Radio Gominola

ANTÓN PRIETO

Neste confinamento hai unha proba de resistencia vital que supera toda canto martirio poidan conter as vidas de todos os santos, con perdón da cara de vuecencia se é católica ou pertence a algunha desas tribos urbanas que cren no ultramundo. Esa proba é a constante circulación, análise, contraanálise, teses, antíteses, sístoles, diástoles e marmeladas varias derivadas das cifras de afectados en calquera país do mundo, incluído o noso, e incluso no mundo enteiro, tomando por mundo este primeiro no que vivimos, o do norte, e ao mundo tal e como aparece representado nas esferas xeográficas, África incluída, por exemplo.

Cifras e máis cifras, polémicas polo sistema de recontos, análises por comunidades autónomas, comparativas con Alemania ou Francia, se contan ou non todos os mortos, se fan ou non fan, se viran ou reviran, se miden ou estiman, se cocen ou enriquecen. Marabunta apocalíptica. Persecución do dato dixital, xornalismo de aparente precisión convertido en lixo mediático. Atención, últimas cifras aportadas, curva oblicua derivada por estribor, en Xapón confinan máis para que a oropéndola cante algo máis feliz. Manhattan mellor situado que Queens. Lugo, con máis persoas maiores, supera levemente a Soria, cunha pirámide poboacional máis esbelta.

Consuman datos, señoras. Aquí estamos para ofrecérllela última e de paso axudar á dereitona a armar o seu relato apocalíptico mentres comezan a despedir enfermeiras porque xa pasou o pico nos hospitais de Galiza e as prantas xa poden vivir baixo mínimos.

Vostedes continúen vendo TVG sen saber qué é iso dos seus Venres Negros, que eu quedo con Radio Gominola. O meu amigo Manu ten a sorte de vivir na rúa da Estrada, como algúns poucos privilexiados desta cidade. Desde unha esquina máis ou menos feliz dese camiño da Abundancia emite a gorxa xenerosa, bulideira e divertida dun ser excepcional, acompañado das súas fillas e o seu inseparable megáfono, o auténtico espírito de Pasarón, según contan.

Rafa é un antídoto contra a amargura. A súa poesía, intúo, é a desas persoas imprescindibles para manter o mundo en pé, en constante movemento pese a todo. Por eso Rafa ten a mellor receita para estes días de merda. Un relato reparador, ameno, cheo de música e palabras acaídas, cheo de dedicatorias e sentencias de merengue. É o cartafol da alegría, o pozo no que pescar cando non hai peixe, o cordel do que tirar para prender a luz no medio da miseria.

Sen Rafa Córdoba, díxenllo estes días no Facebook, esta cidade sería Neptuno. Él representa, co seu relato extrovertido, estridente e estupendo, a todo o exército que compón a Pontevedra bulideira e desenfadada, a que vive nun entroido permanente, sabendo que non hai entroido máis puro que a vida mesma, coas súas sombras, das que abrolla Radio Gominola como a máis xenuina resposta aos datos dos telexornais.

A forza do optimismo

Recoméndolles hoxe un libro que lin hai 100 ou 300 anos, nun verán de nudismo e desamores nas rochas de Bascuas, aínda que foi escrito en 2005 polo psiquiatra Luis Rojas Marcos, ilustre médico que fora director da rede de hospitais públicos de Nova York, ademáis de magnífico escritor divulgativo e columnista. A forza do optimismo é un repaso científico ao pensamento positivo e á capacidade do ser humano de facer fronte á adversidade con fortaleza e esperanza. Actitudes positivas da man dun médico acostumado a bregar coas máis duras aristas da experiencia humana. E non esquezan Radio Gominola. É compatible e necesario.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 18 DE ABRIL DE 2020, TRIXÉSIMO DÍA DE CONFINAMENTO