnolóxicas por mor das ameazas comerciais dos Estados Unidos, o país matriz desas empresas.

O comercio, como sector competitivo no mundo liberal, fai o que todas as empresas: eliminar gastos de persoal e para iso utilizan todo o que teñen á man. Conserveiras que venden como galego o peixe das súas latas embalado no Perú, autoestradas que nos cobran por telepeaxe, bancos que reduciron drásticamente o persoal, toallas francesas que se lavan en Túnez, laranxas que proceden de Israel, amén de toda a manufactura fabricada en Asia, roupa incluída, que se vende por baixo dun prezo razoable. É a tómbola da modernidade, da ausencia do Estado, da desaparición da política. Estamos convivindo coa nosa derrota.

No caso do comercio, ahí o temos. De 30 anos a esta parte en distintas andanadas, os puntos de venta centralizáronse naqueles continentes, alcampos, carrefurres, eroskis. Máis adiante en contentores doutro tipo de vendas —téxtil, fogar, etc— mesturados co ocio, maiormente cinema e restauración, algo que xa é o summun do consumismo feroz. Foi o declive de moitas cidades, se ben Pontevedra soubo máis ou menos conter esa hemorraxia. Hoxe flipamos coa venda a domicilio, que enche de furgonetas e camións as nosas rúas e de paso sáltase as relacións comerciais tradicionais nun terrible bypass que deixa milleiros de empresas e empregos polo camiño. 

Vímolo vir como unha evolución normal e así o seguiremos vendo, porque a capacidade da política para intervir nestas situacións é limitadísima. Non hai máis que ver estes días as dificultades legais que ten o Goberno para controlar o prezo das mascariñas. Como para aspirar a que todos eses mercaderes de novo cuño compensen por vía impositiva o dano que fan, os perxuizos que causan á nosa estabilidade económica.

Que nacerá de aquí? Hai quen sostén, con moito optimismo, que estamos ingresando nunha nova maneira de xestionar as pequenas empresas comerciais. Pode ser. Seguro que ten que ser, porque xa quizá nada volverá ao seu. Haberá que estudiar que facer con eses milleiros de persoas sen vocación empresarial, cunha preparación aceptable convertidos en espectadores dunha economía que lles sorprende en metade da escaleira sen saber se subir ou baixar… e sen chascarrillos de madriles, please.

Apocalipse Z

E falando de sectores que van reconvertíndose, recomendamos moi afervoadamente unha novela de zombies de enorme éxito internacional. Apocalipse Z, de Manel Loureiro. Confeso que non é unha recomendación persoal, porque eu non consumo ese xénero de tanta devoción na actualidade, pero a miña parella devorouna e con altísimo grado de satisfacción. Poden maridar a leitura coa audición do Sabat Mater de Pergolesi, unha delicadísima peza da época barroca, moi apropiada para esta semana santa de tanto recollemento. Todo moi trascendente.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 9 DE ABRIL DE 2020, DÉCIMO CUARTO DÍA DE CONFINAMENTO