Olaaaa… Chámome Capi!

A n t ó n   P r i e t o

Canto costa un apartamento en Sanxenxo no verán? E un hotel en Madrid durante Fitur? Un kit-kat no aeroporto? Un body en Primark? E os percebes piratas en veda? Alguén escoitou falar do estraperlo de antibióticos durante a posguerra, que acontecía no actual paradiso kitch da Gran Vía madrileña, a coctelería Chicote?

Olaaaa! Son o capitalismo! Xa levo tempo aquí. Logro que non o notes, que me sintas parte do teu sistema de valores, que me consideres parte de ti, como o sangue das venas ou a túa follabilidade, que tamén ten moito a ver con se entendes ou non entendes certas cousas do mercado.

O que ocorre é que só vemos as orellas ao lobo cando o lobo apreta. Pero o lobo anda sempre por ahí, e cando ve que pode cazar, caza. As mascarillas ao por maior que antes costaban 0,002 euros, hoxe costan 0,8 no mercado global. As que nas farmacias antes costaban 5, hoxe costan 27, porque aos farmacéuticos véndenllas a 18 cando antes eran a 0,8, e eles teñen que aplicarlles as marxes correspondentes.

O noso sistema económico baséase nestas dinámicas sempre. Cando aumenta a demanda, os prezos suben. Os estados tratan de minorar as aristas máis crueis deste comportamento, fixando algunhas reglas para amortecer os pepinazos do mercado contra a xente, moitas veces con máis vontade que eficacia.

Os telexornais estes días tratan de mostrarnos poéticos exemplos de xenerosas entregas de empresas que colaboran na crise. Incluso hai nobres donacións anónimas que aínda conmoven máis. A verdade é que todo resulta pouco para fornecer aos sanitarios e resto de anxos do ceo que brúan abnegados contra o bicho. Pero igual de certo é que as escolas de negocios dedican moitos esforzos a formar profesionais nunha asignatura moi interesante para a voráxine competitiva: a Responsabilidade Social Corporativa. Noutras palabras, o márketing asociado a facer cousas boas pola colectividade: axudar a paralímpicos, limpar ríos, cooperar co boísmo oeneguero, promover becas ou apoiar o auxilio ás persoas maiores. A RSC, non esquezan, é un arma máis para presentar deslumbrantes balanzos de xestión cheos de beneficios.

En que manual pon que ante a enfermidade ou a debilidade debemos pechar o mercado? Non se equivoquen. Entregar ao negocio a sanidade, incluída a investigación farmacéutica, ou a atención aos maiores —cousas das que se fala tanto estes días— equivale a sometelas a estas lóxicas de mercado. As residencias son caras porque non podemos enviar os velliños a África ou Asia para que os coiden por catro perras. O estado renuncia a crear empresas públicas para organizar un masivo sistema residencial sen mediatizar pola chamada clase corporativa (a que fai medrar os grandes números). Cos tratamentos médicos vangardistas ocorre algo semellante: os laboratorios invisten en investigación para despois recuperalo en forma de enormes ganancias. É a chamada tarta pública que os estados liberais ceden ao mercado, mercantilizando grandes áreas do benestar humano.

É de supoñer que non hai alternativa. Que son tantos aos que capi córrelles polo esófago como a cocacola, que non seremos quen de inventar algo mellor.

Todas cegas

Quen explicaba moi ben todo isto era Saramago. Lean, relean ou recomenden un dos seus monumentos: Ensaio sobre a cegueira. Moitas persoas incluso poderán ler en versión orixinal. Nada que ver co coronavirus, pero sí é unha curiosa pandemia que saca adiante o melloriño da raza humana. Cruel, sorprendente, impactante, agobiante, conmovedora, escura. Pode que do mellor que cheguen a ler nunca.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 27 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO TERCEIRO DÍA DE CONFINAMENTO