Recaeremos

A n t ó n   P r i e t o

Mudaremos o noso estilo de vida unha vez pase este mal soño? Aproveitaremos esta volta aos fogóns, esta necesaria introspección, este descenso do consumo, esta cultura da conversa, esta creatividade exultante, esta calma chicha nas vidas de todos nós, case poética, para adoitar novos costumes de relación connosco e coas nosas contornas?

Pois probablemente non ocorra nada disto, porque esta aparente retracción cultural é un simple trágala, un frenazo ao balbordo que se nos impuxo e que axiña esqueceremos coma ese pesadelo ao que non damos importancia unha vez superada a conquista do horizonte. Dos horizontes de cada un de nós, dos proxectos persoais que se nos poñen por diante, das rutinas para os rutinarios, das incertezas para os que camiñan polo gume da navalla, e das altas metas para os máis ambiciosos que arriscan diñeiro, fluctúan en bolsa ou gañan carreiras.

Non aprenderemos porque agora vivimos nun paréntese, non nunha realidade alternativa. Seguimos cos proxectos de antes, cos costumes de antes levemente perturbados polo encerramento, pero igual de febles, de humanos.

Seguiremos peloteando aos poderosos, xulgando aos diferentes, derrubando ao compañeiro, delatando á camarada, vendendo a amigos por un par de céntimos, sementando a insidia darredor, usando a crueldade para falármonos.

Seguiremos caendo baixo, poñendo paus nas rodas, gardándonos as verdades, recomendando o mal camiño, facendo que facemos, fabricando bagoas de reptil, mantendo segredos impresentables, silencios maliciosos, miradas esvaídas, conversas inconsistentes, cafés interesados, negociacións manipuladas, afectos malintencionados, saúdos venenosos, autoritarismos extemporáneos, contradicións decepcionantes, traicións insoportables, amores de mentira.

Tamén seremos quen creemos ser, sen dúbida. Pero seguiremos mercando máis roupa da que precisamos, fodendo sen condón entre descoñecidos, collendo atallos inmorais. Seguiremos sen diferenciar a competitividade e a avaricia, a envexa polo ben alleo, o silenciamento cómplice, o relato egocéntrico, a mirada de reollo, o aceno desconsiderado.

Continuaremos insensibles sobre a fosa común mediterránea, sobre as persoas con dificultades de supervivencia, con quen non ten auga corrente, sanidade ou dereitos laborais. Seguiremos poñendo o diñeiro no cumio do noso retablo de devezos, resignándonos polos negocios bancarios, polos lobbies das eléctricas, polos desartellamento da economía pública, das finanzas públicas, das empresas estratéxicas públicas, dos desequilibrios territoriais, de que, como naquel mítico deseño de Castelao, a vaca de aquí se muxa en Madrid.

Sen vergoña

De case todo isto fala unha espléndida serie americana que podedes atopar nas plataformas temáticas, inspirada noutra anterior e homónima da BBC. Shameless (desvergoña), a disparatada crónica da familia Gallagher onde cada persoeiro libra a súa particular batalla entre a maldade e a bondade, entre o correcto e o incómodo. Onde entre risas, sexo, alcohol, drogas e todas cantas situacións cotiáns vos veñan á cabeza, van decorrendo os días nunha espiral suxa, divertida, perigosa e intensa, pero o que é máis importante: nada estravagante. 

Porque todo está pulido con corazón, con mínima violencia, con cotidianeidade e sentido común: responsabilidade, abnegación, compromiso, familia, tríos, bipolaridade, interracialidade, Norteamérica, relixión, mitomanía, aborto, heterodoxia, educación pública e privada, planificación familiar, adolescencias heterodoxas, especulación, hedonismo… unha ensalada de situacións no Chicago máis contemporáneo que ademáis, para os amantes da arquitectura, recrea constantemente na súa estratexia fotográfica a célebre Torre Sears (hoxe chamada oficialmente Willis, con pouco éxito), esa elegante dama negra que desde o 74 define a capital de Ilinois, berce dos rañaceos.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 22 DE MARZO DE 2020, OITAVO DÍA DE CONFINAMENTO