A n t ó n P r i e t o
As empresas aproveitan a crise para enviarnos mensaxes evocadoras sobre a bondade e a harmonía. A venda da felicidade e a esperanza asociada a Orange, Gadis ou El Corte Inglés figura en primeiro de marketing de calquera escola de negocios ou comunicación. Grandes acontecementos tamén proporcionan grandes argumentos de venda, máxime cando está nutrido dese magma informativo que antes chamabamos “interés humano” pero que hoxe inunda os prime time de calquera medio.
Máis aló das empresas están os países. Exercer a solidariedade está no adn das persoas. Os países, os estados, nacións ou o que fosen, teñen a súa propia personalidade colectiva, por moito que un crecente cosmopaletismo nos anime a pensar que só existimos as persoas individuais, agarrándose a ese concepto absurdo de ser “cidadán do mundo”. Pois non, cari. Mal que che pese, e incluso agora co mundo globalizado, sempre serás de onde naces, te eduques ou habites, porque o que es agora é o resultado do que levas sido desde que naciches.
Uns máis e outros menos, os países tamén se afanan en coidar a súa imaxe exterior. Non digo a partires de videos turísticos como a preciosidade que Portugal fixo circular hai días para recuperar o turismo tras a crise. Iso tamén, pero non só iso. A chamada “solidariedade”. Por exemplo, esa que os americanos tras a guerra mundial chamaron Plan Marshall e que inclinou a Europa a mirar alén do Atlántico e non aos libertadores soviéticos durante toda a segunda metade do século XX, apoiada por unha impecable épica cinematográfica e unha potentísima influencia económica.
Últimamente xa non hai grandes xestas… ou si, pero son máis ben destrutivas e provocadas polo clan occidental contra Irak, Libia, Siria e outras guerras menores pero igual de implacables dos nosos socios.
Pero oh sorpresa. Italia colapsa e aparecen avións chineses, rusos e cubanos portando a bandeira branca da irmandade universal. Ola, amigos italianos. Vimos pagarvos con médicos, mascarillas e respiradores a vosa preciosa contribución á fraternidade: o himno Bella ciao. Somos partisanos da humanidade e vimos plantar tan linda flor.
Supoño que alguén que investigue a semiótica das relacións internacionais relacionará estes xestos cos intereses e a misión que cada país se autoimpón no mundo. Claro, non é igual que as monarquías española e saudí cooperen para construir un tren no deserto, que países como Cuba ou China, con valores democráticos e humanos bastante distintos aos nosos e aos que normalmente algúns denostan por “comunistas”, nos axuden na pandemia.
Quizaves debamos desdibuxar un pouco os nosos esquemas de valores e ir substituíndo a soberbia occidental por unha mirada máis intelixente cara a países que souberon poñer ás persoas por enriba dos negocios. Reconfigurar ese chip eurocéntrico que nos convertiu en estúpidos gordos sobrealimentados ou en soberbios consumidores altivos resulta unha urxente necesidade.
Tabucci
Para conectarnos con Italia, Francia e Portugal, nada mellor que recurrir a Sostén Pereira, unha das grandes novelas dos noventa. Antonio Tabucci, nado en Pisa, sitúanos na Lisboa de 1938, cando Salazar obtiña o 100% dos votos dunhas elecións ás que só el se presentaba. Naquela redacción só se colaba unha mínima raiola de luz en forma de crónica necrolóxica. Un relato antifascista e intimista que destila todo ese intenso arume de preguerra onde hai incluso espazo para pequenas vitorias. A novela deu para unha preciosa peli, e pode que sexa doado obtela nalgunha desas plataformas.
Bella Ciao
E falando de antifascismo, busquen calquera versión do Bella Ciao. Recoméndolles a de Najwa, en español, chea dunha beleza tan sutil que eleva o himno a un minimalismo sublime. Tampouco está nada mal a versión orixinal que fai Delia, no seu italiano oficial, banda sonora da serie La Casa de Papel. Dous tempos contemporáneos de altísimo nivel.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 29 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO QUINTO DÍA DE CONFINAMENTO