A N T O N   P R I E T O

Claro que a actualidade ten moito do que falar. A estupenda equipa do Diario xa nos ofrece un enorme caleidoscopio de novas e opinións, de fotos e relatos informativos sobre as nosas vidas baixo o virus asesino. Gozádeas. Tras cada historia que nos contan hai unha mostra da firme vontade de loitar contra este cogumelo invisible e cruel, a negra sombra das nosas vidas estas semanas raras.

Pero asomarse a Pontevedra esta morna mañá de domingo é facelo a un plató de seda no que a arquitectura urbana móstrasenos tamizada pola leve sensación dun prácido sol aínda tímido e de baixo itinerario. As tapas das alcantarillas aparecen ante nós como xoguetonas protagonistas de rúas desertas, que perderon a súa condición urbana para ascender á de escenarios dun walking dead civilizado e hixiénico.

Os mortos que nos circundan non sairán pasear, porque esa versión posmoderna da Santa Compaña foi creada para sobrecollernos no sofá doméstico, pero na cruel realidade os mortos que o virus multiplica por cero desaparecen, deixarán de ver xa para sempre esta luz de primavera convertida en morno tecido de tacto delicado.

Asomarse onte á miña atalaia desde a que se ve toda a volta entre as últimas casas da Caeira ata as primeiras de Marcón era como trasladarse a unha desas pinturas románticas de Turner, o paisaxista inglés dos ambientes densos e cálidos, dese cromatismo mañanceiro que logra o sol cando se ergue e que o pintor é quen de potenciar ao máximo engadindo dramatismo e tensión. Así estaba onte Pontevedra, cunha banda sonora imaxino de paporrubios, xílgaros e gorrións que neste momento espectral toman un enorme protagonismo.

Calquera cidade amanece así un plácido día de primavera, aínda que a primavera se nos revirase tanto, como querendo dicir que o planeta nos chama a portarnos mellor con el, porque coa merma do trafego humano sobre a súa pel melloraron todos os índices ambientais. Lores e Mosquera lograron por fin a súa cidade sen coches, esa Ítaca da que renegan, porque seica o deles é a cidade con menos coches. Pero non así, sen nengún. 

Pontevedra onte era o soño ambiental de calquera naturalista. Hospitais, panaderías, quiosques e farmacias son compatibles cun ecosistema hipernaturalizado. Rúas, prazas, parques e xardíns, operativos para raposos e parrulos, para xabaríns e lobishomes. Pero iso é xusto o que non queremos, a cidade museo, a capital paralizada, a inacción total, o silencio, a ausencia absoluta das persoas. Esa é a Pontevedra morta. Pode resultar fermosa, si. Pero esa fermosura é a beleza dos cadaleitos, do silencio, dos corpos conxelados pola morte, que son a antítese desta mañá de primavera.

Morning Star

Sí, o título desta novela colleuno o seu autor, o lugués Xosé Miranda, do nome da máis famosa nave asaltada polo capitán Benito Soto, o que se considera o último pirata do Atlántico, que figura en todo o alto da nosa iconografía urbana. Unha epopeia de bandas que a mediados do século XIX sacuden a comarca na procura do tesouro que Soto escondera na cidade e que por certo, aínda ninguén atopou. Un espléndido relato de aventuras, seica toda unha homenaxe á Illa do Tesouro de Stevenson. Non vos perdades esta pequena novela épica que nos fai viaxar polas nosas rúas e parroquias de hai case 200 anos.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 30 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO SEXTO DÍA DE CONFINAMENTO

A n t ó n   P r i e t o

As empresas aproveitan a crise para enviarnos mensaxes evocadoras sobre a bondade e a harmonía. A venda da felicidade e a esperanza asociada a Orange, Gadis ou El Corte Inglés figura en primeiro de marketing de calquera escola de negocios ou comunicación. Grandes acontecementos tamén proporcionan grandes argumentos de venda, máxime cando está nutrido dese magma informativo que antes chamabamos “interés humano” pero que hoxe inunda os prime time de calquera medio.

Máis aló das empresas están os países. Exercer a solidariedade está no adn das persoas. Os países, os estados, nacións ou o que fosen, teñen a súa propia personalidade colectiva, por moito que un crecente cosmopaletismo nos anime a pensar que só existimos as persoas individuais, agarrándose a ese concepto absurdo de ser “cidadán do mundo”. Pois non, cari. Mal que che pese, e incluso agora co mundo globalizado, sempre serás de onde naces, te eduques ou habites, porque o que es agora é o resultado do que levas sido desde que naciches.

Uns máis e outros menos, os países tamén se afanan en coidar a súa imaxe exterior. Non digo a partires de videos turísticos como a preciosidade que Portugal fixo circular hai días para recuperar o turismo tras a crise. Iso tamén, pero non só iso. A chamada “solidariedade”. Por exemplo, esa que os americanos tras a guerra mundial chamaron Plan Marshall e que inclinou a Europa a mirar alén do Atlántico e non aos libertadores soviéticos durante toda a segunda metade do século XX, apoiada por unha impecable épica cinematográfica e unha potentísima influencia económica.

Últimamente xa non hai grandes xestas… ou si, pero son máis ben destrutivas e provocadas polo clan occidental contra Irak, Libia, Siria e outras guerras menores pero igual de implacables dos nosos socios.

Pero oh sorpresa. Italia colapsa e aparecen avións chineses, rusos e cubanos portando a bandeira branca da irmandade universal. Ola, amigos italianos. Vimos pagarvos con médicos, mascarillas e respiradores a vosa preciosa contribución á fraternidade: o himno Bella ciao. Somos partisanos da humanidade e vimos plantar tan linda flor.

Supoño que alguén que investigue a semiótica das relacións internacionais relacionará estes xestos cos intereses e a misión que cada país se autoimpón no mundo. Claro, non é igual que as monarquías española e saudí cooperen para construir un tren no deserto, que países como Cuba ou China, con valores democráticos e humanos bastante distintos aos nosos e aos que normalmente algúns denostan por “comunistas”, nos axuden na pandemia.

Quizaves debamos desdibuxar un pouco os nosos esquemas de valores e ir substituíndo a soberbia occidental por unha mirada máis intelixente cara a países que souberon poñer ás persoas por enriba dos negocios. Reconfigurar ese chip eurocéntrico que nos convertiu en estúpidos gordos sobrealimentados ou en soberbios consumidores altivos resulta unha urxente necesidade.

Tabucci

Para conectarnos con Italia, Francia e Portugal, nada mellor que recurrir a Sostén Pereira, unha das grandes novelas dos noventa. Antonio Tabucci, nado en Pisa, sitúanos na Lisboa de 1938, cando Salazar obtiña o 100% dos votos dunhas elecións ás que só el se presentaba. Naquela redacción só se colaba unha mínima raiola de luz en forma de crónica necrolóxica. Un relato antifascista e intimista que destila todo ese intenso arume de preguerra onde hai incluso espazo para pequenas vitorias. A novela deu para unha preciosa peli, e pode que sexa doado obtela nalgunha desas plataformas.

Bella Ciao

E falando de antifascismo, busquen calquera versión do Bella Ciao. Recoméndolles a de Najwa, en español, chea dunha beleza tan sutil que eleva o himno a un minimalismo sublime. Tampouco está nada mal a versión orixinal que fai Delia, no seu italiano oficial, banda sonora da serie La Casa de Papel. Dous tempos contemporáneos de altísimo nivel.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 29 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO QUINTO DÍA DE CONFINAMENTO

A n t ó n   P r i e t o
Cóntannos as crónicas deste día que Europa resucita o espírito PIGS. Si, porcos. Así chamaban desde o norte aos países do sur, unhas economías que manexan a pracer a cambio da súa cooperación con algunhas infraestruturas públicas. Bo, non sexamos malos. Non é tan así. Na actual crise vírica os porcos sureños incorporamos a Francia. Benvida. Na vosa historia de lendas urbanas aparece un gran inimigo da vosa pel: o xabrón. Aínda que hei confesar que no meu dilatado contacto con corpos galos, nunca observei tan inquedante bulo: os franceses foden  limpiños e saborosos como quen máis.
Á marxe de cheiros e sabores, parece que 4 países opóñense á emisión dos coronabonos, panca que permitiría unha especie de “todos a unha” no financiamento conxunto da UE tras a catástrofe. De novo faise evidente que a Unión é unha unión de conveniencia, un club de intereses non sempre confesables, que a pesar dos esforzos que tentan popularizala, desdibuxa a súa misión conxunta en momentos cruciais coma este.
Velaquí países como Holanda, Alemaña, Austria e Finlandia, opostos ás medidas solidarias cos seus paraísos vacacionais. Hai quen de novo saca a relucir a canción de que isto pode supoñer o golpe definitivo á UE. Incluso Antonio Costa, primeiro ministro portugués, utilizou unha palabra forte: “É repugnante re-pug-nan-te, España non creou o coronavirus”.
Referíase aos ataques dun ministro liberal de Holanda, ese país que tras os seus preciosos tulipáns agocha un dos grandes buracos fiscais da economía europea. Do seu lado están a dura Merkel,  azuzada como sempre pola súa ultradereita, pero tamén pola solidez da súa economía e o seu control financeiro sobre o sur; a conservadora Austria e a pequena Finlandia.
Un ramallote feliz de países que están a reivindicar a esencia da Unión: queremos expandir as nosas empresas, entrar libremente nos vosos mercados, eliminar a vosa competencia, comprar por dous pesos as vellas compañías que non sabedes xestionar para explotalas mellor, ampliar o mercado único laboral para producir máis barato. A cambio, dámosvos algún diñeiro para construír autoestradas e para manter o voso nivel de consumo a un ritmo aceptable, que iso tamén nos convén.
O soño europeo volve demostrar que ten os pés de barro. Pero tranqulidade. Seguramente esas palabras duras do presidente Costa axiña se esquecerán, e volverán os discuros vacuos, as palabras difusas como narcótico esencial da nosa vida en común: as subvencións de Bruxelas, as negociacións para relaxar aínda máis o mercado ou os paseos por Babia cando haxa que abordar a terrible situación do Mar Mediterráneo, tumba de persoas ás que non chega iso da liberdade, a igualdade e a fraternidade.
E la nave va
Xa que falamos de porcos europeos, imos cun rinoceronte. E xa que falamos de aguerridos  negociantes, imos con estúpidos competidores. Federico Fellini comeuse o mundo en 1983 con esta peli teatral, satírica, cabrona e inmortal. Había que despedirse de María Callas —oh, perdón, de Edmea  Tetua— e aí van, a esparexer as súas cinzas sobre o Exeo. Verán o que é considerada unha das grandes escenas do mundo felliniano: a feroz loita de egos entre as grandes figuras da ópera que visitan a sala de caldeiras do barco. Ah… o do rinoceronte… comprobarán o que é a poética cinematográfica, non lles digo máis. Non perdan esta peli estupenda que tanto nos fala de doces aparencias como da máis basta competitividade. Xusto: como Europa.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 28 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO CUARTO DÍA DE CONFINAMENTO

A n t ó n   P r i e t o

Canto costa un apartamento en Sanxenxo no verán? E un hotel en Madrid durante Fitur? Un kit-kat no aeroporto? Un body en Primark? E os percebes piratas en veda? Alguén escoitou falar do estraperlo de antibióticos durante a posguerra, que acontecía no actual paradiso kitch da Gran Vía madrileña, a coctelería Chicote?

Olaaaa! Son o capitalismo! Xa levo tempo aquí. Logro que non o notes, que me sintas parte do teu sistema de valores, que me consideres parte de ti, como o sangue das venas ou a túa follabilidade, que tamén ten moito a ver con se entendes ou non entendes certas cousas do mercado.

O que ocorre é que só vemos as orellas ao lobo cando o lobo apreta. Pero o lobo anda sempre por ahí, e cando ve que pode cazar, caza. As mascarillas ao por maior que antes costaban 0,002 euros, hoxe costan 0,8 no mercado global. As que nas farmacias antes costaban 5, hoxe costan 27, porque aos farmacéuticos véndenllas a 18 cando antes eran a 0,8, e eles teñen que aplicarlles as marxes correspondentes.

O noso sistema económico baséase nestas dinámicas sempre. Cando aumenta a demanda, os prezos suben. Os estados tratan de minorar as aristas máis crueis deste comportamento, fixando algunhas reglas para amortecer os pepinazos do mercado contra a xente, moitas veces con máis vontade que eficacia.

Os telexornais estes días tratan de mostrarnos poéticos exemplos de xenerosas entregas de empresas que colaboran na crise. Incluso hai nobres donacións anónimas que aínda conmoven máis. A verdade é que todo resulta pouco para fornecer aos sanitarios e resto de anxos do ceo que brúan abnegados contra o bicho. Pero igual de certo é que as escolas de negocios dedican moitos esforzos a formar profesionais nunha asignatura moi interesante para a voráxine competitiva: a Responsabilidade Social Corporativa. Noutras palabras, o márketing asociado a facer cousas boas pola colectividade: axudar a paralímpicos, limpar ríos, cooperar co boísmo oeneguero, promover becas ou apoiar o auxilio ás persoas maiores. A RSC, non esquezan, é un arma máis para presentar deslumbrantes balanzos de xestión cheos de beneficios.

En que manual pon que ante a enfermidade ou a debilidade debemos pechar o mercado? Non se equivoquen. Entregar ao negocio a sanidade, incluída a investigación farmacéutica, ou a atención aos maiores —cousas das que se fala tanto estes días— equivale a sometelas a estas lóxicas de mercado. As residencias son caras porque non podemos enviar os velliños a África ou Asia para que os coiden por catro perras. O estado renuncia a crear empresas públicas para organizar un masivo sistema residencial sen mediatizar pola chamada clase corporativa (a que fai medrar os grandes números). Cos tratamentos médicos vangardistas ocorre algo semellante: os laboratorios invisten en investigación para despois recuperalo en forma de enormes ganancias. É a chamada tarta pública que os estados liberais ceden ao mercado, mercantilizando grandes áreas do benestar humano.

É de supoñer que non hai alternativa. Que son tantos aos que capi córrelles polo esófago como a cocacola, que non seremos quen de inventar algo mellor.

Todas cegas

Quen explicaba moi ben todo isto era Saramago. Lean, relean ou recomenden un dos seus monumentos: Ensaio sobre a cegueira. Moitas persoas incluso poderán ler en versión orixinal. Nada que ver co coronavirus, pero sí é unha curiosa pandemia que saca adiante o melloriño da raza humana. Cruel, sorprendente, impactante, agobiante, conmovedora, escura. Pode que do mellor que cheguen a ler nunca.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 27 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO TERCEIRO DÍA DE CONFINAMENTO

Como hai expertos en xestión das pandemias por todas partes, o resto tratamos de nos facer unha idea aproximada sobre o decurso dos acontecementos. Claro que non estamos no momento do debate, e o principal nestes días que restan ata tocar o teito do pico é estar do lado das autoridades, por responsabilidade e porque debemos confiar en que estamos nas mellores mans posibles. Un pouco de estoicismo primaveral. Contención, razón e bondade.

Pode que todo estea indo bastante ben. Ou non. Iso só o saberemos ao final desta intensa treboada. Realizar hoxe comparacións milimétricas só pode conducirnos ao dramatismo ou a unha melancolía moi próxima á imbecilidade. Parece que, a falta de sexo divertido e deporte en libertade, algúns bípedos están afeccionándose a esta especie de masturbación catódica.

Con todo, hai duas coordenadas susceptibles dunha mirada cariñosa. Unha, se debe paralizarse todo o sistema produtivo para minimizar aínda máis os contactos humanos. E outra, relativamente relacionada coa anterior, que resulta a nai de todo existencialismo ibérico: a cuestión territorial.

Resulta difícil argumentar sobre o primeiro dos asuntos cun mínimo de solidez. Pode que sexa unha simpleza, pero é de supoñer que a óptica do humanismo radical —goberno chinés, por exemplo— prioriza unha reclusión rotunda, por enriba dos condicionantes económicos. Economicistas como británicos ou estadounidenses optaban, alomenos en principio, por unha actitude máis relaxada: febles medidas anticontaxio e que morra quen teña que morrer, pero a economía non para. O estado español, bastante restritivo en relación aos europeos, pero bastante feble en relación aos chineses. A xustificación que dan é razonable: China veu afectada unha provincia —coma se aquí fose Huesca— e tiñan o resto da potencia nacional volcada en axudala.

É aquí onde conectamos coa cuestión territorial. Pese á existencia doutras estruturas de poder, España entregouse de inmediato á súa potente inercia de “estado nación”, pese a que o presidente está apoiado por maiorías que non comparten esa idea. Sánchez, brillante, emotivo e botando man da súa lenda de supervivinte, está reinventándose de novo como líder, pois se todo lle sae ben, seguirá forxando unha biografía persoal extraordinaria. Iso sí, marcada por ese neoxacobinismo latente. Quizaves o goberno mediu mal á hora de enfocar a crise centralizando e unificanado, tanto por razóns parlamentares (que bota aos socialistas ás garras antropófagas da dereita), como por razóns puramente sanitarias.

Quen máis quen menos —desde Feijóo a Caballero e non digamos Pontón— sabe que pechar Madrid sería unha medida táctica importante para non espallar o virus. Non se fixo. España aínda non está preparada para entenderse a sí mesma, polo que non foron quen de imaxinar outro enfoque que non fose a uniformización. Pechar Madrid e blindar Galicia como está Portugal, como propón o BNG, semella unha consigna de catálogo. Pero só é a constatación do ñordo que ten o estáblishment estatal —e non só os políticos— baixo o nariz. Por suposto, pechando Madrid, calquera outra estrutura sanitaria estaría en moitísima mellor disposición de axudar a madrileños e madrileñas, principais vítimas do andacio.

Merlí

E como antes falamos de estoicismo, e para completar este desafogo anticentralista, nada mellor que recomendar unha serie xa bastante famosa, producida pola tele catalana e con moitísimo éxito por aló. Titúlase Merlí. Se conviven con adolescentes e por tanto forman parte da súa educación, imprescindible. Se son profes, creo que revitalizadora. E se non están en nengunha destas circunstancias, hiper recomendable para entender mellor o mundo que nos arrodea. Profunda, dinamitadora, alternativa, fresca, cotián, necesaria. Un xeito avanzado e posible de ver o mundo contemporáneo e valorar cabal e positivamente á chavalada que aí ven e a vocación do bó profesorado, que algún aínda queda. Non a perdan e aprendan.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 26 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO SEGUNDO DÍA DE CONFINAMENTO

A n t ó n   P r i e t o

Agora que asistimos a regresións como convertir as cidades en corralas, en patios de veciños nos que temos que soportar o reguetón de enfrente a tope de decibelios ou as festas post-aplauso das 20h… agora que nos descubrimos parte dunha arquitectura con múltiples aristas, é o momento de botar unha ollada á situación de quen vive da produción cultural, dese almibre social que nos mantén unidos e nos identifica como parte dunha colectividade.

Baixo as novelas, os cómics, as artes plásticas, o teatro, o espectáculo, a música, a danza, a creatividade publicitaria, a festa, o deseño, os medios de comunicación, a ilustración, o folclore, as orquestras, as librerías ou o espectáculo hai un mundo moi semellante ao dunha gandería de vacún ou un restaurante fast-food: declaracións de IVE, cotas de autónomos, pago de nóminas, planificación mensual, obxectivos anuais, costes de produción, amortizacións, imposto de sociedades, financiación bancaria, reinvestimento, formación, alugueres, limpeza, promoción… en definitiva, intelixencia empresarial pura e dura para navegar entre os incertos mares da competencia, o posicionamento, a visibilidade, o márketing, a productividade ou o valor das cousas.

Hai unha pequena porción destas persoas que viven directamente da estrutura pública: programadores, algún persoal administrativo ou auxiliar de salas e infraestruturas como centros culturais, teatros, bibliotecas ou museos públicos… pouco máis. Do resto, os protagonistas da cultura móvense entre a dedicación exclusiva e a parcial compatibilizada con outros empregos.

Ademáis, calquera aproximación á industria cultural é obrigado facela diferenciando ben duas cousas: a creación, por unha parte, e o consumo pola outra. O acceso ao consumo de produtos culturais é unha das dimensións que mellor definen a globalización: canles televisivos, grandes museos, best sellers, viaxes, concertos, cinema. Todo a golpe de click ou a prezo de obreiro, navegando sobre o inmenso océano da industria do ocio. As chamadas sociedades desenvolvidas abandonaron as manufacturas para tirar por esa especie de comercio global da cultura, centralizado e uniformizador que amenaza ás culturas periféricas.

E despois está a cultura de proximidade, á que dedican os seus esforzos centos de persoas cada día. Neste sector é no que os poderes públicos teñen que lucirse tras a pandemia. Non pode ser que tras o colapso centremos só os esforzos nas grandes magnitudes. Axudar a autónomos, asalariados e empresarios a recuperar pulo, tomarnos en serio iso de que “temos o mellor sistema sanitario do mundo”… todo é importante, claro que si. Pero tamén o é pensar nas dificultades dun sector económicamente tan feble coma este.

Debémosllo aos nosos artistas, aos creadores das nosas formas, a quen mellor expresa a nosa forma de ver o mundo. Pero non llelo debemos como unha dádiva caritativa, senón creando unha auténtica economía pública que sexa quen de manter estruturas teatrais, musicais, literarias ou artísticas merecentes de ter un papel vertebral na nosa economía. Por exemplo, contratando espectáculos producidos aquí, vendo como aproveitar os espazos culturais das antigas caixas ou impulsando desde a economía pública estruturas de produción (teatro, danza, música, plástica, cinema, espectáculos…) que simplemente non existen.

Ven ao Salón

Vencellado con isto, valoremos a cultura que se fai aquí. Unha suxestión, se teñen criaturas na casa: O Salón Virtual, na súa magnífica web salondolibro.gal. O Corona-conto, o misterio do papel hixiénico, cociñando con humor, Orbil bailador, voces divertidas, ximnasia na casa, a orquestra pantasma… e moitas propostas máis da próspera, lúcida e creativa xente da cultura que vive entre nós.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 25 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO PRIMEIRO DÍA DE CONFINAMENTO

A n t ó n   P r i e t o

República de El Salvador, de 6,7 millóns de habitantes, unha antiga república cafetaleira que últimamente foi especializando a súa economía en facer cousas que os norteamericanos precisan, pero a menor prezo: cortar e tecer roupa interior de punto de algodón e outras fibras, algo de café, envases de plástico e remolacha azucareira. Tal que así, é un país paradigmático do fondo do mundo, no que a quinta parte máis rica da poboación recibiu en 1999 case o 45% da renda e o quinto máis pobre o 5,6. Hai 20 anos, o mesmo que nós co Euro, prescindiu do Colón e entregouse ao dólar. O que se dí un satélite de norteamérica, país no que viven, a maioría ilegalmente, máis de 3 millóns de salvadoreños, case a metade dos que viven no interior. Datos da Wikipedia. Ah outro máis: o 5 de novembro celebran o día do Primeiro Berro da Independencia en Centroamérica.

Pois se en Galiza un palestino é dono dun festival de cinema chamado Amal, unha potente produtora de televisión, e un gran hotel no centro da capital, en El Salvador o fillo dun palestino de Belén, chamado Nayib Bukele, chegou a presidente despois dunha vida política nas filas do Frente Farabundo Martí, aquel partido que nos 80 bruaba contra a dictadura militar e que despois se convertiu na esquerda parlamentaria.

O hoxe presidente foi alcalde de Nuevo Cuscatlán en 2012, e despois de San Salvador, a capital. No 19, xa despois de deixar o Frente, fíxose co 53,5% dos votos para ascender á presidencia da República co apoio de Gana, o partido que el mesmo fundou. Desde a óptica europea, pode considerarse un político do centro esquerda populista —o que algúns facían con Albert Rivera antes de que se tirase ao monte—, pero nun país moi relixioso, que abdica do dereito ao aborto e á unión matrimonial libre, xa que circunscribe este dereito ás parellas heterosexuais. Unha xoia.

Pero aí tes ao exótico presidente milenial. Trending toppic. Está merendando as redes coas súas decisións sobre o Coronavirus, desgranando, baixo un épico lenzo que representaba a algún prócer local —o cura José Matías, probablemente— as medidas económicas que implanta, cunha oratoria que lembra de lonxe á do mismísimo Hugo Chávez: “el que toque un centavo yo mismo lo voy a meter preso”. “Ustedes, empresarios, tienen dinero para vivir 10 vidas. 20 vidas, no van a vivir suficiente para acabárselo”.

Susupendeu os recibos da auga, a luz e internet durante 3 meses. Os tres próximos recibos dos pequenos créditos de consumo prorratéanse para pagar durante o que resta de cuotas. O mesmo coas hipotecas, os alugueres e os créditos das empresas. Loitará contra a corrupción con 60 novos auditores e controlará os prezos dos alimentos para que ninguén vaia de listo: “Un llamado a los buenos empresarios que nos ayudan y otro a los malos empresarios que se aprovechan, pues cerraremos sus negocios y decomisaremos las mercancías con las que querían estafar a la gente”. Se non o escoitaron, fágano. Poucas declaracións de amor tan emocionantes desde unha tribuna política, porque o máis interesante non o transcribín. Bukele, grazas polo teu poema. Necesitabámolo.

Quilapayún

E falando de El Salvador, viaxamos ao sur seguindo a liña do Pacífico e situámonos en Iquique, donde en 1907 o xeneral Roberto Silva provocou a matanza de Santa María. Setenta anos despois, o mítico Quilapayún enchía de enerxía os escenarios de toda Europa coa súa famosa Cantata Popular de Santa María. Recitativos e música culta e popular testemuña da diáspora política chilena. Marabilla que hoxe poden revisar en Youtube para degustar, con fondo andino, esa marabillosa aportación que o palestino que preside El Salvador fixo á nosa axenda mediática. Amén.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 24 DE MARZO DE 2020, DÉCIMO DÍA DE CONFINAMENTO

A n t ó n   P r i e t o

Vivimos na guerra máis intensa da era contemporánea. Antes de nada. Guerra, con permiso dos máis maiores, de quen sofriu a represión fascista dos anos 30. Con permiso e con toda a enorme sensibilidade que merece este capítulo tan especial da nosa historia. Por iso imos comezar cunha enorme recomendación: “Todo canto fomos”, una novela imprescindible para recrear a Pontevedra dos anos previos ao levantamento de Franco contra a república democrática na que se mascan os dous momentos de contraste dos duros anos 30: a felicidade previa e a brutalidade posterior.

Un relato cheo de tristura, de momentos terribles, de historias terribles, de amores terribles, de parentescos terribles, de días terribles. Porque terrible foi todo o que tivo que ver coa guerra e lembralo en cada momento é unha necesidade colectiva. O seu autor, Xosé Monteagudo, pontevedrés de Moraña, fai un magnífico relato da crueldade, que é un máis das centos de testemuñas de aquel tempo, que vía documental ou creativa, nos falaron da guerra e a represión.

Por iso hoxe, a pesares de utilizar a mesma palabra, temos que marcar distancias con aquel episodio no que as armas, o lume a morte, venceron á dignidade e aos dereitos civís. Por respecto, por proporción e por xustiza.

Sánchez, implacable

Por tanto, guerra, pero menos. Un día destes quizaves toque falar do papel, da iconografía, que xeran policías e militares na televisada sala de prensa de Moncloa. Pero hoxe imos fixar na estratexia informativa que o bipartito está utilizando durante a crise. Un mecanismo deseñado para emitir as noticias oficiais en directo, con varios servizos diarios a través de roldas de prensa frecuentes, a tres niveis: o presidente do Goberno no cumio para as ocasións especiais; algúns ministros sexan ou non do cuarteto operativo da crise (sanidade, infraestruturas, defensa e interior), e un terceiro nivel composto por personal de corte técnico, no que ademáis dos responsables de Policía, Garda Civil, o Exército e a rede de mobilidade, comparece quen está a se convertir no líder natural desta situación de crise: o doutor Fernando Simón.

Un improvisado sistema informativo liderado por un presidente con extraordinaria capacidade de convicción e fiabilidade. Tranquilos todos; estamos convosco; ánimo, resistamos xuntos, todo pasará. Un presidente que manexa, coa súa serena frialdade, todo canto balbordo tratan de organizarlle Ayuso, Casado, ou Hernando, expresando o que saben en política: patalexar, despreciar e incendiar. Estrume que Sánchez simplemente ignora. Acaso algún redoble de tambor contra Torra estratéxicamente pronunciado pola ministra Robles, case máis dirixido aos seus subordinados que ao público xeral.

A templanza e a contundencia presidencial do pasado sábado, continuada onte tras a conferencia cos presidentes, mostra un home abnegado, obsesionado por vencer as famosas curvas do bicho e por organizar a loxística e a operativa dun país que atravesa o momento máis difícil da súa existencia tras a guerra. Sánchez diríxese con mestría, con paixón e con rigor á cidadanía dun estado amedrentado, ferido, necesitado de esperanza. El sabe que representa a luz que as persoas precisan ver. Porque estamos poñendo a proba non só a calidade do noso sistema de saúde, maltratado polos recortes e a lóxica da eficacia capitalista, senón tamén a nosa propia capacidade de nos sobrepoñermos á maior sima económica da nosa historia na que todos os recursos —tamén os beneficios que figuran nos balances dos grandes emporios— serán necesarios para o reequilibrio e a xustiza social.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 23 DE MARZO DE 2020, NOVENO DÍA DE CONFINAMENTO

A n t ó n   P r i e t o

Mudaremos o noso estilo de vida unha vez pase este mal soño? Aproveitaremos esta volta aos fogóns, esta necesaria introspección, este descenso do consumo, esta cultura da conversa, esta creatividade exultante, esta calma chicha nas vidas de todos nós, case poética, para adoitar novos costumes de relación connosco e coas nosas contornas?

Pois probablemente non ocorra nada disto, porque esta aparente retracción cultural é un simple trágala, un frenazo ao balbordo que se nos impuxo e que axiña esqueceremos coma ese pesadelo ao que non damos importancia unha vez superada a conquista do horizonte. Dos horizontes de cada un de nós, dos proxectos persoais que se nos poñen por diante, das rutinas para os rutinarios, das incertezas para os que camiñan polo gume da navalla, e das altas metas para os máis ambiciosos que arriscan diñeiro, fluctúan en bolsa ou gañan carreiras.

Non aprenderemos porque agora vivimos nun paréntese, non nunha realidade alternativa. Seguimos cos proxectos de antes, cos costumes de antes levemente perturbados polo encerramento, pero igual de febles, de humanos.

Seguiremos peloteando aos poderosos, xulgando aos diferentes, derrubando ao compañeiro, delatando á camarada, vendendo a amigos por un par de céntimos, sementando a insidia darredor, usando a crueldade para falármonos.

Seguiremos caendo baixo, poñendo paus nas rodas, gardándonos as verdades, recomendando o mal camiño, facendo que facemos, fabricando bagoas de reptil, mantendo segredos impresentables, silencios maliciosos, miradas esvaídas, conversas inconsistentes, cafés interesados, negociacións manipuladas, afectos malintencionados, saúdos venenosos, autoritarismos extemporáneos, contradicións decepcionantes, traicións insoportables, amores de mentira.

Tamén seremos quen creemos ser, sen dúbida. Pero seguiremos mercando máis roupa da que precisamos, fodendo sen condón entre descoñecidos, collendo atallos inmorais. Seguiremos sen diferenciar a competitividade e a avaricia, a envexa polo ben alleo, o silenciamento cómplice, o relato egocéntrico, a mirada de reollo, o aceno desconsiderado.

Continuaremos insensibles sobre a fosa común mediterránea, sobre as persoas con dificultades de supervivencia, con quen non ten auga corrente, sanidade ou dereitos laborais. Seguiremos poñendo o diñeiro no cumio do noso retablo de devezos, resignándonos polos negocios bancarios, polos lobbies das eléctricas, polos desartellamento da economía pública, das finanzas públicas, das empresas estratéxicas públicas, dos desequilibrios territoriais, de que, como naquel mítico deseño de Castelao, a vaca de aquí se muxa en Madrid.

Sen vergoña

De case todo isto fala unha espléndida serie americana que podedes atopar nas plataformas temáticas, inspirada noutra anterior e homónima da BBC. Shameless (desvergoña), a disparatada crónica da familia Gallagher onde cada persoeiro libra a súa particular batalla entre a maldade e a bondade, entre o correcto e o incómodo. Onde entre risas, sexo, alcohol, drogas e todas cantas situacións cotiáns vos veñan á cabeza, van decorrendo os días nunha espiral suxa, divertida, perigosa e intensa, pero o que é máis importante: nada estravagante. 

Porque todo está pulido con corazón, con mínima violencia, con cotidianeidade e sentido común: responsabilidade, abnegación, compromiso, familia, tríos, bipolaridade, interracialidade, Norteamérica, relixión, mitomanía, aborto, heterodoxia, educación pública e privada, planificación familiar, adolescencias heterodoxas, especulación, hedonismo… unha ensalada de situacións no Chicago máis contemporáneo que ademáis, para os amantes da arquitectura, recrea constantemente na súa estratexia fotográfica a célebre Torre Sears (hoxe chamada oficialmente Willis, con pouco éxito), esa elegante dama negra que desde o 74 define a capital de Ilinois, berce dos rañaceos.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 22 DE MARZO DE 2020, OITAVO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T O N   P R I E T O

Andoriñas

Imos viaxar coa Imaxinación á Coruña. Para iso, nada mellor que facelo a bordo dun poema de Manuel Rivas que el mesmo rescatou no seu twitter: “Chegará a primeira andoriña e pensará que todo isto é unha trampa para apreixala co visgo dun silencio masacrado”. Busquen calquera obra deste polifacético intelectual coruñés e gocen cunha visión radicalmente limpa deste mundo cheo de lixo e miseria. E se queren acompañalo con algo de marcha norteña, pidan Diplomáticos ao seu youtube e escoiten, por exemplo, Nordés, con Merce Peón. Rock nórdico, potencia atlántica para tempos incertos. Bó proveito.

Inditex dona

Claro que Ortega é culpable. Sómolo todos. A vida é un itinerario de fazañas e miserias e a culpabilidade un sentimento innato ao ser humano. Ás veces incluso pasa de sentimento a feito incontestable, cando a culpabilidade se convirte nun concepto xurídico, positivo, obxectivo… non nunha verdade, porque a verdade é outro cantar. Só nunha sentencia de dereito. Ortega ten moitas culpas, claro que si. Todos e todas temos as nosas. Pero non é o monstro de sete cabezas que pintan os apocalípticos.

Ortega é un empresario, e como tal, que se saiba, cumpre escrupulosamente as leis. As leis dos abnegados e as leis dos piratas, que tamén existen. Outra cousa é que a lei non nos guste, ou que as leis dos piratas non deberan existir. Non parece xusto que as grandes corporacións aporten unha parte tan escasa do seu rendimento á economía pública, cando elas son as primeiras beneficiarias do clima de estabilidade política e económica que lles facilita o negocio.

Se acaso, son as leis do mercado global sobre as que hai que dirixir a mirada e apuntar os dardos, non contra un só empresario, por moi potente que sexa. Ortega, como tantos outros grandes herois do capitalismo, utiliza as autopistas que constrúe a política con todos os seus defectos. Os lobbys, as ideas dominantes, a importancia do diñeiro. Son a política, os parlamentos, os gobernos, os que teñen a misión de mudar estas cousas, pero eso non o damos entendido cando votamos, porque nos pode o pressing que exerce a tómbola eleitoral.

Algún inxenuo anda por ahí dicindo que todo isto pode mudar co momento coronavirus, pero quen máis quen menos pensa que nada cambiará demasiado.

Na Coruña convocaron un aplauso inmediato de apoio a Inditex. Pailanada nivel máximo. É certo que alí Amancio ten unha imaxe irrefutable, gañada a pulso, tanto polas súas actitudes persoais de mesura, discreción e compromiso coa cidade, como pola admiración que produce o éxito entre os pobres, agradecidos polos milleiros de empregos que tan intelixentemente foi creando nas últimas décadas en moitísimos sectores. Inditex axuda a extraer o mellor de sí mesmos a moitísimos profesionais e empresas da contorna. Pero pagarllo cun balbordo de xanela é algo demasiado choni. Quizaves avergoñaría incluso a ese home que foi quen de non dar nunca puntada sen fío.

Bífidus

E falando de consumismo, no que se basea toda a filosofía de imperios como Zara ou Ikea, quizá sexa oportuno lembrar un precioso libriño publicado por Anagrama hai 20 anos. O seu título orixinal, “99 francs” tradúxose rápidamente ao “13,99 euros” da edición española desta pequena novela de Frèdèric Beigberder que resulta “un relato cruel, un panfleto insolente, un alegato contra a manipulación consumista”. O autor, despois da publicación foi despedido da axencia Young & Rubicam, na que traballaba. Imaxinen unha trama real e ben documentada na que se fabrican desexos para que as persoas compremos cousas que non precisamos. E despois de ler, paseen non xa por Benito Corbal, Marineda City ou Gran Vía, senón xa polo lineal de iogures ou galletas de calquera supermercado. E mírese no espello para comprobar o que están facendo con vostede.

 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 21 DE MARZO DE 2020, SÉPTIMO DÍA DE CONFINAMENTO