A N T Ó N   P R I E T O
El e-comercio avanza lo que no está escrito. Estas plataformas y resto de los grandes distribuidores crecen en ventas a distancia mientras el microcomercio ve cómo se le escapa buena parte de su cuota de mercado. Parece lógico que una de las medidas fiscales que se apliquen en breve fuese redistribuir los beneficios de estas empresas online entre el resto de los comerciantes que cada día estaban ahí, al pie de cada calle, en cada plaza, en cada ciudad, en cada esquina. La inteligencia fiscal y la capacidad reequilibradora del estado debería notarse también aquí.

Varios interrogantes sobre esto: Tendrá el estado —Galicia seguro que no— mecanismos para lograr un incremento de las cargas impositivas al comercio electrónico en detrimento de la presión fiscal a los pequeños comercios? Habrá posibilidades legales, viejas o nuevas, estándares o efímeras, para incidir en ese proceso de aniquilación de la estructura comercial? Supongo que no, porque ya venía siendo difícil meter mano a las tecnológicas a causa de las amenazas comerciales de los Estados Unidos, el país matriz de esas empresas.

El comercio, como sector competitivo en el mundo liberal, hace lo que todas las empresas: eliminar gastos de personal y para eso utilizan todo lo que tienen a la mano. Conserveras que venden como gallego el pescado de sus latas embalado en Perú, autopistas que nos cobran por telepeaje, bancos que redujeron drásticamente el personal, toallas francesas que se lavan en Túnez, naranjas que proceden de Israel, amén de toda la manufactura fabricada en Asia, ropa incluida, que se vende por debajo de un precio razonable. Es la tómbola de la modernidad, de la ausencia del Estado, de la desaparición de la política. Estamos conviviendo con nuestra derrota.

En el caso del comercio, ahí lo tenemos. De 30 años a esta parte en distintas andanadas, los puntos de venta se centralizaron en aquellos continentes, alcampos, carrefurres, eroskis. Más adelante en contenedores de otro tipo de ventas —textil, hogar, etc— mezclados con el ocio, mayormente cine y restauración, algo que ya es el summun del consumismo feroz. Fue el declive de muchas ciudades, si bien Pontevedra supo más o menos contener esa hemorragia. Hoy flipamos con la venta a domicilio, que llena de furgonetas y camiones nuestras calles y de paso se salta las relaciones comerciales tradicionales en un terrible bypass que deja millares de empresas y empleos por el camino.

Lo hemos visto venir como una evolución normal y así lo seguiremos viendo, porque la capacidad de la política para intervenir en estas situaciones es limitadísima. No hay más que ver estos días las dificultades legales que tiene el Gobierno para controlar el precio de las mascarillas. Como para aspirar a que todos esos mercaderes de nuevo cuño compensen por vía impositiva el daño que hacen, los perjuicios que causan a nuestra estabilidad económica.

Que nacerá de aquí? Hay quien sostiene, con mucho optimismo, que estamos ingresando en una nueva manera de gestionar las pequeñas empresas comerciales. Puede ser. Seguro que tiene que ser, porque ya quizá nada volverá a ser como antes. Habrá que estudiar qué hacer con esos millares de personas sin vocación empresarial, con una preparación aceptable, convertidos en espectadores de una economía que les sorprende en mitad de la escalera sin saber si subir o bajar… ehhh, sin chascarrillos de madriles, please.

Apocalipsis Z

Y hablando de sectores que van reconvirtiéndose, recomendamos muy fervorosamente una novela de zombies de enorme éxito internacional. Apocalipsis Z, de Manel Loureiro. Confieso que no es una recomendación personal, porque yo no consumo ese género de tanta devoción en la actualidad, pero mi pareja la devoró y con altísimo grado de satisfacción. Pueden maridar la lectura con la audición del Sabat Mater de Pergolesi, una delicadísima pieza de la época barroca, muy apropiada para esta peculiar semana santa con tanto recogimiento. Todo muy trascendente.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA EL 8 DE ABRIL DE 2020, VIGÉSIMO CUARTO D͍A DE CONFINAMIENTO

A N T Ó N   P R I E T O

Que Abascal podería ser, coa súa iconografía machirula, unha personaxe da propaganda nazi, ninguén o pon en dúbida. Aínda que estean prohibidos, en Alemania existen círculos que manteñen viva esa chama de voluptuosidade hormonal, nazis actualizados que producen moito arrepío. Asegúrollelo. Hai uns anos coñecín un precioso exemplar da categoría dos grizzly (osos pardos), nun club gay berlinés. O home espondía ás máis definidas cánones da masculinidade, combinada cunha magnífica predisposición para o sexo anal, algo en absoluto contraditorio.

Despois daquela noite tórrida, compartimos un café de media tarde. El chegaba dunha exposición sobre arquitectura alemana dos anos 30 e traía un catálogo que me sorprendeu: era sobre unha especie de enorme mosteiro que Hitler mandara construir para adestrar mozos no cultivo do corpo e mellorar a raza aria. E o chaval, cuarentón homologable, estaba entusiasmado por aquela épica grandiosa e espectacular do xigantismo arquitectónico en metade de frondosos bosques bávaros. Deberíamos recuperar as cousas boas do pasado, dicía… no meu cutre inglés ía entendendo a mensaxe ao tempo que decidía algo importante: nunca máis eu rozaría con pracer a saborosa boca ese tipo perigoso, por moi atractivo que fose. Hai liñas bermellas que non poden cruzarse.

Sempre que observo a estética contemporánea e poderosa do líder de Vox lembro a aquel grizzly ao que lle petaba o cú na escuridade, baixo a música techno e arrodeados de centos de tipos que facían o mesmo ca nós, incluído o meu marido. Era un nazi do noso tempo. Viven entre nós, utilizan a iconografía con pérfida intelixencia. Son quen de rachar as ideas previas que temos sobre os vellos falanxistas. Queren gustar á xente de hoxe e fano con arrogancia. Se Vox fose un produto de mercado, non podía ter packaging mellor que Abascal, pese á súa lata de pemento ou á fervente idolatría cristiana, detalles fóra de catálogo.

A terrible imaxe da Gran Vía chea de cadaleitos é unha icona actual do odio e o rancor. Para iso roubaron unha foto marabillosa da cidade deserta e compuxeron un poema desgarrado, cruel e mentireiro. Din que estamos en guerra, pois toma guerra, xoguemos forte e aproveitemos a liberdade de expresión para descerroxar unha bomba miserable sobre os lombos de cidadáns feridos e asustados. Leni Riefenstahl, a mítica directora que elevou o nazismo a arte cinematográfica deixoullelo ben claro coa súa enorme farsa: “para que esto fose comprensible sen texto, a linguaxe visual tiña que ser moi bo, moi claro. As imaxes debían dicir máis do que se falaba, pero non por iso é propaganda”.

Non podemos defendernos desta apestosa e irrespetuosa propaganda? Como podemos combatir esa enorme amenaza contra a dignidade? Os fillos de Goebbels seguirán convertindo ao seu líder no Cid Campeador, seguirán enchendo de inmundicia as redes, compoñendo iconografías tan efectistas como os carteis nacionalsocialistas. Agardemos que continúen sen tocar Galiza, e sobre todo que non consigan facer de nós a lúa de Lole y Manuel… esa “que se aleja impotente del campo de batalla”. Urxen liñas vermellas por parte de todos. De todos. Quen faga washing con Vox como o PP e C’s serán tamén unha amenaza pública.

Lili Marleen

Para nos apartarmos de tanta porcallada mental escoitemos un clásico. Lili Marleen. Unha canción que trunfou entre os soldados dos dous bandos da segunda guerra e que máis tarde foi prohibida polos nazie. Poden escoitar a orixinal de Lale Andersen, ou a máis masculina de Marlene Dietrich, aquel anxo azul marabilloso. Pero recoméndolles unha versión moi decadente e brutal. A da actriz e cantante alemana Hanna Schygulla, unha enorme diva dos 80, musa de Fassbinder. Verán que marabilla.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 8 DE ABRIL DE 2020, DÉCIMO CUARTO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

Resistíame a falar de política local durante estes arrebatos de enclaustramento, pero hoxe, tras ler a entrevista que Serafín Alonso mantivo co alcalde Lores, non podo deixar de botar unha ollada a Michelena, 30, esa casa que —permítanme a confesión— foi durante 15 anos o lugar no traballei ata 2019.

Se a cidade está funcionando coma un reloxio, é mérito da maioría da poboación, pero tamén dun goberno local que desde o minuto un púxose á fronte dunha situación difícil, en silencio, con espíritu aberto e construtivo, pese a que desde Madrid limitaron súbitamente as súas competencias. Alguén pensa que en Pontevedra, se se mantivese a responsabilidade municipal íntegra no ámbito da seguridade algo iría mal? Sen dubidar, todo decorrería igual ou mellor, porque dirixentes e funcionarios públicos sempre fóron un exemplo de responsabilidade, entrega e eficacia.

Pode que se cometesen algúns erros, como calquera nesta horrible situación. Quen non o fixo? Pero tanto a direción operativa dos servizos, como as áreas máis sensibles de benestar social, seguridade, atención á violencia de xénero, prevención da delincuencia, cooperación coa pobreza extrema e sen teito, familias necesitadas, os aspectos máis críticos e urxentes do momento, están a funcionar como cabería agardar capitaneados por un goberno maduro, sólido e de absoluta garantía.

Pero non só iso. Puxéronse a toda máquina para pagar a proveedores, sabendo que o Concello ten unha forte influencia na economía local. Os que proxectan obras teñen preparado investimentos millonarios para reaxir a normalidade a través da renovación, mellora ou mantemento de rúas, prazas, parques, xardíns ou espazos naturais en todo o municipio. Será, como dixo o alcalde, se desde Madrid non lles confiscan os aforros municipais cos que Pontevedra conta e que ata o momento non podían investir porque llelo impedía unha norma dictada por Montoro cando a crise anterior.

Seguro que os responsables de cultura, festas, deportes, xuventude, etc. están planeando inversións en estéreo para contribuir a que ese sector dos servizos se revitalice contribuíndo á animación e a xolda colectiva, porque a festa e o ocio son ademáis economía de primeira.

E ademáis destes sectores, unha re-conexión necesaria. O reencontro entre a cidade e o seu comercio, ao que o virus pillou en plena reconversión. Un sector tocado de morte pola centralización comercial, pola radical modificación duhas relacións que se viñan tecendo por décadas e están a desaparecer. A venda electrónica racha cos intermediarios, os comerciantes, cuestionando a viabilidade de moitas empresas. Non é unha responsabilidade municipal, pero seguro que o bipartito local estará ao quite, motivando a veciñas e veciños para mercar nos comercios de sempre. E por suposto, xantar, cear e terracear nos nosos recunchos favoritos.

Como xornalista, resúltame algo difícil valorar o papel dunha equipa coa que traballei durante tanto tempo. Esquezo con cariñosa condescendencia os momentos máis áridos para proclamarme pontevedrés de importación. Súmome á gran maré de persoas satisfeitas por estar dirixidos con tanto tino. E, sobre todo, por unha frase do alcalde nesta entrevista: “vou morder a lingua” sobre as críticas ao actual momento. E outra: “Só pido prudencia, sensatez e responsabilidade”. Ave Lores.

As árbores da cidade

Se algún lugar resulta para nós engaiolante e inspirador nesta cidade son os parques e os xardíns. Alí están os protagonistas da nosa recomendación: as árbores de Pontevedra. Poden procuralas na galería do web municipal, xunto a outras publicacións. É un libro de máis de 300 páxinas que percorre a xeografía vexetal de Pontevedra da man de Xaime Blanco e Amancio Castro, que despregan todo o seu saber sobre especies, localizacións e outros detalles interesantes.

Estamos soterrando sobre todo membros dunha xeración lendaria. Persoas que naceron entre os anos 20 e os 40 do pasado século. Persoas que en moitos casos viñeron ao mundo pouco antes de soportar a sima cruel e intelectual da guerra. Outras que sofriron unha primeira infancia coa estreiteza da posguerra nun país rural e entumecido pola escaseza, o frío e a falta de horizonte.

As cifras que asolan os telexornais levan por diante a pel enrugada de persoas que estaban a vivir unha situación algo mellor da que viviron seus pais. Moitos deles emigrantes, moitos mariñeiros, case sempre ademáis labradores de arado romano, co esforzo supremo de expresar co seu suor o soporte da súa familia.

Persoas cuns altísimos niveis de orfandade, que nesa época era relativamente frecuente que pais e nais morresen pouco despois da idade fértil. Moitas das persoas que enterramos viñeron ás cidades na procura de sustento cando se foi desenvolvendo esa tímida industrialización dos 60 e os 70, cando o primeiro babyboom. Fóron quen de reinventarse con catro pesos no peto.

Especialmente Vigo e A Coruña, pero tamén o resto das cidades, acolleron a homes e mulleres que abandonaban as parroquias do país para entregar as súas vidas a novas escravitudes: un bar, un emprego xustiño, unha cartilla de embarque, unha tenda de comestibles, no mellor dos casos un emprego de funcionario, casas nas que limpar, e incluso algúns negocios que foron dando froitos grazas á economía especulativa, convertindo as nosas vilas en adefesios urbanísticos e enriquecendo a uns poucos.

Eses que souberon retroalimentarse cuns poderes públicos incultos, liberais no económico, fascistas, militarizados ata as trancas e exentos de toda sensibilidade civilizadora. Xentes que no mellor dos casos non tiñan máis ca un certificado de escolaridade que significaba ler, escribir, as 4 reglas, asinar e pouco máis. E isto segundo as zonas, moitas veces por empeño das comunidades galegas en América. Tamén os que quedaron nas parroquias, nos Concellos da costa ou do interior e desde aló tamén educaron aos seus fillos, que nos 80 invadiron as universidades. Xentes que fixeron de gran sostén dos seus netos ata mesmo o día antes de que as tebras inzasen as súas vidas.

Moitas e moitos que regresaron de Suiza, Alemania ou Inglaterra despois da súa vida laboral e viñeron xubilarse á patria. Hoxe os aplausos, todas as homenaxes, son por eles, principais vítimas desta merda que nos invade.

Persoas que ían arranxándose coa escasa pensión non contributiva ou a estreita xubilación dos autónomos, nalgún caso apoiado pola rendiña dun piso ou un local que foran quen de adquirir nas mellores épocas hipotecarias. Persoas que Hoxe viven soas ou en residencias exprimidas por fondos de inversión, porque o estilo actual de vida non conxuga ben coa tradición da convivencia interxeneracional, o que engade desleixo, tristura e desolación.

É absolutamente cruel o que nos pasa cos nosos queridos pais ou avós. Protexámolos, amémolos aínda que sexa na distancia, falémoslles, transmitámoslles toda a vida que podamos ata conseguir volver collerlles a man para lles dicir, cada un ao seu xeito, quérote, quérote moito, quérote mil, quérote todo.

Sara, Ana

Duas mullerazas. Ana Kiro, a forza rural da nosa xente, o símbolo dese país que por baixo das xélidas formas da ditadura foi recuperando o seu orgullo comesto pola guerra e o fascismo. Ese Arrastraches o cú polas pallas maquillada como Leontyne Price cantando a Verdi, coa mirada cravada no horizonte. Gocen da galega como coa mesma nostalxia desta manchega que representou o glamour nunha época de plomo. Mil lembranzas da miña avoa cantando os temas de “El Último Cuplé”, o superdisco dos anos 50 co que Saritísima encheu de morbo e ledicia decadente aquela época gris. Ven y ven y ven, qué fermosura de cancións tan de cabaré con boa, boquilla longa, guantes ata o cóbado, brilli brilli e pálpebras caídas.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 7 DE ABRIL DE 2020, DÉCIMO TERCEIRO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

De novo falou o presidente. De novo unha prórroga, esta vez poética. O 25 de abril é unha data redonda, demasiado linda, demasiado Grándola para ser definitiva, pero alomenos marcámola de novo no calendario con permiso de José Afonso, albiscando ese grolo de liberdade tan desexado.

Un presidente que fala sereno e emocionado, que achega o sentidiño que o país necesita, que toma o tempo que precisa para longas exposicións e respostas. Sánchez sabe de sobra que podía dicir o mesmo nun telegrama, pero tamén coñece que esas peroratas axúdannos a equilibrar a raiba, a manexar o medo, a dixerir a traxedia. Unha vez máis despregou toda a súa capacidade teatral para manter firme a vela do barco con aparente humildade, firme determinación e unha pinga de épica nacionalista, xusto o que se espera dun gobernante.

Unha xenerosa fervenza de homenaxes, de agradecementos, de pésames, de recoñecementos. Todo eso que cada un de nós expresa relixiosamente cada día ás 8, nunha breve liturxia na que mesturamos a furia pola negrura que temos diante, co orgullo por pertencer a esa parte cívica do mundo que “non deixa atrás a ninguén”, como sempre repite o Presidente. Un antídoto contra o balbordo da dereita, contra os fakes do neofascismo. Cada un á súa guerra. A nosa é contra o covid, non contra os pantasmas.

E esa espiritual alusión aos Pactos da Moncloa. No 77 había que vencer a terrible sombra do franquismo, que era un megavirus ben visible, e alí non estaba o doutor Simón dando consellos amables con voz augardentosa, loitando xeneroso contra os muíños do enxeñoso fidalgo. Había unha clase empresarial que vivía inqueda polos cambios daquel tempo, e ese pacto foi quen de darlle folgos, de relaxala, de amarillear un pouco aos sindicatos, de acabar de cumplir o soño dos tecnócratas do Opus e enganchar definitivamente o reino ás economías liberais que pouco despois acabarían na CEE e a OTAN. 

A elite económica relaxouse e adoptou novas formas de relacionarse co poder —vexan La caza, de Saura—, os franquistas convertíronse en conservadores, os socialistas de entón renegaron da esquerda, os comunistas esqueceron o Viva Rusia, a dereita basca e catalana púxose a colaborar e a esquerda nacionalista mantiña pulsos que non lograban convertir en batallas. E as estratexias terroristas vivas por ámbolos extremos, seguían cobrando vítimas.

Hoxe moito cambiou. Non hai máis que ver a Felipe González desprezando desde a cuberta dun iate a Pedro Sánchez. A economía industrial está esnaquizada. Acabaron coa banca e outras empresas públicas. Os brokers dominan o mundo. A manufactura foise a Asia para aforrar salarios. A especulación está  interiorizada, é o normal. Os lobbies de entón eran de xoguete comparados cos de hoxe. A liberdade de comercio é un animal desbocado que esnaquiza as economías de proximidade.

No político, a dereita ofrece a versión máis ultra e a menos ultra, ambas as tocadas pola súa relación con ditadura e corrupción. O PSOE, cos seus pactos tanto cos  neocomunistas como cos nacionalistas, parece que quere entender que España pode ser outra cousa, aínda que non acaba de decidirse. As nacións periféricas piden a palabra, sen elas nada pode funcionar. Todo parece indicar que máis que Pactos da Moncloa con neofascistas e ultraliberais, precisamos un tratamento de intelixencia emocional para reinventar todo isto mirándonos con empatía  rexeneradora, con menos inercias épicas e máis agarimo mutuo. Só así poderemos cruzar o Manzanares.

Aute

Escoiten Al Alba, claro que si. Escóitena moito e vibren con ese berro marabilloso daqueles anos nos que por fin nos íamos sacudindo os ollos da pólvora do 36. Pero vaian máis aló e profundicen na súa obra, na súa poesía delicadísima, doce, íntima, chea de amor e beleza. Alimento para toda unha xeración que hoxe vivirá máis orfa aínda. De alguna manera. Que fría es la cera de un beso de nadie… y nada más, apenas nada más.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 5 DE ABRIL DE 2020, DÉCIMO SEGUNDO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

Animados como estamos pola xolda montada pola ministra de Traballo na súa rolda de prensa, e lembrando levemente o que era un sábado antes do peche, centrémonos nun asunto relaxado e divertido, especialmente para quen o vive en primeira persoa. Un dos meus mellores amigos loce un interesante alcume: metrofucker. Antes de ser unha parella estable, coa súa actual compañeira adoitaban utilizar o seu espectacular BMW para ter sexo en lugares estupendos. Nacía así o seu googlesex, un prezado mapa. Ao chegar a Pontevedra e ver Metrominuto, o meu querido e admirado fucker quedou con ese sambenito que nos proporciona risas e brincadelas xeográficas.

Quen máis, quen menos, durante o peche estraña o sexo outdoor, polo menos en dúas direccións: o que se practica fóra de casa —nun motel, hotel ou domicilio do ou dos colegas de cama—, e o que se practica no espazo público, xa saben, sen molestar a ninguén ben pola hora que é, ben porque a paraxe permita alegrías íntimas e memorables, momentos deses que ao pé da tumba lembrarannos que todo isto valeu a pena.

Preguntei estes días nunha rede social por lugares onde os amigos adoitan perderse para darse unha alegría ao corpo en metade da paisaxe. Algúns fixeron confesións públicas, pero a maioría recorreu á mensaxe privada. Deixemos á marxe os clásicos lugares de cruising gai das contornas urbanas e as praias de ambiente, onde non ten misterio algún foder á luz do sol ou da lúa.

A natureza regalounos un territorio cheo de posibilidades para este saudable costume vital. Alguén me comentaba que un dos seus escenarios máis apetecidos era citarse con algún amante de Ourense ou Carballiño na 541. A cousa consiste en saír ambolosdous das súas respectivas casas e parar onde se crucen. Unha estrada chea de posibilidades especialmente subindo e baixando O Paraño, entre Soutelo e Boborás, evitando loxicamente eses catálogos de arquitectura galego-mexica do itinerario. Paisaxe solemne e solitaria para o sexo asollado, con pouco eucalipto e espléndidas corredoiras desertas que encenden a fame do desexo.

O complexo natural da Barosa, a zona de Castiñeiras e Cotorredondo, as preciosas praias de Marín en tempada baixa, o miradoiro de San Brais, un clásico. Alguén mesmo xa inaugurou o treito de autoestrada de Tomeza cun bo encontro entre escavadoras, o monte de Campañó con magníficas vistas de Pontevedra, as subidas á Escusa desde varios lugares, incluído o bosque de sequoias ou algunha das múltiples devasas que permiten gozar ao sol con magníficas vistas sobre Tambo. Ou a enorme carballeira de Xesta, na Lama ou o parque eólico do Candán, indo a Lalín, precioso para gozar coa primeira luz do abrente. Outro clásico é Domaio ou calquera dos recunchos aos que podemos acceder desde a PO313, que une Marín con Moaña, tamén moi útil para as citas a medio camiño.

E os clásicos miradoiros de Cabo Home e Cabo Udra, aos que se engade o de Ermelo, en Bueu, e as frondosas vías que unen ese lugar con Castiñeira, un espléndido roteiro arqueolóxico. Acudan aos montes de Noalla e aos que se atopan entre Sanxenxo e Meaño, as praias de San Vicente e o fantástico Siradela, ideais para apoiar o sexo en enormes rocas de granito milenario. Pontevedra ofrece fascinantes escenarios para desbordar o noso amor a tiro de pedra. Loubados por esa sorte, seguiremos inventando metrominutos, digo metrofuckers, cando acabe este estúpido retiro.

Querelle

Sigamos con este saudable ton morboso. Poida que ningunha peli alcanzase maior unanimidade que esta obra mestra de Fasbinder de 1982 baseada na novela Querrelle de Brest, de Jean Genet (1947), un filme de atmosfera teatral e miradas cheas de desexo. Non serán seres deste mundo se non viron esta exquisitez.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 4 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO PRIMEIRO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

Sabido, legal e unánime é que a liberdade de expresión é unha importante conquista social, aínda que habería moito que falar sobre a súa realización nesta sociedade tan mediatizada polo diñeiro, o consumo e o poder económico. Xa que ningunha obra humana é perfecta, e a democracia tampouco o é, movémonos felices nesta especie de frivolidade de “o noso é democracia, o dos demais non”. Pero salva sexa esa parte do guión, a liberdade de expresar ideas e informacións resulta moito máis que un costume social, mediático e cultural.

Onde están os límites?. Máis aló dos manuais morais e pseudoxurídicos do xornalismo, aos que non se lles fai demasiado caso, circula polas redes un deses pics que resumen cuestións complexas: “Consellos prácticos para a liberdade de expresión; os tres filtros de Sócrates: A verdade (que sexa certo canto dis), a bondade (que sexa bo o que vas dicir) ou a utilidade (que a túa mensaxe sexa útil)”. Os tres conceptos, verdade, bondade e utilidade, darían para unha análise á súa vez moi profundo, pero imos simplificalo.

O primeiro, a verdade, baséase nunha cuestión selectiva: ti só coñeces unha pequena parte da mesma, que é a que expresas. Sobre a bondade preguntarémonos se o que é bo para ti, tamén o é, por exemplo, para quen quere encher os seus petos coa túa decisión de compra, con argumentos peregrinos. Un lío, nonsí?. E sobre a utilidade, que conseguiremos coa nosa mensaxe?

Vaia por diante non só o respecto, senón a absoluta admiración a todo o persoal sanitario que se está deixando a súa pel, o seu bo facer, a súa abnegación, nalgúns casos o seu martirio, ás veces a súa impotencia ante o virus, e tamén as súas frustracións ao certificar cada maldito pasamento. Pero dito isto, analicemos as constantes denuncias de falta de material e caos hospitalario que asolagan as televisións e dan pábulo a interesados interlocutores e a políticos sen escrúpulos a botar sal nas feridas máis profundas que nunca imaxinamos padecer.

Eses denunciantes sen dúbida din a verdade, polo menos a súa verdade persoal ou profesional. Sen dúbida procuran a bondade: que coa denuncia, os seus responsables xerárquicos os fornezan do material que necesitan. E sen dúbida resúltalles útil, porque así os seus xefes sentirán presionados e ante a vergoña social serán máis audaces nas solucións… Realmente só se chega a ese nivel de comprensión?

Pero iso da verdade, cando se transmite por televisión non é tan fácil como atopar un tipo que diga o que o xornalista quere escoitar para crear esa falsa sensación de realidade, porque a anécdota nunca foi información ata que o espectáculo penetrou nos informativos. Sobre a bondade, habería que preguntarse pola angustia que esas mensaxes crean nas poboacións de risco, por exemplo, entre tantos velliños e velliñas que ven pola tele como serán pasto do incendio se teñen a desgraza de caer. E sobre a utilidade… Realmente alguén cre que os directores dos hospitais, os profesionais da sanidade, os responsables públicos, necesitan vociferios televisivos para ofreceren o mellor de si mesmos? As denuncias no ollo do furacán son como a gasolina que botamos ao lume: nen solución verdadeira, nen bondade pública, nen utilidade social.

Lágrimas negras

Pero saiamos do hospital, asomémonos a calquera buraco para respirar felices e imaxinemos o fin do cativerio seguros de que xa falta un día menos. E fagámolo sen perder o pracer da nostalxia, mantendo unha preciosa serenidade. A mesma que O Cigala e Bebo Valdés mesturan en Lágrimas Negras, unha manchea de cancións divinas, puro minimalismo latino. Suave jazz, bolero e atmosfera flamenca, pura seda para ir recuperando o horizonte.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 3 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

Pan para todos. Iso é o que pretende dicir o goberno redistribuidor. Pero moito apelar á Europa do maná e pouco relato do reequilibrio. En dúas palabras: se necesitamos máis diñeiro, este ha de vir do exterior ou do interior. Con Europa ensinando os seus dentes de piraña (o adn é o que é), teremos que usar a fiscalidade interna como fórmula para equilibrar o benestar material. Por non falar dos impostos que serían posibles nunha Galiza un pouco máis dona de si mesma.

Sabido é que os informativos e as teles renunciaron hai tempo a chamar as cousas polo seu nome, levando a información económica cara a unhas linguaxes imposibles de seguir polo gran público. Información bolsista que non interesa máis que a unha pequena parte da poboación, conceptos burocráticos que ninguén se molesta en traducir á linguaxe da rúa, verdades selectivas que non relacionan unhas informacións con outras e quedan en mera propaganda, información nesgada de corporacións que nos bombardean coas súas bondades para gañar enteiros cara aos seus accionistas… e todo para elevar o capital á categoría de deidade e ao capitalismo á relixión do noso tempo. E facéndonos crer que a política está por enriba do diñeiro, cando en realidade son os mercados os que dominan o mundo.

Agora que se lles parou o carrusel consumista global, agora que ven como os respiradores que antes custaban 20.000 en plena crise custan 200.000 —algo totalmente normal,  Adansmith—. Agora que ao parecer temos un goberno social-comunista, hai poucas referencias a quen debe pagar os efectos da crise. O pan ten que chegar a todos e, en palabras do presidente, “ninguén quedará polo camiño”.

Mentres as grandes corporacións póñense docemente tráxicas en vomitivas campañas televisivas que anuncian as súas marcas entre informativos de cadaleitos. Mentres, afánanse por publicitar as súas doazóns sanitarias con argumentos de dubidosa verificabilidade, expresando a tradicional lóxica do hipócrita relato publicitario, ninguén se dá por enterado: Amigos, amigas, teredes que pagar máis ao fisco.

Se queredes seguir vendéndonos teléfonos, viaxes, megas, enerxía eléctrica, créditos de consumo, coches, chalés,  roupiña, iogures de mil sabores, xantares procesados, estadías de hotel, apps ou seguros médicos, teredes que contribuír máis. O noso gran valor colectivo é a nosa capacidade de consumo, e o noso gran valor institucional é o estado, o poder público, a quen lle tedes que pagar.

Por tanto, teremos que conseguir desde o estado que os grandes beneficiarios da nosa capacidade de compra, apoquinen parte das súas ganancias. E xa que falamos dunha renda mínima universal, podemos empezar a sondar o concepto dun “beneficio máximo persoal” por cada unidade de individuos que formen parte dun consello de administración. Utopía? seguro. Pero máis utópico era este reino de morte e represión vital que hoxe padecemos, e aquí está.

Colors Magazine

Para deixar un pouco tranquila a Inditex, imos recorrer a un trinomio: comerciante italiano – man de obra asiática – cultura USA e inventarmos unha ensalada con estes ingredientes. O primeiro, Luciano  Benetton que nos 90 confiou ao fotógrafo Oliverio Toscani a comunicación da compañía, logrando clamorosos éxitos con transfondo de denuncia social. Ao tempo, un laboratorio de comunicación, denominado Fábrica, púxose coa edición dunha senlleira revista que repasaba o mundo con pequenos textos informativos bilingües. Un riquísimo caledoscopio universal á marxe dos tópicos do cinema, a música, as viaxes turísticas ou as modas. Coñecer o mundo a través os 90 números de Colors editados entre 1991 e 2014 foi revelador, enciclopédico e realmente cosmopolita. Como cosmopolita é a elegante ironía que Carosone expresou na archifamosa Americano, de 1956, con centos de versións actuais. Gozádeas.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 2 DE ABRIL DE 2020, DÉCIMO NOVENO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O 

Viaxamos hoxe ao Mar do Plata. De ambos lados dese enorme estuario proceden duas persoas ben distintas. Cada un ao seu xeito comparten a austeridade franciscana. Bergoglio, que por razóns laborais tivo que trasladarse de Bos Aires a Roma, elexiu o nome de Francisco para o seu novo destino como directivo dunha enorme multinacional. Pepe, que foi presidente dunha pequena república, síntese feliz porque, pese a ter soterrado recentemente ao seu can de 23 anos baixo unha sequoia, ten dez ou doce novos parrulos dos que coida feliz no seu retiro campestre perto de Montevideo. Os dous fóron entrevistados por Jordi Évole estes días na Sexta.

Escoitamos a todo un Papa de Roma queixarse da hipócrita inconsciencia da sociedade, algo bastante común nos dirixentes católicos, que adoitan quedar nese tipo de proclamas xeneralistas ás que cada un pode darlle o valor que desexe. Tamén dixo que os empresarios saben que algo van perder, pero que temos que poñernos de parte dos empregados, dos amenazados… eses seguro que van perder, e é do que nos temos que ocupar.

Houbo unha pregunta chave: É vostede optimista? “Non gosto da palabra optimismo, paréceme unha maquillaxe. Gústame máis a palabra esperanza. Teño esperanza na humanidade, nos Homes e as mulleres, nos pobos. Teño fé en que desta imos sair mellores”. Algo pasa, que non engadiu “coa axuda de Deus”… claro que iso é consustancial ao seu verbo, ás súa indumentaria, á súa iconografía chea de centenarios símbolos divinos. Pero non falou de Deus ata que o regate do xornalista case lle obrigou: Ten, tivo, crises de fé? “Agora non teño, pero si tiven, claro que dubidei”. “Eu rezo por vós —despediuse Francisco—, e vós seguide enviando boa onda”. Un Papa estrano que reza como por inercia, pero que ten esperanza na humanidade.

A entrevista con Pepe Múgica foi máis contundente, máis lapidaria. Nun escenario de galpón, espartano, representa o pai, o avó, a experimentada luz que todos precisamos neste planeta miserable. “Estamos sendo impotentes para que a política suxeite ao mercado… o deus mercado é a relixión fanática desta época. Él gobérnao todo, pero temos que loitar por que o mercado teña unha suxección ao interés humano e global da especie. O virus está demostrándoo que somos quen de tomar medidas heróicas: podemos facer cousas e non se trata de eliminar o mercado, pero sí suxeitalo a certos parámetros”. E aínda máis: “Como non vou ter can, se cada vez coñezo mellor aos humanos”, sentenciou pouco despois de recoñecer que un pesimista é un optimista informado.

Dous líderes espirituais, dous velliños venerables. Un máis morno e tradicional, tratando de conservar ao seu público menguante, símbolo dos restos dunha época pasada. Outro máis atrevido, máis dialéctico, máis valente, unha icona necesaria para un futuro desexable. Ogallá todos os dirixentes do mundo, os máis liberais e os menos liberais, os decadentes e os avanzados, fosen recargar as súas pilas a esas duas enormes centrais térmicas, porque así, si, todo isto podería ser distinto.

Notas austrais

Aí van tres preciosas recomendacións. Busquen a forza xenerosa, a voz irreductible dun cantante enorme. Busquen a Rafael Amor, compromiso social e liberación: “No te entregues, corazón libre, no te entregues”, ou a magnífica versión do “No me llames extranjero” de Alberto Cortez. Doutro natural, pero tamén magnífico, Argentino Luna, canción popular arxentina que, quizaves apocadas pola enorme influencia do tango, nunca gozaron por aquí de moita popularidade. Quizaves sexa o momento de recuperalas. E falando de tango, deámoslle a volta. Vaiamos a París para conectarnos con —tango do revés— Gotan Project, unha banda de tango electrónico que propoñen unha estupenda revisión contemporánea para min descoberta para sempre por un queridísimo compañeiro de traballo, ávido leitor do Diario.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 1 DE ABRIL DE 2020, DÉCIMO OITAVO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

A gripe do doutor Simón debe ser a febre máis sentida por millóns de persoas. De entrada quen máis debe sentila é o goberno, que trata de manter firme a nao en medio da máis dura das treboadas, da tormenta perfecta.

Simón encarnou desde o inicio a voz dos datos relativos á pandemia. Estivo ao frente da terceira liña de ataque informativo de Moncloa, por detrás do presidente e os ministros, que ocuparon as duas primeiras. Pero ao contrario dos discursos emocionais do Presidente e os de corte máis racional de algúns ministros, o médico exerceu desde o primeiro día o papel da obxectividade, da ciencia e do rigor, unha pata fundamental no ecosistema hispano de cohesión e defensa común ante o andacio.

Pode que nalgún momento o vísemos superado polos acontecementos, pero aínda nos máis críticos comprobamos como a paciencia, a mesura e o manexo das situacións aportaban toneladas de confianza catódica a unha cidadanía que ve diariamente como medra a cifra da infección e a morte.

Un voceiro que cumpría con boísima nota a difícil misión de ir contrapesando os centos de contidos informativos que falaban de caos nos hospitais, de denuncias sobre a escaseza de material, de ataques políticos de algúns líderes da dereita cavernícola, das futuras cifras que moldean cada día a famosa curva á que non se lle atopa fin.

Simón acompaña a súa mirada limpa e curtida en mil batallas cunha estética que o diferencia claramente do aspecto uniformado, plástico e impersonal dos representantes políticos e sobre todo dos militares que comparecen cada día para realizar as súas ás veces anecdóticas achegas. El deixouse caer no plató gubernamental coa súa fisonomía cotián e doméstica de quen está máis perto de Einstein que dun burócrata occidental. Botarémolo de menos e agardamos que apareza de contado, como ese personaxe imprescindible dunha peli que nos engancha ao principio e non volve a aparecer ata case o final.

Tanto el como a súa substituta, María José Sierra, son a voz do grupo de científicos que asesora a Moncloa. Convén lembrar, porén, que quen gobernan son os ministros, ministras e sobre todo o presidente. Estes, por moito que se apoien no comité científico, deciden sobre o ritmo do confinamento e as cuestións territoriais. Sexa como fose, cada un pode sentirse como queira. Cada enfermeira, cada médico que o desexe, pode denunciar cousas ante as cámaras creando inquedanza entre a xente. Como cada hooligan pode vomitar no twitter toda a súa bilis de veleño. Ou cada partido da dereita pode encher as redes de mensaxes inflados polos seus sistemas de expandir a merda.

Pero moitos outros seguiremos vendo na mirada persuasiva de Simón —tamén nos datos de Sierra, e nas emotivas confesións de Sánchez— a seguridade de que se nos equivocamos estamos errando todos, porque con eles compartimos medos e incertezas. E de que cando saiamos desta imos saber moitas máis cousas sobre como encarar a seguinte.

Chariño

Dediquemos para a pronta recuperación do doutor Simón uns versos de Paio Gómez Chariño, nado na Pontevedra de 1225. “As frores do meu amigo / briosas van no navío / E vanse as frores / daquí ben con meus amores / Idas son as frores / daquí ben con meus amores”. Unha oportunidade de ler algo antigo e estupendo. E se non queren, conéctense á obra de Amancio Prada, pero non ao disco de Rosalía ou ao Cántico Espiritual, tamén sublimes. Non. Escollan Leliadoura, un marabilloso xeito de gozar da poesía medieval.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 31 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO SÉPTIMO DÍA DE CONFINAMENTO