ANTÓN PRIETO

Entre o círculo no que me movo existe unha especie de felicidade implícita polo feito de que esta situación horripilante estea capitaneada por un tipo coma Pedro Sánchez, algo que por moi crítico que sexas coa xestión do goberno, debe tranquilizarnos. A alternativa era esa xente capaz de poñer medallas oficiais á virxe do Carme e excentricidades así, cousa que en xeral produce algo de arrepío. A estas alturas, vanagloriar espectros ou practicar tradicións espirituais debe manterse lonxe da esfera pública e que cada un a viva como queira, sen salpicar.

O directo televisivo do Presidente resulta rotundo. Quizaves podía aforrar algo de metraxe repetindo ata a saciedade ideas xenéricas do seu relato, costume fomentada por xornalistas que, por suposto con todo o dereito, queren extraerlle novos datos ou conceptos informativos tras promulgar sagaces preguntas. Sánchez responderá sempre encantado de escoitarse, facendo algunha repichoca oratoria e sabendo que tras milleiros de pantallas hai cidadáns co estómago enroscado buscando respostas que ninguén pode darlles. Impecable e implacable na transmisión emocional. Intensidade na palabra, profundidade na mirada e nos xestos, manexo das técnicas teatrais da convicción e a credibilidade.

É certo que longos anacos do discurso poderían resumirse nun telegrama. Prodígase en reiteracións argumentais, que ao final resultan importantes aliados para transmisión dos afectos entre o líder e o seu público. Algunhas frases para titulares informativos, algunhas explicacións innecesarias, insistencias varias. Pero el e os seus saben que o que conta nesta historia é trinomio humildade, emoción e transparencia.

Que non equivale a dicir que Sánchez sexa humilde, emotivo e transparente, senón que a representación icónica do Presidente flúe por eses flancos da poética política. Unha parte da poboación verá un herói de guerra envolto nesa épica belicista que tanto gusta aos líderes. E haberá quen vexa un perigoso xestor, se facemos caso algunha xente bruta e coas amígdalas mal ubicadas, pois parece que falan a través do esfínter.

Sánchez sábese parte da rexión máis luminosa do mundo. Quizá non teña os mellores científicos para aconsellalo na epidemia, quizáves a xoia do reino, a nosa saúde pública, non sexa máis ca unha linda fábula que circula entre nós, apoiada nas experiencias persoais que cada un de nós temos tras visitar un hospital. Quizaves as inercias centrípetas do estado central acabarán cobrándolle unha elevada factura en termos de estabilidade parlamentaria post coronavírica. Pode que Sánchez teña que volver a humillarse ante as pantasmas do seu propio partido, esas que non lle permitiron pactar con nacionalistas e podemitas tras as penúltimas eleccións. Pero no seu manexo da oratoria lembra precisamente a un deses pantasmas, o Felipe González de principios dos 80, unha das representacións icónica do cambio.

Se Felipe, influido polo eufórico ambiente da transición, foi avanzando cara á dereita ate convertirse no influencer conservador que hoxe é, Sánchez podería facer o itinerario inverso, como pide o mundo actual, tan castigado polas consecuencias do capitalismo salvaxe e a uniformización cultural, por moi difícil que sexa de ver esto desde Madrid.

Hindi Zahra

Adorable esta recomendación que pillei hai poucos días na rede dun querido amigo virtual. Non paro de escoitala. Case étnica pero melódica, case Cesárea Évora pero suave jazz tranquilo, con preciosos arranxos e esa elegancia parisina que enche o corazón de terciopelo. Esta emigrante marroquina que chegou a Francia con 14 anos e compuña marabillosos temas mentres vixiaba turistas no Louvre. Busquen calquera dos seus tres discos e gocen dese mínimo impresdincible para escoitar de perto a beleza.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 21 DE ABRIL DE 2020, TRIXÉSIMO PRIMEIRO DÍA DE CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO Que Pontevedra ten amores, ninguén o dubida. Que boa parte desas persoas xa antes da epidemia se pasaran á compra on-line, relativiza ese amor furibundo que nos invade cando nos poñemos ñoños e localísimos. Máis ou menos desa idea parte a campaña do concello que en pleno confinamento pon nas redes sociais. Falan os PonteLovers, os estimuladores, os satisfayer dunha cidade á que lle gusta ser como é, coas súas cousas boas e as súas menos boas, coas súas horribles medianeiras e as súas marabillosas farolas, cos seus agradables espazos peonís e a súa fábrica nauseabunda. Bueno, esto último non gusta moito, a verdade. Pero algún día conseguiremos vencela.

PonteLovers que nos convidan desde a rede a ir recuperando, cando se poida, o ritmo que mantiñamos. Persoas que son as que viven dos gintonics, dos bolsos de marca ou dos cafés con madalena que tanto molan ás gaivotas. Terrazas, peluquerías, tascas, despachos, cafés de inverno, restaurantes de mesa e mantel, de bocatas, xoiarías, taperías ou viñotecas, zapatarías ou concesionarias de móbiles, arranxadores de roupa, drogarías, grabadurías de tatoos, bisuterías, curtidoiras, librarías, reparadores varios, papelerías, reprografías, reloxarías, mercerías, moblerías decorativas, xabronarías, chiculaterías, lencerías, esteciciéns, ferreterías, xamonerías, perfumerías, bazares chinos, sanatorios de zapatos, mercadorías de agasallos, e tendas de todo o imaxinable, tradicionais e modernas, vintage ou descoidadas, nutridas ou selectas, de moda ou de batalla, especializadas ou xenéricas, fixas ou efémeras…

As trastendas de todos estes lugares son agora os motores de arranque e avance desta cidade paralizada polo medo, nostálxica das súas praias e de tantos quilómetros de sendas que cada día camiñabamos antes da cuarentena. Eses PonteLovers aos que Yoya Blanco pediu un pequeno video de ánimo para encher as redes de enerxía positiva son os que traballan decote para que a cidade siga dando cada día de beber a quen pasa.

Grazas aos seus contributos á facenda pública —e aos de outros moitos que tamén aportan, como corresponde— podemos vivir nunha cidade capaz de ofrecer uns altos niveis de comodidade, estabilidade e fartura. Eles, os nosos comerciantes e hosteleiros, aportan moitísimo máis que Amazon ou Aliexprés, máis que Carrefour, unha empresa francesa que tamén vende bastante aquí, como Supercor, Eroski ou algunhas máis co seu CIF en Madrid ou noutros lugares, o que os aparta do tópic de “proximidade”.

É certo que as pequenas empresas comerciais deben actualizarse, adaptarse ao noso ritmo de vida, mellorar o tratamento ao cliente, profesionalizar a atención ao público, adaptarse á venda a domicilio, medir ben os gustos do seu público, en definitiva ir desperezándose desa lenda negra do clasismo, a arrogancia, os costumes acomodaticios ou o estancamento decadente. Hai quen pensa que este terremoto económico vai servir para que o comercio dea o salto definitivo á actualización que seica persiguen desde hai anos, pero hai tamén moito escéptico sobre que a masa empresarial local dispoña realmente desa capacidade de adaptación. Ogallá. De momento, sumémonos ao PonteLovers, convirtámonos todos en amantes incondicionais da nosa cidade e confabulémonos, desde o primeiro ao último, para que Pontevedra siga a ser ese lugar marabilloso que non cambiaríamos por ningún outro do planeta.

Museo de Pontevedra

E xa que nos puxemos tan localistas, imos dar un paseo polo Museo. Ogallá entre a renovación que anuncian, dean cambiado a web para facela máis operativa, máis contemporánea e útil para a difusión da súa impresionante obra. Pero alomenos poden ir ao apartado “Colección” e flipar coa cantidade de cousas que están perdendo se non dedican algún momento do seu ocio a visitar esta xoia local, sen dúbida o máis completo de Galicia. Naveguen polas súas coleccións e síntanse, se cabe, aínda un pouco máis orgullosos da súa cidade. Agradeceránllo a vostedes mesmos.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 19 DE ABRIL DE 2020, TRIXÉSIMO DÍA DE CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Un lindo debate barroco desprégase ante nós a raiz dunha pregunta do Centro de Investigacións Sociolóxicas. Atentas: “Cre vostede que neste momento habería que proibir a difusión de bulos e informacións engañosas e pouco fundamentadas polas redes e os medios de comunicación social, remitindo toda a información sobre a pandemia a fontes oficiais, ou cre que hai que manter a liberdade total para a difusión de noticias e informacións?”. Que? Como lle queda o corpo?.

Vaia por diante algo importante: reverencia absoluta a técnicos, dirección e empregados do CIS, protagonistas dunha actividade demoscópica sobre a que moitos pontifican con demasiada alegría. Non serei eu quen se sume a ese abano de engenieros que se alporizan cada vez que o Instituto publica o resultado dun sondeo.

Pero vostede imaxine que de repente colle o teléfono dun número descoñecido. Conta con que quererán venderlle un paquete de series televisivas ou un crédito de cofidís. Pero vai e escoita todo aquilo. De súpeto comeza a sudar frío e, como é para o CIS, estudia en primeiro lugar se alinearse co bipartito, coa opodereitona ou coa banda máis alternativa do hemiciclo, composta pola esquerda bonita e a periferia espabilada.

Pídelle o corpo dicir que sí, pois boa sería pasar todo isto baixo un goberno capaz de condecorar á virxe do Carme. Vostede quere dicir que si, que habería que prohibir os bulos e as informacións engañosas, pois que é iso de mentir descaradamente ou sementar as redes de babosadas varias con finalidades perversas.

Pero despois de pedir ao amable interlocutor oficial que che repita a pregunta unha ou duas veces máis, chegas a iso de remitirnos ás fontes oficiais. É como preguntar se prefires mudar de planeta. Quere vostede vivir en Urano sen auga nen ceo protector?. De repente, un estado que nunca se preocupou de ter un corpo de xornalistas acreditados, rexistrados, responsabilizados socialmente ante a cidadanía, cunha formación máis ou menos sólida, cun nivel salarial digno, cunha independencia real de empresas, corporacións, chiringuitos ou lobbies, capaces de responder do seu traballo ante colexios ou tribunais profesionais… de repente ese país abandona por un momento a pandereta e pregunta á súa cidadanía se prefire bulos ou informacións oficiais.

E xa descendendo un pouco máis no nivelazo semántico da cousa, “manter a liberdade total para difundir noticias e informacións”. Liberdade total. Non me diga que non se puxo poético o entrevistador… nun ecosistema no que tantos medios son propiedade de bancos, construtoras, corporacións ou lobbies. Ou dependen de enormes anunciantes ou da publicidade institucional para sobrevivir. Catro ou catrocentos millóns de chíos estúpidos circulando pola rede non son nada en comparación coa pregunta necesaria: Prefire que lle conte as cousas un ou unha xornalista profesional libre de cargas e hipotecas, ou o abellón zumbón con aspecto de broker que cada día lle empaña cerebro con verdades selectivas? E por suposto, tamén respondería: “si, claro”.

Todo es mentira…

…En este mundo / todo es mentira la verdad. Un verso de Manu Chao moi propio para abordar a profunda pregunta do CIS. Clandestino, un álbum de 1998 considerado como un dos mellores mil álbumes de música que calquera persoa debe escoitar antes de morrer. Se lle mola esa especie de reagge excéntrico, polilingüe, feliz, amargo e cun punto de verdade, busquen este álbum e fáganse compaña durante o encerro.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA BAIXO O TÍTULO “A ENQUISA DO CIS” O 17 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO NOVENO D͍A DE CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Neste confinamento hai unha proba de resistencia vital que supera toda canto martirio poidan conter as vidas de todos os santos, con perdón da cara de vuecencia se é católica ou pertence a algunha desas tribos urbanas que cren no ultramundo. Esa proba é a constante circulación, análise, contraanálise, teses, antíteses, sístoles, diástoles e marmeladas varias derivadas das cifras de afectados en calquera país do mundo, incluído o noso, e incluso no mundo enteiro, tomando por mundo este primeiro no que vivimos, o do norte, e ao mundo tal e como aparece representado nas esferas xeográficas, África incluída, por exemplo.

Cifras e máis cifras, polémicas polo sistema de recontos, análises por comunidades autónomas, comparativas con Alemania ou Francia, se contan ou non todos os mortos, se fan ou non fan, se viran ou reviran, se miden ou estiman, se cocen ou enriquecen. Marabunta apocalíptica. Persecución do dato dixital, xornalismo de aparente precisión convertido en lixo mediático. Atención, últimas cifras aportadas, curva oblicua derivada por estribor, en Xapón confinan máis para que a oropéndola cante algo máis feliz. Manhattan mellor situado que Queens. Lugo, con máis persoas maiores, supera levemente a Soria, cunha pirámide poboacional máis esbelta.

Consuman datos, señoras. Aquí estamos para ofrecérllela última e de paso axudar á dereitona a armar o seu relato apocalíptico mentres comezan a despedir enfermeiras porque xa pasou o pico nos hospitais de Galiza e as prantas xa poden vivir baixo mínimos.

Vostedes continúen vendo TVG sen saber qué é iso dos seus Venres Negros, que eu quedo con Radio Gominola. O meu amigo Manu ten a sorte de vivir na rúa da Estrada, como algúns poucos privilexiados desta cidade. Desde unha esquina máis ou menos feliz dese camiño da Abundancia emite a gorxa xenerosa, bulideira e divertida dun ser excepcional, acompañado das súas fillas e o seu inseparable megáfono, o auténtico espírito de Pasarón, según contan.

Rafa é un antídoto contra a amargura. A súa poesía, intúo, é a desas persoas imprescindibles para manter o mundo en pé, en constante movemento pese a todo. Por eso Rafa ten a mellor receita para estes días de merda. Un relato reparador, ameno, cheo de música e palabras acaídas, cheo de dedicatorias e sentencias de merengue. É o cartafol da alegría, o pozo no que pescar cando non hai peixe, o cordel do que tirar para prender a luz no medio da miseria.

Sen Rafa Córdoba, díxenllo estes días no Facebook, esta cidade sería Neptuno. Él representa, co seu relato extrovertido, estridente e estupendo, a todo o exército que compón a Pontevedra bulideira e desenfadada, a que vive nun entroido permanente, sabendo que non hai entroido máis puro que a vida mesma, coas súas sombras, das que abrolla Radio Gominola como a máis xenuina resposta aos datos dos telexornais.

A forza do optimismo

Recoméndolles hoxe un libro que lin hai 100 ou 300 anos, nun verán de nudismo e desamores nas rochas de Bascuas, aínda que foi escrito en 2005 polo psiquiatra Luis Rojas Marcos, ilustre médico que fora director da rede de hospitais públicos de Nova York, ademáis de magnífico escritor divulgativo e columnista. A forza do optimismo é un repaso científico ao pensamento positivo e á capacidade do ser humano de facer fronte á adversidade con fortaleza e esperanza. Actitudes positivas da man dun médico acostumado a bregar coas máis duras aristas da experiencia humana. E non esquezan Radio Gominola. É compatible e necesario.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 18 DE ABRIL DE 2020, TRIXÉSIMO DÍA DE CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO 
Supoño que deben estar moi satisfeitos polo apoio que reciben da maioría da xente neste período de confinamento, pero o certo é que aínda viven entre nós algúns despistados sobre o importante papel das policías non só durante este momento delicado, senón en xeral. E falo das polis e non do exército, que ese é outro cantar. Ambos teñen relación coa seguridade e a necesaria intimidación que debe exercer o poder público ante a poboación, pero son ámbitos completamente distintos.

Podemos discutir se a democracia é máis ou menos perfecta, se a dirección policial se exerce con máis ou menos cerebro, se o xeito de exercer o sindicalismo ou a participación interna nos distintos corpos policiais decorre desta ou outra maneira, se o corporativismo excede os límites do razonable, se moita xente —dentro e fóra das polis— mestura un certo sentido épico, patrioteiro ou chauvinista co exercicio profesional do seu labor, ou sobre as confusións entre a autoridade e o autoritarismo que algúns levan por bandeira.

Todo iso é discutible, claro que si. Pero do mesmo xeito que o é un médico sen sensibilidade á hora de transmitir unha mala noticia, un enfermeiro que paga cos seus pacientes calquera mediocre racha persoal, un profe que desmotiva aos seus alumnos en nome de non se sabe qué materia curricular ou un administrativo que sublima a burocracia elevándoa a un nivel irracional e absurdo. Ademáis, as polis foron liberándose, a desigual velocidade, desa espesa borralla que herdou da negra sombra do franquismo.

Os e as axentes das policías, os seus cadros de mando, son hoxe un puntal sobresaínte na loita contra o virus cabrón, como o son cada día garantindo a nosa calidade de vida, porque aí están sempre que os necesitamos. Cando alguén nos amenaza, cando pretenden ou conseguen violarnos, cando nos rouban algún ben, cando temos un accidente de tráfico ou doméstico, cando detectan algún clan perigoso para a convivencia ou perseguen a algún presunto ladrón ou asesino.

Pero tamén cando estamos de festa, cando camiñabamos pola rúa exercendo a nosa preciada liberdade de movementos, cando utilizabamos un aeroporto ou unha estrada, ou asistiamos a un espectáculo deportivo. Ahí están sempre, silandeiros, dispostos a partirse a cara por nós, a poñerse co seu uniforme dotado do simbolismo da autoridade, entre as persoas que poden ameazar calquera momento das nosas vidas.

Claro que existen episodios pouco edificantes, como represións abertas ou exhibicións gratuítas de Forza que fan máis mal que ben á sociedade, e por suposto, tamén á propia policía. Hai dirixentes institucionais que por razóns case sempre inconfesables utilizan aos axentes en beneficio do seu propio relato político, poñéndoos aos pés dos cabalos. Incluso hai algúns que exercen o seu traballo con escasa intelixencia, como en calquera outra profesión, provocando males maiores dos que buscan atallar. Pero a maioría deles, cada un de nós podemos confirmalo por propia experiencia, camiñan con prudencia, amabilidade, rigor, sensatez, servizo público e altísimo sentido moral. Eles e elas, os nosos e as nosas polis, están tamén no noso corazón cada día ás 8 da tarde.

Wallander

E xa que falamos de polis, imos adentrarnos no xénero negro. Inspector Wallander. Sónalles? A rebumbio do boom nórdico foise popularizando entre nós esta magnífica serie marabillosamente escrita por Henning Mankell, sobre crimes rexistrados no país de Scania (sí, como os camións), ao sur de Suecia, mesmo frente a Dinamarca. Aló, na pequena cidade de Ystad, presta servizo este magnífico poli. Crónicas que cunha especial sensibilidade relata aportando datos non só sobre as pescudas policiais, senón sobre a política e a sociedade sueca, nórdica e europea. A leona branca, os cans de Riga, a quinta muller… novelas de dixestión fácil, amenas, coas que tocar a fría pel do Báltico sen sair da casa.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 16 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO NOVENO DÍA DE CONFINAMENTO

ANTÓN PRIETO

Este ano, a dimensión festiva da nosa estirpe vai quedar tocada. Festa e contacto físico parecen dimensións indisociables, e non podemos concebir acontecemento que se precie sen ese roce que nos transmite sentimento, amor e ledicia. Abrazar, bicar, acariñar, simplemente tocarnos, está na base da nosa cultura cinética, somos imáns camiñando pola vida, gozamos co rozamento, co corpo a corpo, coas nosas mans unidas en xoldras e reivindicacións, e xa non falemos de sexo, que é a máxima expresión da festa, aínda que hoxe falaremos das dimensións máis mundanas. Sempre que a emoción nos embarga, derrubámosnos uns contra outros coa máxima querencia, na procura un acubillo amable e xeneroso.

Tanto é así que non son poucas as teorías que estes días apuntan ao maior contacto físico do sur de Europa coma un dos factores determinantes da expansión deste virus cabrón. Que llo digan a Pablo Méndez, unha das maiores empresas culturais da cidade, que veu como á caída do sol un día de marzo se lle viñan abaixo todos os seus contratos do ano. Ibiza, Madrid, Canarias, Valencia, Andalucía, algúns lugares de Europa e toda Galiza ían apagando os focos que alumearían aos seus artistas durante toda a primavera ou o verán, épocas fortes da arte na rúa. Os espellos en movemento, os doces balancíns xigantes, as enigmáticas sereas, as criaturas chegadas dos submundos e os supramundos, moldeados aquí para estimular a Imaxinación e a fantasía de tanta xente. Quedarán anclados no baúl dun tempo de tristura obrigada, a que nos mantén con esta cara de pasmóns.

Agardamos que, cando o pracer de nos rozar volva a situarnos no que realmente queremos ser, cheguen con el as cabriolas fantásticas e as músicas potentes para acompañar os solpores do verán e as madrugadas con sabor a viño vello. Ogallá que quen decide que a festa continúe, quen lle dea ao botón do reinicio da nosa dignidade colectiva, se lembren de Pablo, e de tantos outros Pablos que hai na música, no teatro, e en xeral en toda a creatividade que arrodea a festa. Será como lembrarnos de quen somos, do que somos capaces de facer coa cultura e as expresións colectivas da ledicia.

Polo momento, gocemos coas festas de pantalla, con esa incesante e inmensa chea de motivos que circulan polas redes para manternos activos e contentos, sempre que a gadaña da sorte non se fixase aínda en nós ou nos nosos seres queridos. É o momento de manter o optimismo e fornecernos de vida a través de memes, de conversas estupendas, de programas de televisión, de grupos de facebook, dos videos que che dedican os amigos, de vermús virtuais, de concertos ou mesmo de conferencias como as que fixo circular onte a Aula Castelao —que o coñecemento e a análise do mundo tamén é entretido—. E non esquezan defenderse da miseria, do veleño, que tamén é moita e chega por todas partes. Incluso é momento de volver a ese pracer estupendo que é ler en papel o Diario ou calquera que fose o seu xornal favorito.

Praceres que non substitúen a nos tocar, a nos celebrar, a nos bicar, a nos rozar sen reservas nun concerto ou un evento, pero que temos que dar por boas neste impás que nos impuxo a vida. Debémosllo a tanta xente que se está —nos estamos— salvando de morrer grazas a este enclaustramento.

Máximas Capitales

A festa é sobre todo pracer, felicidade. Conectémonos ás Máximas Capitales de Epicuro. A quinta: “Non é completa unha vida sen pracer. Non existe unha vida placenteira sen que sexa sensata, recta e xustamente vivida, nen se pode vivir sensata, recta e xustamente sen o pracer. Quen non comparte tal criterio, non pode vivir gozosamente”. A vixésimo séptima: “A amizade é a máxima bondade da vida. De entre as bondades que a sabiduría procura para a felicidade da vida enteira, a maior, con diferencia, é a riqueza da amizade”. Non me digan que non paga a pena botarlles un vistazo e pensar mentres aí fóra explota a tormenta primaveral.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 15 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO OITAVO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

Tres ou catro pisos por baixo do meu asoma cada día ás 8 unha linda velliña cana a aplaudir con ganas. Leva unha pequena campaíña para tocar cando cansa. Ao seu carón, unha frondosa maceta de xeranios rosa, completa o entrañable cadro. O tren, durante as dúas pasadas semanas, escoitábase alá pola volta de Xosé Malvar, cando antes o seu bruar disimulábase entre os ruídos da cidade, que esta semana serán maiores grazas sobre todo á volta ao traballo da construción.

A escea da velliña plateada énchenos a alma de admiración. A muller debe estar sola na casa. Pode que teña perto algúns fillos ou parentes, pero saben que non deben estar moito con ela, polo que poda pasar. Ela tamén o sabe e resite. Sabe que en Montecelo a tratarían coma unha raíña, porque para iso se esforzou durante toda a vida para construir cos demáis un mundo algo máis vivible, capaz de colectivizar aspectos moi importantes das nosas vidas. Probablemente, por fortuna, o virus non chegará aos seus pulmóns, pero teremos para sempre esa Imaxe poderosa, con toda a súa luz, con toda a súa forza, dedicándonos de cando en vez o seu aplauso, de cando en vez o tintineo da campá. Outras persoas saen pola fiestra compoñendo esa espléndida sinfonía diaria. Aquí estamos. Somos Pontevedra. Entre todos e todas dicimos, cheos de raiba polos mortos e de esperanza polos enfermos, querémosvos a todas e todos os que estades currando. A miña querida Diana-RR falaba nun precioso artigo sobre comunicación non verbal, da súa veciña de enfrente: “Hoxe disgusteime porque non a vin, e todas as alamas encendéronseme na cabeza. Agardo con ansia ás 20 horas de mañá para comprobar que segue ahí”.

O tren do Eixo Atlántico atravesa a cidade. Antes víase, pero non se escoitaba desde a miña casa. Agora brúa como un cohete mentres alcanza a velocidade de cruceiro entre a estación e o túnel de Lérez. Antes non había ruidos porque todo era ruído, ruído xordo, pasivo, como a igrexa á que moitos católicos ignoran durante o ano e só lembran cando lles convén. Hai uns días, un deses festivos, ás 4 da tarde, collín o coche e fun mercar o Diario a unha gasoliñeira da av. de Lugo, máis que nada por desentumecer o meu veterano peugeot, non fose agripallar. Era a cidade do silencio, pantasma, na que de seguro o meu silandeiro motor escoitábase desde os sextos igual que desde os primeiros. Bastante, pese a que vai coma unha seda.

Ruídos que non existían, acougados no zumbido invisible da urbe. Raíñas pola xanela do solpor reclamando coa súa presenza, aportando a súa pinga de poesía social a este tempo de negrura. Signos, manifestos mornos dunha experiencia brutal nas nosas vidas.

Stromae

Conforme me ía chegando á obra de Paul Van Haver ía descubrindo a enorme carga semántica deste completo artista, que estivo dous anos retirado a causa dun cruel incidente co famoso semanario Charlie Hebdo, co pai do artista, asesinado en Ruanda, de protagonista. Busquen información e flipen co tema. Abraiante. Van Haver parece un pintor flamenco, polo nome, pero non. É o autor dunha manchea de marabillosas cancións con aroma social e espléndidas producións videográficas e simbólicas. Apoiado na súa propia empresa creativa producen música, pero tamén iconas, roupa, ideas e concertos. Piquen na rede “Stromae Montreal” e gocen dun tremendo concerto nesa cidade canadiana. Ah, así é como se chama: Stromae, eso é: maestro, pero ao revés.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 14 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO SÉPTIMO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

Facer o amor nun simca mil. Un himno da transición. Moi acaído para homenaxear algo que hoxe botamos en falta. Un obxecto que as persoas máis eco-céntricas non terán en moita estima, pero que poucos coma el marcan a nosa época. Sei que atravesa momentos de baixón. Aquí en Vigo hai unha fábrica que se non é polo diñeiro público xa estaría en Nixeria ou Sudáfrica. As cidades, en certa medida abandeiradas por Pontevedra, están en pleno proceso de reubicalo, de dominalo, de aproveitar os seus valores e desbotar as súas disfuncións nas rúas e prazas. As urbes están desorientadas entre a contaminación, os engarrafamentos, o ruído, a violencia viaria, e non dan adoitado maneiras de levarse ben con él. A cultura do asento da atrás ou a hiperprotección incide nos debates educativos de todo o mundo e os estados xa non saben que facer para evitar accidentes de tráfico. O xeito de alimentalos, que se GLP, diesel, gasolinas, gas, auga, hidróxeno ou enerxía eléctrica, invade debates e plans de marketing a esgalla.

Pero por enriba de todo, adoramos o noso coche. E non falo das presuntas disfuncións mentais dos que conscientemente o utilizan para fardar ou ironizar cun estátus social desexable, véxase o anuncio de sixt: alugue un carrazo para que o tomen en serio. Non. Tampouco falo do coche como medio de transporte, sobre o que aquí, en Galiza, teríamos moito que dicir por mor do noso modo de vida tradicional, esparexido polo territorio. Nen falarei de infraestruturas, de mercado automobilístico, de carnets de conducir, de desolocalización industrial, de obsolescencia programada, de car sharing, de blablacar ou chuminadas polo estilo. Todas esas dinámicas estruturais que pasaron de súpeto a ser arqueoloxía coronavírica.

É hora de reivindicar con orgullo o noso coche como espazo íntimo, case poético, no que acontecen moitas das mellores cousas das nosas vidas. Seguimos relacionando o coche coa madureza, coa independencia, con ese obxecto de devezo que nos vai permitir encher de Ledicia tantos momentos agradables, e quizaves, tamén algún desgraciado, pois a vida, incluso dentro do coche, sempre é un dilema.

Pregúntame a miña querida Alba se hai algo máis sexy que un tipo ao voltante. É difícil de imaxinar, pois ese tipo parará en calquera momento a gozar dun fumegante café ou recollerá a un ou unha amante desenvolvendo así esa estética do aloumiño no xoenllo, de mans entrelazadas, de cariños furtivos, de… en fin, imos deixalo así porque trascender o código da circulación pode ter consecuencias explosivas en múltiples direccións. Tamén o motor e a estética femenina do empoderamento. Non falo da patética escena dos almanaques de taller. Falo desa muller poderosa e segura do que fai, sola no seu cochazo, quizaves un 4×4, con tantas aventuras que contar a bordo dese corcel de gasofa que tanto engancha aos seus amantes.

Ese coche que nos leva, sós ou en parella, a gusto con nós mesmos, con esa sensación de benestar que roza a felicidade, a bordo do que abandonamos o mundo para nos trasladar non tanto a un espazo, senón mellor a un momento que identificamos como do mellor que vivimos nunca. Momentos que identificamos como únicos abstraídos no automatismo da condución, ou que aproveitamos para ter conversas profundas co teu xefe, co teu amigo, co teu amante ou con algún descoñecido con quen por algunha razón compartes a túa intimidade. O mesmo con nós propios, para cantar coma loucos en metade da noite ou pedirlle que nos axude a conter a ansiedade de chegar para tocar o amor dese instante.

Los inhumanos

O desvergonzado grupo da movida que chegou de Valencia en 1988 para aventar un pouco a caspa do panorama social. A valentía da felicidade, do exemplo e da chulería. Xa que non somos quen de mudar moito máis, centrémonos nas pequenas cousas da vida. No simca mil. Qué marabillosos polvos os de aqueles anos de estreitura.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 13 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO SEXTO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

Apoiándonos nesta canción de finais dos 60, e aínda que creo que o rollo bondadoso xa vai cotizando á baixa, imos imaxinar que o confinamento nos está servindo para algo realmente interesante. Abro tres grupos de preguntas sen respostas.

A saúde, fonte de grandes satisfaccións, preocupacións, benestar e inquedanza. Seguirémonos lembrando dela só cando nos falta, en calquera dimensión? Continuaremos a fumar, beber ou xantar en exceso, a alterar a nosa fisonomía con suplementos, a apoiar con alucinóxenos ou estimulantes algúns momentos das nosas vidas? Conseguirémonos desvencellar do trinomio alcol-festa-felicidade? Camiñaremos tranquilos para resolver problemas sen entregarnos a solucións incertas? Seguiremos rateando investimentos para a sanidade pública? Acabaremos coa mercantilización da saúde, rescatándoa do consumismo farmacéutico, da privatización dos servizos sanitarios que se converten en negocios? Seguiremos marxinando a atención primaria pública para entregarnos aos seguros privados que che atenden sen cita previa e por riba obteñen beneficios? Seguiremos a pensar máis e nós que nos outros, vivan na parte do planeta que vivan?

O diñeiro, fonte de grandes euforias, envexas, felicidade e miseria. Como o perseguiremos? Poñeremos un límite á súa acumulación? Poñerémolo todos, incluso quen máis teñen ou gañan? Tenderemos a igualarnos no carrusel da abundancia? Como nolo montaremos para conseguir vinculalo ao esforzo de cada un, pero sen que esa vinculación produza monstruosas diferenzas? Conseguiremos unha fiscalidade na que quen máis gañan acheguen máis, sen que iso chegue a desvialos de seguir creando valor? Converteremos aos máis ricos nos máis orgullosos, non por ter máis, gozar mellor ou legar aos seus desecendentes, senón por ceder máis e máis recursos á facenda pública? Veremos ao grande, ao enorme, ao inmenso e ao global empresariado renunciar á enxeñería financeira legal e contribuir coa mesma porcentaxe que contribúe o pequeno, mediano e micro empresario, ou mesmo como o empregado medio, que co seu traballo e a súa capacidade de consumo fan que as empresas funcionen?

O amor, fonte de grandes momentos, fracasos, alegrías e decepcións. Recolocaremos o concepto “parella” como nucleo fundamental do amor, ou atreverémonos a desbancalo como única fonte da felicidade amorosa, que sen dúbida o é, pero non a única? Continuarémonos vinculando de dous en dous ata que a morte nos separe, imaxinando que a vida vai ser sempre igual? Seguirémonos entreggando ao sentimentalismo banal do amor romántico, da media laranxa, da confluencia absoluta de ambos os membros da parella? Continuarémonos anulando mutuamente —normalmente máis á muller no caso de parellas heteros—, afastándonos da nosa vida persoal para integrarnos nun sistema pechado de lecer e relacións? Prescindiremos dos ciumes, da vixilancia enfermiza, da suspicacia, das faltas de respecto ao outro ou outra, a indiferenza, o non-diálogo, o mobbing, a violencia contra as mulleres, a chantaxe emocional, o control, a dependencia económica? Seguiremos teimudos en que só debemos ter sexo dentro da parella, en que ter amantes é un vicio, en que o sexo é reprodución? Seguiremos negando a existencia do poliamor ou a capacidade de amar a máis dunha persoa? Poñeremos por fin en valor o amor fraternal, desinteresado, alén da comenencia egocéntrica, económica ou profesional?

Cristina y Los Stop

Moi pouco coñecido este grupo de finais dos 60. Tres Cosas é a súa canción máis famosa, a superventas “Saúde, diñeiro e amor”. Aproveitándoa, podemos viaxar por ese itinerario de guateques do pop setenteiro máis desenfadado e prescindible, pero ao que miramos co corazón na lapela, supoñendo que as súas baladas e os seus rockeríos trouxéronnos até aquí con máis tenrura que ira.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 12 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO SEXTO DÍA DE CONFINAMENTO

A N T Ó N   P R I E T O

Tíralle da corda a esta época doméstica. Teño tempo para todo. Iso é o que se di sen pensar demasiado. Quen máis quen menos, seguimos as rutinas diarias, non porque nolo recomenden os psicólogos, senón porque é o que nos pide o corpo para viaxar mellor entre a sombriza realidade. Despois de todo isto seguiremos mercando tonterías que non precisamos, buscando a última moda en iogures ou desprezando aos pobres de pedir, cousas para as que fomos educados. 

As rutinas son as escaleiras que nos conectan co que somos, polo que a axenda do confinamento está tan chea ou valeira coma nós mesmos. A motivación para facer, para encher os minutos de sofocos non reside no lugar no que teñas que estar, senón en todo o que precises para sobrevivir.

Por exemplo, os labores domésticos. A moitas persoas nos relaxan e nos axudan a continuar activas nestes días de presidio. A plancha é o meu Parnaso, o lugar que resume as miñas aspiracións máis sublimes. Onde me agocho da hiperactividade, do mundo hiperconectado, hiperinformado, hipermercado, hipercultural, hiperglobal.

Tras os reglamentarios bos días á túa parella se a tes e na casa, e a aquel ramalliño de imprescindibles virtuais, podemos comezar intervindo brevemente nunha polémica italiana entre un líder ultracatólico e nada menos que Madonna, á que calificou de “abuelona” alporizando aos seus seguidores locais. De seguido, alguén te informa que non hai moitos anos Abascal acodía a un coñecido cruissing de Vitoria na procura de pracer. Ole por el. Un vello amigo de Madrid infórmame sobre a orixe de “Resistiré”, letra que Carlos Toro compuxo pensando no seu pai, un preso comunista nos cárceres de Franco, o que aumenta a súa tensión épica neste momento en que volven co rollo das duas Españas, en vez de mirar por unha mellorada terceira versión.

Almorzos, xantares, confección de doces se pillas fariña no súper, o coidado máis repousado das prantas, algún libro que ler —estou con Homo Deus, de Harari, e non dou avanzado. Algunha masturbación tranquila. Repasar Diario de Pontevedra para saber qué acontece aquí mesmo, coa info local que non dan as teles. Falar coa mami tres ou catro veces ao día, coa irmá da alma, videoconferencias con grupos como a miña querida Triple A, un comando segredo para repasar os devaneos de Tinder, Grindr ou amantes antigos, en curso ou ad futurum, mesturado con series, literatura ou eses artigos de Jabois cos que derretemos o corazón. Aseo diario, a cola do súper… o monísimas que imos estar todas co antifaz.

Máis teléfono, vellos colegas. O meu record: Consu, 26 anos sen falarmos. E coa mesma voz. Qué ledicia. E Rosa, a miña compostelana recluida de casualidade no seu piso de Las Palmas. Pedro, o enorme Pedro que aos 77 está soíño porque o seu home que estaba de paso na Coru decidiu quedar para non incrementar aínda máis o seu risco vital en Madrid. O queridísimo Jordi, de Reus, co seu lanzamento nas redes como adestrador presencial e virtual: logo, estratexia visual, videos… sorte quen poida ter un guía tan perfecto. Pregunto ao amigo Andy se segue en NYC e como vai por aló, e recalo en Cádiz para saudar a vellas e novas amizades. O querido Chema de Bruxelas envíame fotos planchando, a raiz dunha que eu publico nas redes como reivindicación erótico festiva da cotidianidade doméstica. Escribo durante o día a amigos en Paris, Beirut, Stuttgar, Monte Porreiro, Marbella, Ferrol, Dubai, México. Comparto algún artigo e tamén o de Fortes ante o acoso dos nibelungos.

Máis tarde leo un interesante artigo sobre a orixe decimonónica da beirarrúa que me envía a imprescindible Ana, de Granada. Un simparar de sensacións e aromas procedentes de todo o mundo enchen de ledicia estes días de encerro. Necesitamos mitigar a carraxe pola morte de tantas persoas e a raiba viva que nos producen esas mensaxes terribles de que con máis de 70 xa non vas para a UCI porque o teu é morrer. Sacade de ahí, mamalóns, que os avós aínda teñen moita leña que cortar.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA O 10 DE ABRIL DE 2020, VIXÉSIMO QUINTO DÍA DE CONFINAMENTO