A rúa informa

O que gozamos deseñando e elaborando estes soportes urbanos para consulta de turistas. Un traballo de hai uns 5 anos, pero que soporta ben o paso do tempo demostrando a súa operatividade, discreción e xeitiño.

Fixémolo co noso habitual colaborador Colotec e a ferrería local Tobío. Un punto informativo no que se ofrecen desde un mapa de Galicia e da provincia de Pontevedra ata a distancia desde capital ás praias da ría, pasando polo Metrominuto, o plano da cidade e os datos de transporte, así como un pequeno esquema do servizo de proximidade en autobús.

Ao da praza de España, no quilómetro cero das visitas á cidade, quixemos facerlle herdeiro dos espellos que cubrían un cubo informativo que estivo instalado nese lugar anos atrás e que permitiu moito xogo fotográfico grazas á súa estratéxica localización. Despois dalgún tempo engadíuselle a elegante “bágoa” que describe os itinerarios turísticos máis apetecibles.

O outro preto do aparcadoiro de caravanas e centro do turismo deportivo que chega a Pontevedra. Está situado no mesmo céspede pisable da zona da ponte e a nova urbanización de Tafisa, lugar idóneo para caravanistas e para as persoas que usan o lugar para facer deporte.

O conxunto componse de catro monólitos de 2×1 metros, case paralelos, cunha base común que os alza levemente do chan e contén o contrapeso que lles dá estabilidade, xa que tiñan que resultar trasladables en caso de necesidade.

Meses atrás deseñaramos os soportes de información cultural, uns monólitos de 2 caras que substituían aos anteriores cubos de 4. O obxectivo era mellorar o aspecto da información, á vez que se aforraban custos de vinilo ao renovar a cartelería. Un mobiliario urbano que aproveita o enorme fluxo peonil daas rúas para dar a coñecer as abundantes propostas culturais do municipio. Intervir no espazo público para mellorar a vida da xente.

Este tipo de soportes, ademais, respondían a unha estratexia informativa para divulgar masivamente a gran cantidade de eventos teatrais, artísticos, musicais e doutro tipo que pasaban desapercibidos ao gran público. Optouse por un cartelón non publicitario, senón máis ben informativo no que se publican cada mes ou período, segundo a tempada, a relación de actividades que se organizan para manter a vitalidade cultural.